Catalunya triunfant - 05 Outubro 2017

O escenario popular catalán que verificamos a partir do 1-O non deixa sospeitas para moi poucos que a sociedade catalana, en seu conxunto, foi agredida por un continxente de forza bruta e cunha prepotencia tal que supera o poder dun Estado mal chamado democrático que interveu en varias ocasións en Cataluña: Semana Tráxica, Lei de Fugas, represións franquistas como a que se deu contra as manifestacións en pro do Estatut d’Autonomía, na década de 1970. A do día 1-O devólvemos aos mellores tempos da violencia fascista. Por tanto, temos que inventarialo como un dos días tráxicos en que a ocupación do españolismo más rancio e furtivo deu ordenes explícitas e carta branca para que as forzas represivas cruzasen todas as barreiras da intolerancia e da agresión, cos mesmos métodos e luxurias sanguentas dun pasado inesquecíbel, como ben o define o editorial do The New York Times sinalando: “A brutalidade policial vista no 1-O deixa a Rajoy como un matón intransixente”.

A escalada de terror desatouse contra unha multitude plural e democrática, como é a sociedade catalá, que intentaba votar para decidir co si ou co non. O orgullo de ser catalán e ter conciencia de nación non é unha cuestión soamente de nacionalistas, é unha cuestión moi antiga e moi asumíbel polo pobo catalán que se alzou pacificamente en defensa de seus dereitos, fronte á inquisidora idea centralista de sempre, de pretender aplacar a razón e a liberdade dos pobos a porradas. Parapetouse na xustiza e nas forzas represoras dun xeito desleal aos principios democráticos, aos dereitos humanos e a un diálogo político e, sobre todo, apelando a unha constitución reducionista, como se esta fose a panacea en pór atrancos a todo aquilo que non lle convén ao españolismo reaccionario. A cuestión de Cataluña é política e mediatizouse por parte do poder central, a ignorar os argumentos e os avances reivindicativos asumíbeis por unha maioría de cataláns, moitos deles non nacionalistas, senón agraviados por non poderen votar sobre un tema tan importante como é o de decidir sobre os seus propios problemas.

A escalada de terror desatouse contra unha multitude plural e democrática, como é a sociedade catalá, que intentaba votar para decidir co si ou co non

A actual santa compaña gobernamental, con Rajoy, Saenz de Santamaría, Zoido, con todos os seus acólitos inmobilistas, impuxeron un trazado de devastación o 1-O, que por sorpresa foi repelido por milleiros de persoas que repeleron a ocupación armada. Digo ben, cando o exército franquista ocupaba os diversos pobos de Cataluña, na súa acta de impor as autoridades locais, etc., denominábase Ejército de Ocupación, durante a guerra civil. A miopía deste goberno transgresor e corrupto -fiel á decadencia do pasado patrioteiro e militarista dos xenerais Narváez, Pavía, Primo de Rivera, Franco, posuidores da verdade sátrapa e fieis a aniquilar a palabra co fusil- encóntrase cun pobo unánime que non se deixa castrar nin admite a bota da intolerancia.

Cando o exército franquista ocupaba os diversos pobos de Cataluña, na súa acta de impor as autoridades locais, etc., denominábase Ejército de Ocupación, durante a guerra civil

Moitos dos cidadáns de Cataluña que pretenderon votar pacificamente nin son independentistas nin nacionalistas, son meramente defensores da dignidade democrática. Mais o inmobilismo anticatalán ten cobertura en certa e localizada prensa que presta unha obscena e deplorábel xestión en favor dun goberno tan sinalado polo mundo enteiro, nesta ocasión, manipulando os acontecementos que están acontecendo. Nesta situación, a evidencia manifesta que o poder do Estado está retrocedendo e baixando de chanzo, mentres a sociedade catalana está conquistando unha posición de dignidade e, suponse, algo máis que non terá precedentes...

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía