Vergoña!!- 23 Marzo 2017 - 06 Abril 2017

Individual e colectivamente somos un país anormal, froito da colonización secular que impuxo as súas normas e as súas directrices, así que a anormalidade impón as súas regras que docilmente son aceptadas por unha inmensa maioría da poboación que asume as súas fatalidades como normal. Eses son os desatendidos dos que teñen unha prédica de rescate, con predominio da súa verdade e atendendo a seu imperativo absolutista que non admiten advertencias, nin debates, nin cambiar de imaxinario. Eses son os redentores máis locuaces que pouco saben de normas e de respecto pola liberdade dos outros e menos dun diálogo intelixente sen berros nin verborreas. Estes copian a versión dos que imperan nese colonialismo de marcar co dedo aos que realmente son persoas normalizadas ou ben están polo camiño de conseguilo e incluso de imploralo.

Asústame cando a pluralidade está ameazada por suxeitos non conscientes do que realmente somos nas contradicións en que está ensumido o noso país. Por cavernarios que utilizan linguaxes e xestos de imposición, os mesmos que utilizan as clases dominantes que ostentan un poder omnímodo baixo o falso manto da liberdade e da democracia. Democracia e liberdade é un concepto abstracto para os que practican obstinadamente devorar aos que discrepan deles ou teñen un discurso de proxección. Concorrendo ao insulto, con toda a altivez que caracteriza a un ser ben colonizado e axente indirecto do mesmo. Este perfil o encontramos no eido da política, da relixión e da moral mais alienante e segregadora. O formato está ben institucionalizado, con esa forte e longa dose de  radicalismo imperativo, con súa pirámide de influencias que exercen caciques, subcaciques, lumpecaciques e acólitos, na difusión de que non sexamos conscientes de que somos  anormais e que dixerimos a alienación do que eles propagan. 

Democracia e liberdade é un concepto abstracto para os que practican obstinadamente devorar aos que discrepan deles ou teñen un discurso de proxección

Mais a outra versión que propagan os pregoeiros da verdade absoluta, desde o que eles coidan ser de esquerdas, converténdose en salva patrias de barateira: presuntuosos e dilixentes alborotadores que dominan un escenario de capeliña, cuxo ritual non modifica o tótem que eles adoran dunha maneira severamente radical. Claro que hai que ser radicais, sobre todo, cando as situacións límite obrigan a tomar claves e conceptos radicais, incluso recorrer a un acto de liberdade que é a desobediencia civil, como esclareceu Henry David Thoreau, sinalando como vía non excluínte o radicalismo democrático e libertario. O radicalismo ten as súas regras cívicas, non moi coñecidas polos que impoñen inútiles desafíos de negar ao outro, ao discrepante. Ese servilismo radical e minoritario procede do infantilismo pequenoburgués dos que naufragan por un mar de dúbidas e de acentuados personalismos, pero que son capaces de danar avances necesarios na pluralidade dunha sociedade que resolva, pragmaticamente, ter conciencia de que somos un país castrado e submiso, polas castas dirixentes de sempre e pola intervención dos que pensando ser útiles a unha causa nobre e xenerosa, o son a outra ben diferente e perniciosa.

Ese servilismo radical e minoritario procede do infantilismo pequenoburgués dos que naufragan por un mar de dúbidas e de acentuados personalismos

Temos o deber, como cidadáns de a pé, de facer unha lectura das situacións anormais nas que estamos e levamos séculos de opresión, mais temos a obrigación individual de examinarnos a nos mesmos, se verdadeiramente estamos contribuíndo sosegadamente a incrementar  irmandade e facer país ou, por outro banda, seguir practicando o raquitismo e a verdade absoluta, para que predomine a anormalidade colonial e caciquil. Mentres non traballemos pola concordia e a unidade para superar estes excesos de desencontros, estaremos esfarelando o noso país e seremos uns activos cómplices e simples colaboradores indirectos, con quen nos oprime.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía