A voz da Galiza ferida nas rúas de Compostela - 27 Xullo 2017
logo nosjpg

Xosé Lois García

A voz patriótica sinalando a ruta nunca perdida daquela Galiza evocada por Ramón Cabanillas: “Galicia! Nai e Señora, / sempre garimosa e forte; / preto e lonxe; onte e agora, / mañán... na vida e na morte!” A Galiza xenerosa e patriótica que “desperta do seu sono”, sinalando os puntos conflitivos e a desorde creada que a abafan. Compostela, o centro patriótico da nosa historia e das nosas reivindicacións, fulgor estrelecido na voz e no ánimo de miles de galegos que proclamaron irmandade e denunciaron a realidade parasitaria da negación de puntuais dinámicas sociais e económicas que Galiza precisa dunha maneira radical para o seu desenvolvemento. Cada ano vemos resplandecer esa “Alba de Gloria”, a que Castelao salientou coa voz irmandiña e con apelos patrióticos polas rúas e prazas de Compostela. Esa “Santa Compaña” do pasado e do presente, enarborando bandeiras e consignas, reivindicando os nosos atributos de nación. Lingua, cultura, desenvolvemento económico, proxección social para que ninguén continúe fuxindo polos camiños da emigración.

O pasado día 25, Día da Patria Galega, da nosa Matria e Nación, a ovación e resposta a puntuais problemáticas existenciais que aflixen á maioría do pobo galego, non deixan de ter esa incontinencia patriótica e cívica que nega a parafernalia e as terxiversacións que difunden os poderes que asoballan patria e pobo. E nesta lealdade continúa a voz en berro pedindo e ampliando unidade cívica e superando problemas e mediocridades, como nos lembra aínda aquel discurso de Castelao, no seu exilio de Buenos Aires, o 25 de xullo de 1941, sinalando os valores patrióticos e nacionalistas como elemento unitario de salvar a nosa Patria, salientando: “A unidade substancial que forman a nosa Terra e o noso Pobo atopan n-esta data unha expresión xubilosa. Na individualidade perecedeira de cada galego xurde hoxe a inmortalidade da Patria. Xornada civil, festa patriótica, lembranza e anceio de tempos mellores. Cada un de nós síntese solidarizado cos demais galegos, participando coa súa ideoloxía e o seu sentimento na vontade de Galiza. Hoxe cada galego é un anaco de eternidade”.

Co visto o pasado 25, parece que as masas suman e pode que a toma de conciencia multiplique as adherencias á nobre causa

A verba nunca impugnada de Castelao presenta unha argumentación invariábel dun contexto cívico e dunha expresión patriótica que ano tras ano maniféstase nesta Galiza irredenta que concorre aos actos de Compostela para sinalar camiños e nunca para desandalos. Unha proxección de futuro para o pobo; un aliciente para abrir fendas, como ben se fai nesas festas patrióticas que se celebran en aldeas, barrios, vilas e cidades, en vésperas da festa grande e unitaria de Compostela. Co visto o pasado 25, parece que as masas suman e pode que a toma de conciencia multiplique as adherencias á nobre causa, para recoñecernos na nosa Terra e espertar ante os problemas que nos atenazan, e soamente os galegos podemos solucionalos. Un bo síntoma para marcar unha fronte direccional sen perdernos nas encrucilladas das divagacións, dos individualismos e das desunións. A palabra certa e verdadeira será a que nos leve ao diálogo e a un debate xeneroso, tantas veces frustrado. O Día da Patria Galega foi unha xornada cívica e de dignidade colectiva que debemos practicar e ter conciencia que “O povo é quem mais ordena!”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras