O extraordinario valor de ter un xornal en galego - 21 Xuño 2018

Rexurde o optimismo por reconquistar unha cabeceira de xornal e tela diariamente nos quioscos, para superar diversas carencias polas que pasa a información nesta Galiza que vemos anulada a súa vontade e a súa voz, por medios informativos dependentes de intereses e poderes foráneos, que anulan a lexitimidade de contar cunha información veraz do que acontece no noso país. A ocultación de problemas é cada vez mais elocuente nuns medios que non só proclaman a súa mediocridade, senón que terxiversan a realidade do noso cotián existencial. Isto non deixa de ser unha inmoralidade que non podemos admitir nin transixir. Nestas circunstancias hai que impor o rigor, en moitas direccións e ordes; establecer un vehículo que esclareza o que se nos nega e como se nos difama. Temos que restituír a nosa voz negada e alterada polos que intentan aniquilar o noso idioma e a nosa cultura: atributos vitais do que somos e queremos ser, no presente e no futuro. Precisamos de pór orde e entusiasmo na normalización dunha prensa aberta, dinámica e sen censura. E isto non se fai a golpe de arroutos ou voluntarismos. Sen a convicción pragmática e de autoestima, de prevalecer nos privilexios de estar asentados na nosa lingua, na nosa cultura e no todo que nos integra na nosa identidade. Non medraremos o suficiente se non detemos, con patente galega, o espolio ao que estamos sometidos.

Precisamos de pór orde e entusiasmo na normalización dunha prensa aberta, dinámica e sen censura

Estas alertas demandan respostas moi serias e contundentes e desde Sermos nace O diario Galego, non para integrarse no longo inventario de publicacións que existen na Galiza, e ser un mais. Ten que ser un xornal noso que tentará crear un espazo inexistente, que proclame os valores da nación galega e estimule á cidadanía a estar atenta a unha información veraz e de investigación, para medrar nela e acadar unha opinión da que hoxe estamos exentos. Para isto temos que crear vontade e decisión, o proxecto é convincente e por tanto ten que ser de todos que comprendan a situación de agravios e os retrocesos que existen en varios parámetros de intensos problemas que ten a nosa sociedade, e moitos deles poden ser mais perceptíbeis cando contamos cun medio informativo solvente, que nos descubra temas que se nos ocultan.

O Diario Galego non deixará de ser, alén da súa información, un órgano pedagóxico e de novidade que non estamos acostumados a ter esta distinción nos medios de comunicación operativos na xeografía galega. Precisamos de conquistar presente e futuro, dunha maneira distinta a como nolo presentan varios medios de información utilizados pola instrumentalización de acaparadoras institucións que neutralizan a verdadeira información en favor de seus intereses. Precisamos dunha información capaz de crear unha opinión distinta á que hoxe está acostumado a percibir o lector, facéndoo partícipe dunha prensa libre e emerxente que nos integre na emancipación duns valores para que a sociedade recupere a sintonía co noso país. Un colectivo como o galego non debe permitir estar ausente dun instrumento defensivo de información como o que pretende crear O Diario Galego, de moi próxima estrea.

Ademais de dar a benvida a un xornal proxectado en galego e deseñado para esclarecer unha serie de temarios que incumben, en particular, aos galegos, temos o deber de asumir e contribuír a potenciar as subscricións. O xornalismo é apaixonante, cando está motivado por buscar a noticia e harmonizala rachando con atrancos e barreiras, nun combate certo contra os abusos que diversos poderes promoven e que resultan en alienación informativa. O Diario Galego non deixa de ser un novo desafío en procurar e defender a verdade. Non podemos ignorar as contradicións predominantes nunha sociedade tan mediatizada como a nosa, sen que ninguén concorra a desafiar seus hábitos de confusión que emiten certos medios incrustados no poder. A liberdade ten un prezo, e esta deféndese creando elementos vehiculares, con capacidade defensiva en favor dunha sociedade postergada. 

O Diario Galego non deixa de ser un novo desafío en procurar e defender a verdade

O xornalismo é un vehículo poderosísimo, tanto defensivo como de persuasión, que o vemos na Galiza intervido e mediatizado por varios estamentos institucionais, no que predomina a idea única de partido, coa tentativa de domesticar a verdadeiros profesionais do medio. A eliminación do programa cultural de Radio Galega e a dimisión de dous xornalistas da TVG por non querer ser prea desa carnaza, non son casos illados. En todos estes casos e disidencias fanse mais necesarios medios de comunicación libres e sen asfixiantes xugueiras. Por isto e moito mais, O Diario Galego nace para cubrir un espazo informativo, nun dos momentos en que os galegos precisamos dunha prensa sen ataduras, que abra canles de participación a unha cidadanía que merece e precisa de información puntual e capaz de superar eses obstáculos de imprecisións que emiten certos medios. O Diario Galego non deixa de ser un proxecto de esperanza que temos que apoiar.