Cataluña: dous pasos adiante, un atrás - 16 Novembro 2017

A mobilidade da sociedade catalá, no seu conxunto, ten dado dous pasos adiante, en seus recursos reivindicativos, a partir do 1-O; un sprint galáctico que a partir desa data creou conmoción para uns e parálise para outros. O nacionalismo catalán e a sociedade que o protexe e confirma manifestou a súa estratexia mais incómoda fronte ao nacionalismo inmobilista que usa o unitarismo estatal. Mes e medio de continxencias e insurxencias non deixan indiferente a ninguén sobre os vaticinios que poidan acontecer nun espazo de tempo determinado. O 1-O determinou moitos anhelos e confianzas dunha grande parte da sociedade catalá. Tamén foi un gran día de frustración, no que todos vimos o verdadeiro rostro dese unitarismo españolista, que continúa bebendo das augas lodas da incomprensión e de non entender que a pluralidade e o recoñecemento das falas e culturas diversas están dentro da antiga pel de touro peninsular. Non recoñecer esta realidade e anular un dereito democrático de poder votar, coas garantías e todos os dereitos admisíbeis, contribúe a males maiores. Neste caso, o goberno español utilizou a forza represiva que nos lembra os mellores tempos dos estados de excepción franquista.

Con estas actuacións de forza ante unha sociedade indefensa e moi determinada en súas decisión, Cataluña gañou porque perdeu o medo ante o Estado español. Os medios de comunicación de todo o mundo, sobre todo dos países libres e democráticos, difundiron a verdadeira faciana dun Estado que nega a realidade constantemente e dunha maneira que non solventa o diálogo, senón que o apraza pola forza. Neste contencioso, Cataluña deu dous pasos adiante: un no sentido clamoroso da sociedade que desexa realizar o seu futuro pacificamente;  o outro na dirección de dar a coñecer o seu problema nacional e existencial a un mundo que viu como a cidadanía era reprimida e o goberno español continúa refuxiándose en leis represivas.

O 1-O foi un gran día de frustración, no que todos vimos o verdadeiro rostro dese unitarismo españolista, que continúa bebendo das augas lodas da incomprensión

Ante estes dous pasos dados en positivo polos cataláns, a resposta do goberno do PP foi  atrincheirarse no 155 constitucional, sendo ovacionado por múltiples medios de comunicación, con adherida vocación españolista, potenciados por unhas elites dominantes deses medios, mediatizando e convertendo o problema catalán como desfeita e agresión. Mais este proceso iniciado en Cataluña vén constatar que estamos ante unha Constitución que conta cunha idade senil que xa non hai razóns para utilizala ante os cambios sociais, económicos, culturais e xeracionais que precisa a totalidade da sociedade, para xerar confianza na posta ao día dunha sociedade que precisa acadar confianza en si mesma e recoñecerse en cada unha das culturas e de moi diversos contextos sociais e nacionais nas que emana e vive.

O proceso catalán, sen dúbida, aportará un cambio cualitativo cando deixemos de ollar para esa “España de charanga e pandereta”; a sempre escuálida e regresiva, pechada en irrealidades de leis e sancristías. Cataluña aspira a ser “gran i plena”, como sinala a letra do himno nacional, Els Segadors”. Unha antiga aspiración que vai escalando chanzo a chanzo, en todo aquilo que trata de conquistar. O último chanzo escalado ten un carácter vertixinoso nesa conquista de normalizar a súa identidade nacional. Pese a todas as barreiras que se poñan a Cataluña, sempre será ela mesmo, tanto se se acepta como se non se acepta. Como di a letra de La Santa Espina, de Ramon Calduch, considerada o segundo himno catalán: “Som i serem gent catalana / tant si es vol com si no es vol”.

Podemos considerar un paso atrás que un goberno como o catalán sexa intervido e parte del estea no cárcere e a outra nun suposto exilio. Realmente é un paso atrás que provocou o Estado centralista, con toda a súa maquinaria represiva e esperpénticas “legalidades”. Mais o pobo catalán respondeu, alén de que moitos non prefiren a vía independentista e se adheriron ás grandes manifestacións que durante este mes e medio de conflito manifestaron o seu dereito a votar e decidir. Non negamos certas e puntuais contradicións que se deron na última fase do proceso, mais os cataláns son conscientes de que a Cataluña quédanlle algúns chanzos mais para conseguir o que pretenden. Mais as políticas conservadoras do unitarismo españolista, radicais e espoliadoras, fican moi tocadas ante a lexítima reivindicación nacional e social proposta por Cataluña.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía