Os murais cromáticos das igrexas da Ribeira Sacra que convén salvar - 25 de Xaneiro de 2018
Opinión: nos diario

Suponse que as administracións do Estado e da Xunta de Galicia teñen inventariado a riqueza pictórica que hai nos diversos templos da Ribeira Sacra, que contan con numerosas expresións e ofrecen unha eficiente atracción artística, moitas delas sumidas nun abandono sen precedentes. Coidamos que durante anos e séculos non se fixeron previsións nin estableceron prioridades para salvagardar, manter e conservar a riqueza mural dun inmenso patrimonio espallado por estes longos eidos ribeiraos. O deterioro destas pinturas, debido á intervención de varios axentes depredatorios, sinalan a decadencia de varios estilos pictóricos que foron erixidos na Ribeira Sacra e que aínda hoxe nos dan acenos para que os admiremos e rescatemos. Velaquí a grandeza da arte sacra ribeirá exhibindo seus portentos creativos e non só doutrinarios.

É verdade que se deron pasos na restitución de pinturas murais nas igrexas da Ribeira Sacra, non os necesarios e determinantes, capaces de acelerar a eclosión na descuberta deste tesouro patrimonial. Dando un percorrido pola Ribeira Sacra luguesa, de entre Miño e Sil, podemos observar no presbiterio de Proendos (Sober) a restitución desa epifanía renacentista (anteriormente ao restauro estaba baixo unha cobertura de cal) que veu converter a este templo románico nun dos focos de atracción artística que se materializa nas numerosas visitas a este templo. Mais no concello de Sober aínda faltan por restituír e normalizar os fragmentos pictóricos renacentistas da igrexa de Lobios, e os magníficos murais da igrexa de Pinol, que están en vías de restauración.

No concello de Sober aínda faltan por restituír e normalizar os fragmentos pictóricos renacentistas da igrexa de Lobios

Déronse pasos en firme nas igrexas románicas de Pantón, no caso dos inmensos murais de Pombeiro e Atán, mais aínda non os determinantes nas pinturas de S. Fiz de Cangas e Eiré que están á espera dunha maior atención e celeridade en determinar un proceso real de proxección, normalización e divulgación, tanto no conxunto monumental arquitectónico como pictórico. O mesmo acontece con algúns dos frescos das igrexas románicas do Saviñao. No caso das pinturas da igrexa de Seteventos, apreciamos unha intelixente recuperación das pinturas que cercan o arco toral, no transepto da nave, que nos colocan no fulgor da transición gótica-renacentista. Nas igrexas de Diomondi, Santo Estevo de Ribas de Miño e San Vitorio de Ribas de Miño hai destaques cromáticos que manifestan o esplendor simbólico e decorativo do que foron estes espazos e que algún deles merece rescatalos. Nas igrexas románicas de Marrube, Fión e A Cova hai sinais de pinturas, hoxe irrecuperábeis. Aquela grandeza artística da que gozaron as igrexas do Saviñao manifestan arrepiantes agresións a seus portentosos frescos.

Mais podemos gabarnos de certas restauracións pictóricas que, en parte, volveron á grandeza das súas orixes, nas terras miñotas de Chantada. Refírome ao mosteiro de Santa María de Pesqueiras e á igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. En Pesqueiras, despois de tantas peripecias e desaguisados, dado o abandono a que estivo sometido este mosteiro, Patrimonio decidiuse ao restauro dunhas sobrias e nada vulgares pinturas manieristas de mediados do século XVI. Articuladas en tres grandes apartados: Anunciación, Resurrección e Xuízo final. Un temario moi común naquela época negra e medoña da Contrarreforma e de Felipe II. Foi vital para o patrimonio monumental da Ribeira Sacra a restauración das pinturas presbiterais de Pesqueiras, mais, como no noso país as cousas se fan a medias e poucos se dan conta do inacabado, é preciso destacar que os magníficos frescos de Pesqueiras están en continuo mutismo expresivo por falta de luz. Dada esta carencia, a multitude de visitantes non poden visualizar sensíbeis e minuciosas particularidades estéticas que ofrecen estas pinturas. A falta de arranxo dos camiños e a escasa sinalización do monumento son elementos complementarios que se deben corrixir con certa urxencia. Dado que o mosteiro de Pesqueiras é un monumento BIP e, polo tanto, ten dereito a unha apertura catro veces ao mes e que non se fai realidade por comodidade ou respecto mutuo entre a Xunta e o bispado.

Aquela grandeza artística da que gozaron as igrexas do Saviñao manifestan arrepiantes agresións a seus portentosos frescos

Continuando pola terra chantadesa, podemos encontrar residuos de numerosas pinturas como as que aínda exhibe o testeiro da igrexa de Requeixo, que deben ser restituídas para non sumar erros a seu deterioro. Así como as de Mouricios, en fatídico deterioro o mesmo que as de Fornas. Na igrexa de San Miguel do Monte, hai uns trinta anos, existía un mural renacentista con fragmentos da crucifixión que foi vítima dos arroutos do crego que nunha das limpezas das paredes chimpou os frescos. Que aconteceu? Pois nada, coido que Patrimonio nin se decatou.

As apoteóticas pinturas da mencionada igrexa de Nogueira de Miño, en lamentábel deterioro, foron restauradas minuciosamente e hoxe son, sen dúbida, un dos conxuntos pictóricos mais importantes da Ribeira Sacra. A súa grandeza manierista do século XVI reviste a este templo dunha importancia tal que podemos consideralo como un sacro museo enclavado nas paisaxes rurais, mais puras e bucólicas que o río Miño cerca e baña esta beneditina ribeira. Parece que o estilo manierista desprazou a pinturas de estilo gótico flamenco, e estas a outras románicas, como podemos observar nos murais esa sucesión de estilos. Coido que foi acertada a restauración deste enorme complexo cromático que nos revela e conduce a ese poderío cultural e social que Nogueira de Miño representou en tempos idos. Mereceu a pena o investimento que a Xunta empregou do erario público. Faltan aínda por resolver certas concomitancias que están presentes neses aparellos de culto que interfiren na plena independencia dos frescos restaurados e que os técnicos deben resolver.

A presenza de cinco mil visitantes nun ano di moito en favor deste museo sacro que, de cuxos frescos extraemos moitas noticias da creación e recreación artística dun pintor anónimo que creou e expandiu obradoiro e escola pola Ribeira Sacra. Moitos denomínana como a “Capela Sixtina” de Nogueira. Un invento inxenuo reducionista dunha xornalista dun medio de comunicación provincial, que seduciu a outros medios a rubricar o tópico de engrandecer esta obra, comparándoa coa incomparábel Capela Sixtina de Miguel Anxo. O complexo de inferioridade de algúns galegos lévaos a manifestar desafortunados e indebidos destaques comparativos. Unha maneira de degradar a nosa autoestima. Quen non ten oído o tópico comparativo de que o mosteiro de Oseira é o Escorial galego. Que impertinencia mais horteira son as teimas de dependencia e imitación na que se instalan algúns para afirmar o noso utilizando a grandeza das cousas materiais dos outros, que en pouco ou nada teñen que ver co que a nosa arte expresa.