A nosa lingua, mastro das nosas letras - 10 Maio 2018

O 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, é unha data que confirma identidade e, tamén, respecto polo legado de permanencia no noso idioma. O idioma galego é o noso maior monumento inmaterial que confirma un profundo sentimento que manifesta a maior cimeira do que somos e do que non podemos ser alleos ao que nel expresamos, na palabra como nas letras. A homenaxeada deste ano é María Victoria Moreno (Valencia de Alcántada, 1939-Pontevedra, 2005). Veu a Galiza da longa e tantas veces esquecida Extremadura, a exercer de pedagoga e moi pronto pasou a exercer de galega falante, algo pouco usual naqueles que viñeron co idioma castelán ás costas e que non se desprenderon del, lamentabelmente. María Victoria asumiu o repto e foi unha pedagoga que exerceu de escritora infantil, maioritariamente. Neste caso, percibiu o problema que tiña a nosa lingua no espazo infantil, e fixo valentes esforzos de integrarse a unha realidade moi descoidada polos poderes institucionais. Confirmando o desfase daquelas escolas do antigo réxime, fixo posíbel alertar e alentar a seus alumnos cunha literatura propia. É verdade que ela non foi a iniciadora da literatura infantil galega, pensamos no noso grande Manuel María e en tantos outros. Mais non deixa de ser prodixioso que unha escolante en lingua castelá exercera en galego e, alén da literatura infantil, aportara outras escollas literarias. Non toca outra que recoñecer o seu esforzo e eficiencia, nunha época tiránica en que o ensino estaba vetado para o noso idioma. María Antonia Moreno foi valente e dignificou a fala que falamos. Por tanto fíxose nosa por amor á palabra que sae da nosa lingua e crea literatura. Unha referencia para volver á cal do rego, onde xermina semente verdadeira, e nos ofrenda perenne froito que a recoñecemos na lingua.

Mais o “Día das Letras Galegas” non só é un día de festa e de xuntoiro. É o alento que nos confirma que cada día do ano dignificamos o que somos na lingua. Pode que o 17 de maio fagamos festa maior cando mercamos un libro en galego, que moitos o fan unha vez ao ano. Pois, é moi pouco. A realidade estatística mostra uns indicativos de renuncia á palabra escrita e, en boa parte, ao que se concreta na fala. Hai razóns extremas para tomar conciencia desta situación polo que atravesa o noso idioma, perdendo tantas presenzas de mobilidade e normalización. Pasamos do precario á infamia institucional. Hai datos moi serios para comprender a situación e non ignorar as diversas configuracións de impor a lingua colonial dunha maneira vil e castradora. 

Non deixa de ser prodixioso que unha escolante en lingua castelá exercera en galego e, alén da literatura infantil, aportara outras escollas literarias

Estamos en vésperas do día maior das nosas letras, hai que celebralas con fortes sons de pandeiro que espanten os malos espíritos e agoiros que as aflixen, e nos convoquen a reivindicarnos na fala. Día para celebrar e non dunha maneira solitaria ou rutineira. Temos que concentrar as voces -somos realmente moitos- para que o eco colectivo sonorice as rúas e as prazas, sobre todo a praza do Obradoiro de Compostela. Que a palabra confirme certeza nas propostas que reivindicamos. O debate é necesario para agrandar conciencias, desde diversos estamentos e identidades que fan vida en galego sen conciencia do que representa ser galego. Hai que incidir nos problemas que acosan o noso idioma, realmente enormes, para mergullarnos en diversos escenarios defensivos que loitan polo que somos na identidade da fala. Hai que defendela co Kalashnikov da palabra.