Urxe salvar e divulgar os petróglifos de Sober -08 Febreiro 2018
Opinión: nos diario

No Concello de Sober, confín da provincia de Lugo, onde o río Sil fai lindeiro natural coa provincia de Ourense, atópase un dos complexos líticos que conforman ese enorme xacemento neolítico que se espalla polos rochedos deste municipio. Expresiva variedade de gravados pétreos que conforman unha das factorías mais interesante de Galiza e, por suposto, a máis relevante do que se conserva na Ribeira Sacra. Moitos deses poderosos rochedos e reducidas penedas non son mais que suculentos santuarios de enorme elocuencia, onde o home do neolítico recluíuse neles para manifestar as súas emocións contemplativas e recoñecerse no seu limitado macrocosmos, esculpindo nestes penedos prodixiosos símbolos xeométricos. Aí na pedra, dura e intemporal, inmortalizouse a permanencia, a estabilidade e a eternidade en símbolos abstractos de difícil identificación e lectura. Esas marcas son o primordio dunha realidade identitaria e dunha manifestación que conta con miles de anos de idade e abre o benben cosmogónico e, tamén, as portas dunha civilización preocupada polo descoñecido, que esculpiu nas penedías do canón do Sil de Sober os primeiros sinais identitarios que manifesta misterio existencial neste territorio. Noso primeiro quebracabezas que urxe recompor para ampliar coñecemento das nosas orixes que estes petróglifos ofertan coa súa linguaxe gráfica aos nosos ollos.

É posíbel que en Sober houbese un centro bastante espazoso dun colectivo preocupado por interpretar e discernir o universo astronómico

Sober conta con máis de corenta rochas con petróglifos, de variadas modalidades, primando os círculos concéntricos, espirais, labirintos e insinuantes ocos que representan as estrelas ou algúns dos elementos celestes. No caso de ser así, é posíbel que en Sober houbese un centro bastante espazoso dun colectivo preocupado por interpretar e discernir o universo astronómico. Eses formatos pertencen ao chamado calcolítico-bronce da idade neolítica. Por tanto, ese centro de petróglifos deben ser rescatados por parte das institucións, afrontando a recuperación da linguaxe das pedras. Neste aspecto tense feito moi pouco no que respecta aos petróglifos de Sober.

Mais fluíu a vontade de xente interesada en salvar esta riqueza monumental, mesmo prodixiosa, que aos poucos déronlle un destaque positivo. Unha das primeiras persoas que escribiu sobre os petróglifos de Sober foi D. Manuel Vázquez Seijas (Lugo, 1884-1982), o vello animador de tantas investigacións arqueolóxicas e artísticas que desde o Boletín do Museo Provincial de Lugo foi divulgando. D. Manuel foi dos primeiros en dar a coñecer este centro neolítico no sinalado Boletín, entre 1945 e 1946. Outra das aportacións en divulgar os xeróglifos de Sober veu da mao do arqueólogo, D. Ángel del Castillo López (A Coruña, 1886-1961), aportando considerábeis opinións sobre estes monumentos de Sober. Mais tarde aparecen os escritos do arqueólogo Antonio de la Peña Santos, que menciona estes petróglifos, nos dous volumes da súa autoría: Los petroglifos gallegos. Mais as verdadeiras descubertas e estudos de presente actualizade debémoslla ao arqueólogo Iván Álvarez Merayo (Iván é fillo do arqueólogo Antonio Álvarez Núñez, o investigador de Campo Lameiro), artífice dunha verdadeira investigación de numerosos centros de petróglifos de Sober e dunha catalogación que entregou á Xunta. As máximas descubertas que aportou produciron un enorme e valioso avance na clasificación que el executou. Merayo tivo de axudante a unha persoa moi especial e moi comprometida con toda as accións culturais e históricas de Sober, que perfilou unha aprendizaxe na localización e conservación destes monumentos, trátase de Alfonso Campos Pérez. O labor deste pioneiro resulta fecunda pola toma de conciencia doutras persoas que se suman a un traballo complicado á procura de rochedos con marcas, por montes e cantís, como quen busca cogomelos. Esta xeira implicou a outras persoas que tomaron conciencia do valor patrimonial do municipio, como Óscar Alonso Díaz (Veliños), Saleta de Sampil e o poeta Ramón Sandoval, que remata de  descubrir en Bolmente un apreciado panel rupestre. Velaí como o comando de Alfonso Campos amplíase xenerosamente para acometer un dos traballos que dignifican o noso país desde Sober.

Este municipio conta cunha mobilizada asociación cívica e cultural: “Colado do Vento”, que non ten esquecido esa superficie de achádegos arqueolóxicos

Este municipio conta cunha mobilizada asociación cívica e cultural: “Colado do Vento”, que non ten esquecido esa superficie de achádegos arqueolóxicos, publicando en tres edicións un libriño de 78 páxinas. A primeira publicada en 2007; a segunda en 2008; a terceira en 2011. Un récord confortábel que nos leva a unha lectura de moitos indicativos e direccións, que non se debe ignorar. Por outra banda o Concello publicou trípticos e reseñas sobre este conxunto arqueolóxico. Neste caso, de ningunha maneira esquezo o labor do alcalde, Luís Fernández Guitián, unha persoa moi sensíbel coas cousas de interese que precisa Sober. Hai poucos meses foi noticia a recuperación dun persoalísimo menhir, dos que pouco abundan na Galiza, por tratarse dun interesante exemplar no que destacan eses reducidos ocos que ten en toda a súa estrutura, e que se complementan con ocos dos petróglifos -xa sinalados-. Este símil marca un estadio e unha temporalidade común que precisa dun estudo pormenorizado. O interese do alcalde en recuperar esta pedra fita, tombada e esquecida en terra erma, fixo que lle buscase un apousento nun centro expositivo, no que colaboraron técnicos e o propio Campos. Esta integración pode que marque o inicio de recompor un espazo que albergue unha sección arqueolóxica presidida por ese menhir e con fotografías e reproducións de varios petróglifos. Coido que o Luís sería capaz de facer ese milagre.

Mais como os milagres din que os fai a Xunta á súa maneira, é de esperar que faga algún, pero o que realice debe ter repercusión e contundencia, fronte ao desmarque e á depredación no que están sumidos estes monumentos, apuntalando solvencia por decretos que os protexan, e que todos saibamos que deteriorar algún deles ten consecuencias, engadindo aos propietarios das fincas en que están situados. Tamén poden axudar a ese milagre as dúas deputadas no parlamento galego nativas de Sober e con domicilio neste municipio. Todos debemos poñer as polainas, estamos en inverno.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras