O noso idioma e a infancia - 14 Decembro - 2017
logo nosjpg

Xosé Lois García

Fai poucos días que fun mercar un xoguete para ofrecerlle a unha crianza amiga e flipei ao comprobar que todos aqueles xoguetes que tiñan voz e falaban, o facían en castelán e inglés. Mesmo a dependenta da tenda ficou sorprendida cando lle demandei algún exemplar que falase en galego. A señora manifestoume que non fabricaban xoguetes con voz en galego, e que era eu o primeiro en pedilo no noso idioma. O tema alarmoume, en dúas direccións: dous idiomas intrusos a ser difundidos nun territorio que goza dun idioma propio no que nos identificamos a maioría dos galegos -pese ás sufridas deficiencias e atrancos que se lle impoñen-. Trátase dunha imposición en todo regra comezando polos fabricantes, talvez estes non teñan toda a culpa, e si aquelas institucións que teñen a obriga de fomentar e regulamentar o ensino en galego e o xoguete sonoro no noso idioma. Isto non deixa de ser un elemento fundamental, tanto pedagóxico como didáctico que debe responder ás relacións familiares como ás do ensino: instalando as nenas e nenos galegos da nosa comunidade na nosa fala orixinal. Neste caso, a nena en cuestión e a súa familia son falantes en galego, e non puiden cumprimentala cun agasallo das características desexadas.

A señora manifestoume que non fabricaban xoguetes con voz en galego, e que era eu o primeiro en pedilo no noso idioma

Esta carencia é outra das fases irreprimíbeis do colonialismo operante e imperante no noso país. Colonizar a infancia é un delito pola inmoralidade e pericia con que se sostén, dunha maneira opaca e silenciosa. Neste sentido, cabe plantarse ante un modelo negativo que ignora o noso idioma e posiciona os nosos infantes noutra realidade idiomática que non é a que falan as súas familias e de moitos profesores que falan galego a seus alumnos. Este tipo de contradicións nas que se encontran nenas e nenos do noso país, sometidos e orientados nesa diglosia, que psicoloxicamente comezan a diferenciar que a lingua que falan no seu entorno está en inferioridade coa lingua foránea que se lle dá mais prestixio e ten mais relacións en institucións e estamentos sociais e administrativos: políticos, xudiciais, eclesiásticos, que empregan o castelán. Por tanto estamos nunha situación límite, nesa oferta de contradicións, que a propia infancia ten que soportar, e os que “administran” o ensino non fan nada sobre os brinquedos sonoros no idioma galego; nin xestionan convenios con fabricantes para concretar variados modelos de xoguetes que respondan ao contexto identitario galego.

Colonizar a infancia é un delito pola inmoralidade e pericia con que se sostén, dunha maneira opaca e silenciosa

Neste aspecto temos a obriga de protestar enerxicamente co fin de normalizarnos para conseguir logros nesta dirección. Como fai bastantes anos o fixo Cataluña, tomando como modelo pedagóxico a inclusión do seu idioma en xoguetes sonoros e na recuperación de brinquedos e xogos autóctonos, baixo o lema: “Primer les nostres joguines, després els que ens interessin pedagògicament”. Unha segunda consideración lévanos a ese abismo que hai entre dous contextos ben diferenciados, entre a sociedade galega e a catalá. Estamos ante unha enorme convulsión de retrocesos orixinados por esa uniformidade que se programa desde o propio Estado. Pero tamén estamos ante unha sociedade que non se involucra en tomar conciencia das pequenas cousas, como pode ser a demanda dun brinquedo que teña voz en galego: a linguaxe dos seus pais e do circuíto en que falan galego. Elemental: se non hai unha toma de conciencia, sobre este aspecto, non se pode manter unha firme esixencia.

Estamos ante unha sociedade que non se involucra en tomar conciencia das pequenas cousas, como pode ser a demanda dun brinquedo que teña voz en galego

A nosa literatura infantil e xuvenil ten crecido dunha maneira espectacular, e é aquí onde reside o contacto e a conexión inicial de potenciar o que se fala e no que se pensa, en galego. Residir na fala e constatala -como testemuña e confirmación existencial dunha cultura e dunha realidade diferencial e nacional, como é a galega- comeza por instalar os nosos nenos nesa aprendizaxe de ler literatura infantil en galego. Isto non deixa de ser un enorme investimento en potenciar nos nenos a autenticidade dunha Galiza de noso. O mesmo acontece cos brinquedos sonoros de manter a voz na nosa propia linguaxe na que estamos ubicados. Polo contrario debemos negarnos a aceptar as linguas que nos colonizan. Mais por enriba de todo está a liberdade e a vontade persoal de cada un. Mais non debemos negar as evidencias e nunca as carencias.