Grupo CorreoCon Aracelia Valdivia e Nilo Ramírez. - Martes 8 de marzo de 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Hortensia Peleteiro, a miña mentora en Cuba, levounos á casa de Aracelia Valdivia e do seu esposo Nilo Ramírez, a Noel de la Cruz, António Gonçalves, Fernando Galindo e a servidor. Foi nunha tarde dese febreiro morno habaneiro, ben aproveitada naquela mansión antiga pregada de neoclasicismos e dunha atmosfera intelectual elevada. Todos os mencionados fixemos xuntorio e convivio nunha sala de columnas que manifestaba acentos dun pasado e esplendor plateresco que endexamais volverá ser restaurado. Todos nós en desorde dialéctica baixo a ollada dunha fotografía de Che Guevara que preside a sala e parecía que intimidaba con todos nós. Falamos de poesía, música e pintura, esas tres artes maiores que tanto loaron os renacentistas e das que tan pouco se fala en conversas nada estereotipadas. Aracelia e Nilo son un matrimonio que comparte e executa eses tres modelos de expresión artística, polo menos asignan os dous. "Vivencias de Amantes" é a súa última entrega poética na que fulgura ese clasicismo erótico que vén encontrarse con outros poemas de amatoria máis renacidos de actualidade.

Unha poesía que quizais incumpre ese ríxido canon no que se albergan non poucas necesidades do que un carece. No caso da poética de Aracelia e Nilo está presente esa harmonía corporal onde Eros triúnfa e Thanatos está lonxe de arrebatarnos os praceres mais íntimos que sempre se exteriorizan para liberarnos. Estamos ante un libro que contén esa tensión permanente onde a vida dos amantes resplandece e os erixe nesa luz de íntimas nostalxias. En Cuba -é verdade- hai unha longa tradición poética do amor, da erótica e da pornografía. Os seus grandes poetas non desoíron a chamada de Eros e a el se sublimaron con enormes e suaves cánticos.

Aracelia e Nilo, no dominio da plástica, emerxen con ese acerto e, tamén, delirio erótico resplandecido nas marxes desas caribeñas praias onde os corpos, entre areas e cantís, integran o impacto dos amantes nesas fotografías que eles realizan e onde as nosas observacións verifican un universo novo e de absorbente pracer. A imaxe fotográfica erixida a outra percepción; a outro valor de esencial mobilidade e de diversos contextos dese amor axiomático que xorde deses contornos paradisíacos para converterse en intensa claridade: transmisor de tantas transparencias, onde os corpos fluctúan para transmitirnos o máxime de liberdade.

Esa magna proxección fotográfica emana de dúas das intimidades de seus creadores: utilizar o(s) corpo(s) para mobilizar a comprensión de quen os observa e transformarse en ser amado e, por último, perspectivar eses corpos flaxelados por un amor ardente e asociados a ese poderoso universo telúrico que tanto harmoniza esa orde de prioridades, onde os corpos e os obxectos fraternizan ese candor e esa materia tan proscrita por castrados e alienados.

Aracelia e Nilo concrétanse nese terceiro apartado que ao principio mencionei, como é a composición musical. Son varias as partituras e as particularidades que os dous teñen sazonado e posta na batuta de diversos directores. Mais falemos dese encontro que tiveron con Nicolás Guillén no centenario de seu nacemento (1902).

Para esta ocasión Aracelia e Nilo gravaron un CD con sete canción infantís e con letra do poeta camagüeyano, titulado: "Canciones a propósito de los poemas infantiles del poeta Nicolás Guillén". A forza da letra poética de Nicolás convértese noutra segunda forza operada pola concreción musical na súa máis doce e atractiva diversidade que Aracelia e Nilo sonorizaron. "El Pajarillo" está entronizado nunha guajira, "Sapito y Sapón" nun son, "Por el Alto Río" en balada, "Vaia, vaia, pues" en danzón, "Adivinanzas" en cumbia, "Primavera" en guajira, "Que mundo tan feliz" nunha conga. Estas versións musicais infantís personifican esoutra andaina destes dous polifacéticos artistas que tan verazmente consagraron as súas vidas a causas nobres como é a poesía, a fotografía e a música

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía