O bicentenario de Karl Marx e o rexurdir dun debate social - 11 Xaneiro 2018
Opinión: nos diario

Naquel 5 de maio de 1818 nacía Karl Marx, en Tréveris (Renania alemá), -famosa cidade na que foi executado Prisciliano, o ano de 385-. Alén de douscentos anos, vibran as contundencias sobre un pensador materialista e revolucionario cuxo pensamento fixo cambiar o mundo e continúa a facelo. O debate ao redor da súa obra científica, nestes tempos de crises e cambios de estruturas imperialistas, mostra que o ideario de Marx esta vivo e non exposto a ser fosilizado, como vaticinaron alegremente cativos, inxenuos e interesados acólitos de barateira, dun capitalismo que continúa mostrando as omnímodas gadoupas de seu poder de desigualdades e coartando liberdades. Esa múltiple ledicia burguesa -en explosiva revelación de triunfo, pola caída do muro de Berlín, a desaparición da URSS e a despersonalización do proletariado- encheu de euforia a clase dominante e non só, pregoando que o marxismo e a loita de clases tiñan sido sepultados. Desta idea simplista foi receptora e difusora unha clase intelectualizada e de tecnócratas amparadora do capitalismo máis reaccionario e non poucos políticos de ocasión e transvase, sentenciando o fin do marxismo, das ideoloxías revolucionarias e da loita de clases. A renuncia que parecía  imposíbel deuse con contundente frivolidade. “Hai que ser antes socialista que marxista” (Felipe González, dixit). Este cabaleiro andaluz, que hoxe cobra dos monopolios burgueses mais de trescentos mil euros por amparalos, deu por derrotada a loita de clases en todos os expedientes marxistas. E seguindo no don das falacias proféticas, Santiago Carrillo sentenciou: “Ditadura, nen a do proletariado”. Fainos sospeitar que estas frases, sobre todo a de González, non deixa de ser un achegamento ao que reivindicaba o franquismo, de ser o liquidador da loita de clases nas teses de Marx, adhesión que non nos pode deixar indiferentes. 

Vibran as contundencias sobre un pensador materialista e revolucionario cuxo pensamento fixo cambiar o mundo e continúa a facelo

Neste bicentenario do nacemento de Karl Marx, que se cumpre neste ano no que concorremos, volverán os seus textos científicos a seren expostos nese longo inventario de libros e en todos os medios de comunicación, na memoria informática, en teses doutorais, a poñer as diversas crises do momento actual baixo a luz científica e carismática de Marx. Entenderán os artífices da tentativa de dilapidalo e demonizalo, que son uns derrotados fronte ao debate e a crítica rigorosa que vai xurdir do pensamento marxista. En 1983, ano do centenario da morte de Marx, meu último ano na facultade de Xeografía e Historia da UB, presenciei un inédito acontecemento ao redor de Marx e o marxismo, pola variedade de temáticas en todos os ámbitos da ciencia historiográfica, en cada un dos aspectos e leis que veñen estruturadas e que implican aos movementos sociais contemporáneos.

Con certeza, este 2018 será un ano que abra fendas cara á orixinalidade do humanismo filosófico, tamén pola definición crítica ideolóxica coa que Marx matizou as diversas conceptualidades da economía política. Nesta ocasión, o bicentenario servirá como debate e expoñente da obra de Marx, nas diversas confluencias e direccións do actual panorama político polo que atravesan as nacións. Sen dúbida, terá un carácter transcendental na verificación dun ventallo de escenarios que podemos definilos á luz do proceso da loita de clases, do panorama actual do proletariado e das súas organizacións políticas e sindicalistas e, tamén, da diversificación da clase dominante, no talismán do seu poder e das súas contradicións.

Ao nacionalismo e á pretensión dos pobos a liberarse do colonialismo dedicoulles varios ensaios

Karl Marx estudou as diversas fases históricas do proletariado e do capitalismo do século XIX, e ningún deles deixou ao azar. Ao nacionalismo e á pretensión dos pobos a liberarse do colonialismo dedicoulles varios ensaios, nomeadamente sobre a "cuestión irlandesa", aportando elementos moi contundentes e determinando que os postulados comunistas non están en contradición co nacionalismo liberador e non conforme cunha segunda vía autonomista, ao dicir: “Un país autónomo non é un pais libre e independente”. Neste aspecto, Marx contribuíu para varios ensaios sobre o escenario político e o problema militarista, con diversos artigos no New York Daily Tribune en 1854 e 1856, reflexionando sobre varias cuestións que se deron desde o Trienio Liberal até as convulsións creados polos xenerais O’Donnell, Serrano, Narváez, etc. A cuestión do proletariado en súas diversas fases de despregue e as contradicións que se dan nunha burguesía incipiente e incapaz de realizar avances estruturais. Nestes ensaios aparece a Galiza como un país posicionado nunha das fases mais retardatarias do desenvolvemento económico. Reconstruír todo un proceso social e económico partindo de Karl Marx será toda unha aventura para introducirnos na crítica de varios estamentos e estadios da loita de clases. Un ano para reflexionar este do bicentenario de Marx.