O problema dos incendios na Galiza - 29 Xuño 2017

Pasaron mais de cen anos daquelas lapas incendiarias que aledaban a aquel vello, famento e esfarrapado que por culpa dos preitos co señorío ficou arruinado. Mais cando viu incendiarse o pazo do señor que o desvalixou, alentou con ledicia festeira. Así o lembra Ramón Cabanillas, no poema: “Lume no Pazo” do poemario: “Vento Mareiro” (1915). Mellor sexa que a verba enteira de Cabanillas nos desvele estes eufóricos e realistas versos: “E un velliño, moi vello, /de geudelliñas brancas, / que vive de milagre, / xantando cando xanta, / vestido de farrapos / e durmindo onde cadra, / -todo por mor d-un preito / de rendas atrasadas, / no que os donos do pazo / deixárono sin nada,- / ollando cara ó lume, / ríse, barulla e fala / de ir buscal-o gaiteiro / para que toque a gaita!”. 

O vello de guedellas brancas non era mais que un potencial e xusticeiro redentorista da tipoloxía fusquenlla, dos esclarecidos Irmandiños galegos do século XV, que derrubaban castelos e queimaban pazos e celeiros da ruindade dos señores e condestábeis. A mesma práctica usárona os agrarios da Ulloa, na loita contra o fisco centralista, pola imposición contributiva, denominada, “La Única”. Esa revolta de 1792 contribuíu a non poucos incendios dos bens do señorío aforado e rentista. Era a época da mao oculta facendo xustiza coa vitoria destrutiva das fogueiras. A revolta de facho ardente a facer xustiza. 

Esta práctica permaneceu visíbel até non hai moitos anos, cos grandes incendios que destruían valores de riqueza moi localizados. Cando isto foi a mais, aparecía frecuentemente na TVE -fai uns corenta anos- o seguinte slogan oficialista: “Si un bosque se quema, algo suyo se quema”. Mais o matiz mordaz e humorístico non tardou en poñelo Jaume Perich, en mostrarnos a outra cara escura da moeda, contante e soante, desta maneira: “Cuando el monte se quema, algo suyo se quema... señor conde”. Mais o tema cambiou bastante desde hai catro décadas para acá.

Os destrutores incendios destes días, con mais de sesenta mortos no centro de Portugal, vén cuestionar a baixada de garda, ante o imprevisíbel dun incendio e das súas características destrutoras. Lin varias críticas en xornais españois, denigrando o goberno portugués de esquerda pola falta de medios. Coido que esas opinións interesadas veñen de persoas que coñecen moi pouco o país irmao -para os galegos- de Portugal. Este país conta desde finais do século XVIII cunha estrutura de bombeiros en cada concello, os seus compoñentes eran e continúan sendo voluntarios que, ademais, dentro da súa nomenclatura organizativa, conforman un acervo cultural importante, como bibliotecas, grupos musicais e un asociacionismo moi activo en varias descubertas da historia de Portugal. Por tanto, os bombeiros voluntarios son unha institución moi respectada polos portugueses. Xa nos agradaría aos galegos contar cunha cobertura territorial de bombeiros voluntarios e dunha organización tan forte como eles teñen. Mais o imprevisíbel destas catástrofes son así de tráxicas.

Por outra banda, unha grande parte da cidadanía do rural portugués vive dunha economía forestal, como é o piñeiro, non só da súa madeira, mais da recolección de resina. Se pasamos por eses piñeirais, veremos como se efectúa esa sangría nuns recipientes cravados no toro desta especie. En Portugal estes bosques que deixan un rendemento colectivo son coidados e, mesmo, conservados. O problema que ten este país, agora mesmo, son as grandes poboacións de eucaliptos, unha árbore depredadora e foránea, tan protexida polos poderes salazaristas, da cal sacaban rendemento os terratenentes, destruíndo as forestas autóctonas. Mais isto é outra cantiga ben diferente, á que entoan os que viven, coidan e conservan as especies forestais do país. A poboación de eucaliptos depende de intereses maiores por parte duns produtores que venden esta especie a celulosas, Por tanto impórtalles moi pouco a alteración da paisaxe e o deterioro do subsolo. Faltan moitos matices para corrixir esta desfeita, por parte dos gobernos que transixen e, ademais, son cómplices dos monopolios de produtores e eucaliptos e das celulosas.

O problema que ten Portugal, agora mesmo, son as grandes poboacións de eucaliptos, unha árbore depredadora e foránea, tan protexida polos poderes salazaristas

Na Galiza aterran os incendios de Portugal, polo desastre que producen e, sobre todo, pola falta dunha política de prevencións que continúa conxelada na administración de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, obsesionada por apagar incendios e sen crear infraestruturas para fomentar e organizar unha prevención, consistente en localizar zonas de risco xunto a poboacións vulnerábeis aos incendios. Apagar o lume é unha acción puntual. Na Galiza esta acción conta con efectivos moi  precarios tanto en persoal como en medios. Este factor testemúñano as longas e diversas manifestacións en que o persoal de incendios vén reivindicando mais medios e unha política firme, que sexa coherente fronte ás diversas necesidades como unha vixilancia que controle en cada concello, espazos de risco, a limpeza de montes e de terreos abandonados, marcando obxectivos de control, por medio de alertas naquelas zonas de perigo. Mais para que isto sexa efectivo hai que lexislar correctamente e non pór remendos, tal como se vén facendo nestes casos tan graves que acontecen na nosa xeografía.

Outra das cuestións que priorizan unha extremada prevención, non soamente de incendios, é a urxente erradicación de plantacións de eucaliptos, por decreto. Mais as institucións en cuestión non están polo labor e non dan o paso certo, na eliminación deses inmensos bosques, que manteñen esa árbore foránea que destrúe os espazos vitais de Galiza, dos que se benefician os monopolios das celulosas. Galiza precisa de rehabilitar eses espazos masacrados pola plantación de eucaliptos, repoboándoos con árbores autóctonas e tradicionais, mais resistentes a este tipo de catástrofes e mais produtivas para o contexto social e colectivo do medio rural.        

Claro que aos galegos nos aterran os incendios, porque na Galiza hai a experiencia de graves desastres como os de 2006, en que os medios utilizados pola Xunta (herdanza dos gobernos Fraga) eran tan inservíbeis, ante tamaña dimensión do lume, que tiveron que intervir efectivos do exército. A partir deses desastres, a Consellaría dirixida por Suárez Canal impulsou reformas positivas mais estas foron truncadas polo PP no seu retorno a San Caetano. non se formalizou un protocolo de prevencións. E isto acontece con todo na Galiza. As administracións non previron cando na costa marítima galega, de alto risco na ruta dos petroleiros, houbo avisos de vertidos que foron a mais, até o desastre do barco Urquiola (1976), sendo superado en 2003 polo voluminoso desastre ecolóxico e a depredación da riqueza marítima que trouxo o petroleiro Prestige. Nesta ocasión de gravísimo alcance, os políticos miraron para outro lado, uns de caza en Toledo e outro falándonos de hilillos sen consecuencia. Ese outro é quen hoxe dirixe o executivo do goberno español. Realmente este país de “pel de touro” é ben diferente aos do resto de Europa. Se isto acontecese nun país europeo, verdadeiramente democrático, o señor dos “hilillos”, sería sancionado e apartado de toda responsabilidade política. Aquí ao contrario, foi premiado. Por tanto, o slogan fraguista: Spain is different! retrata ben os políticos que temos e que consentimos.

Dada a grave dimensión creada polo desastre ecolóxico do Prestige, estamos a espera doutro que supere ao provocado por este petroleiro. Por qué? Porque non se tomaron prevencións para que iso non volva a acontecer, creando puntos de refuxio e poder controlar os vertidos, como acontece noutros países da ruta do petróleo. O mesmo acontece cos desastres provocados polos incendios: obsesión por apagar o lume, sen suficientes medios, antes de contar con dispositivos de prevención para evitar o que hoxe continúa sendo moi grave e inevitábel.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía