...e por fin: por unanimidade - 07 Xuño 2018

Que tendencia máis perniciosa da sociedade ibérica perdoar os agravios e falar ben de quen morre ou do que cae en desgraza política. Agora Pablo Iglesias, entre outros, fai gabanzas, de quen el fixo caer e axudou a matalo de pedrada solidaria -hai que dicilo-. Coido que a unanimidade parlamentaria certificou a defunción dun cadáver político, fedento de corrupción e doutras cuantiosas tropelías, se non merecen perdón tampouco hipócritas gabanzas. Mariano Rajoy Brey pasa á historia ennegrecida daqueles mandatarios que desgobernaron o Estado español. Aí si que terá tributo na longa nómina dos opresores da cidadanía mais desprotexida. Mandatarios ditadores, e mandatarios da desordenada democracia, son a mesma e miserábel ralea que proliferaron neste desnortado estado de malfeitores públicos e maltratadores dunha sociedade precaria e necesitada de gobernos que solventen difíciles situacións existenciais.

Mariano Rajoy cumpriu a palabra, dunha maneira puntual e esixente, aos poucos días de ser elixido presidente do goberno, en novembro de 2011, dixo que ía revolucionar o país e nisto non mentiu. Poucos poden negar que Rajoy non fixera unha revolución en solitario, co rodete da súa maioría absoluta, unha referencia para superar o lumpen e ordinario caciquismo no que se movía a dereita clásica desta España de farrapos cosida. E chegou o salvador revolucionario con decretos e ousadías, salvador de banqueiros utilizando o erario publico. Revolucionou o salario e os dereitos dos traballadores, eliminándoos coa súa particular reforma laboral. Impuxo a revolucionaria lei mordaza a libertinos e rebeldes mortos de fame, que aspiraban a un codelo de boroa. Revolucionou e enxalzou a pobreza á categoría de miseria absoluta. Revolucionou a negativa ás axudas que tiñan as persoas minusválidas e en desamparo. Os desafiuzamentos gozaron dunha revolución verdadeira en favor de bancos e financeiras. Os vagos e ingratos pensionistas saíron á rúa coa idea de deixar fóra de combate a revolucionaria subida do 0,25. Así como a desigualdade de xénero con respecto ao salario, mais as contra revolucionarias feministas tomaron as rúas frustrando a ambiciosa revolución de Rajoy. As liberdades civís foron tan puxantes que a revolución de Rajoy púxolles cerco e algún cantante tivo que refuxiarse por non ir a cadea. Quen dubida da eficiente luxuria deste revolución que a dereita precisaba?

Mariano Rajoy cumpriu a palabra, dunha maneira puntual e esixente, aos poucos días de ser elixido presidente do goberno, en novembro de 2011, dixo que ía revolucionar o país e nisto non mentiu

Mais esa revolución programada e ordenada por D. Mariano, O Censurado, no que respecta á privatización sanitaria, foi frustrada polos desagradecidos traballadores sanitarios e outros alborotadores, que non comprenderon a bondadosa acción privada. Outro intento revolucionario que frustraron os seus inimigos parlamentarios, foi a negativa de facer unha lei local na que o grupo mais votado sería o que impuxera o alcalde. E nada, chegaron os impostores contra revolucionarios e frustraron a ocasión. Pode que nos parezan simples miudanzas esas leis e decretos, executados por un cretino e seus secuaces, mais non o eran. Este fenómeno revolucionario, de robusto cránio e de sutil cerebro, intentou facer unha bucólica revolución, en redondilla, mal contada e mal rimada, á vella usanza, plaxiando os pícaros que rodearon ao astuto Conde Duque de Olivares, tan aprezado polo señor Rajoy, seu precursor en tantos desmesurados desgobernos.

Si señor. Toda unha sabia revolución esperpéntica da corrupción organizada, unha das modalidades globais mais interesantes da marca soberana: made in Spain. Sen dúbida, non se pode negar a evidencia dese fulgor revolucionario, tan basto e ousado, do señor Rajoy Brey. Un tema pendente para estudiar historiadores, sociólogos, psicólogos e antropólogos, sobre os escasos sete anos de precoz insolvencia en solucionar problemas vitais que soporta a cidadanía deste Estado de pel de touro. Descanse en paz, podendo ser tomando o sol nunha galera.