Loita pola consolidación do noso idioma - 04 Maio 2017 07

Varias organizacións cívicas pro lingua teñen programado para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, como vén sendo habitual por esa data, unha concentración marco en Compostela e en varias cidades e vilas de Galiza, baixo a consigna: En galego sen límites. Unha cita que inspira puntual obrigación contestataria en defensa do idioma galego. Unha convivencia irmandiña de fidelidade á verba identitaria, personificada nos dons, símbolos e atributos que conforman a nosa comunidade nacional. Sen ela, Galiza sería unha referencia abstracta no mapa, un ocaso que eliminaría as raiolas mais resplandecentes do que nos personifica na pluralidade de pertencer e manternos nunha posición de rescate, belixerancia e resistencia.

Hai argumentos suficientes para non ser pasivos, coa depredación e a confusión que están creando os inimigos do noso idioma, desde diversas frontes e organismos institucionais. As estatísticas son bastante resolutas sobre os síntomas e carencias polas que pasa actualmente a presenza do galego nos medios de comunicación, nas diversas escalas do ensino, nos centros comerciais, nos oficios relixiosos. Neste caso, resulta indignante cando paseamos polas naves da catedral de Santiago e vemos o horario de misas en inglés, francés, alemán, italiano e castelán, e nada en galego. Bestial! O clero xa dá por feito que o galego está nunha posición irrelevante e subordinada ao castelán. Certo, o castelán é o que alborexa en toda a liturxia. Cando o castelán é un idioma foráneo como os mencionados, pero con rango colonial. 

Resulta indignante cando paseamos polas naves da catedral de Santiago e vemos o horario de misas en inglés, francés, alemán, italiano e castelán, e nada en galego. Bestial!

Hai contundencias difíciles de asumir, cando as constantes agresións vulneran os dereitos ao ensino: principio de todo dereito civil a ter aceso no idioma do país. Mais a discusión é moito mais profunda, cando falamos de dereitos e liberdades dos pobos e fácil de interpretar e asumir, tal como está expresada na Declaración Universal dos Dereitos dos Pobos, proclamada en Arxel o 4 de xullo de 1976 que, na Sección IV e Artigo 13, subliña: “Todo pobo ten o dereito a falar a súa propia lingua, a preservar e desenrolar a súa propia cultura, contribuíndo desta maneira a enriquecer a cultura da humanidade”. Esta declaración, interpretada desde unha posición de forza orgánica que proceda das bases omnímodas dun Estado unitario e potenciado por seus acólitos e lacaios na nación colonizada, esa declaración é para eles intromisión e, por tanto, nociva a seus intereses. Mais, o que reivindicamos e proclamamos coincide cos dereitos fundamentais e universais e, nesta dirección, hai que dar as batallas que sexan precisas, ben argumentadas nos diversos campos de litixio. A defensa do idioma ten que facerse dunha maneira pragmática, e nada voluntarista. Neste sentido, temos forzas imprescindíbeis que avalan, no eido teórico como no práctico, eses estudos sobre a situación da fala e, tamén, das loitas e mobilizacións que dignifican a acción popular que se dá no noso país.

Mais aínda non estamos libertos da fatalidade inxenua, dese infantilismo rudimentario de falar a lingua que oprime o idioma galego,ese escurantismo urbanista dos que se posicionan en contrariar a eclosión merecida da nosa lingua orixinal. E nesta trampa caen moitos galegos, cando desertan do básico, sendo indiferentes con algo tan esencial como é o desenvolvemento da nosa personalidade colectiva, tan determinante na lingua que moldeou o noso ser, nun espazo xeográfico determinado onde floreceron os nosos sentimentos aferrados á terra. Se somos galegos e temos conciencia de selo, é polo que atinxe o noso idioma e temos o deber e o compromiso de defendelo, nas rúas da fala.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía