logoGrupoCorreoO africanismo de Martínez Furé. - Martes 15 de Marzo de 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Rogelio Martínez Furé (Matanzas, 1937) está contribuíndo a moitas clarividencias que ficaban ocultas dentro dese inmenso territorio da afrocubanidade. Mais el, desde o territorio etnográfico, abriuse cara a outros espazos que se coñecen con certas carencias onde predomina o tópico. Martínez Furé impuxo a súa autoridade, desde Cuba, nesa territorialidade da cultura negra e mulata; revelou o esencial sobre as concorrencias africanas desde o século XVI en Cuba.

Mais a obra de Furé comeza nesoutro territorio orixinal que é esa África que cruzou o Atlántico, atada a ferrollos e grillóns, e soubo encetar novas andainas sen transferir ou esquecer a súa cultura. Furé e África son corresponsábeis mutuos, un sen o outro provocaría non poucas pasividades ou desorientacións sobre a presenza de África en territorio caribeño.

A proxección de Rogelio Martínez Furé ten un grande alcance así como unha mobilidade sen par. Se no terreo etnográfico verificamos descubertas, no tema folclórico non se retrotraeu. Os medios intelectuais e culturais de Cuba recoñécenlle en Martínez Furé as súas amplas retrospectivas deses amplos territorios xeográficos de toda as Áfricas posíbeis. Aí están os seus personalísimos libros como Poesía anónima africana, Diwan de poetas de lenguas africanas, "Diwan Africano de poetas de expresión portuguesa, Diálogos Imaginarios e Briznas de la Memoria. Este último libro foi presentado o pasado mes de febreiro na Feira do Libro da Habana. O libro está dividido en catro recantos ou encantos, que marcan ese florilexio poético e de prosa. Aí repousa esa territorialidade, xeográfica ou sentimental, espaciada en diversas materias, onde se aborda esa reconstrución emerxente da(s) identidade(s) africana(s). Furé, sen dúbida, reafirma esa africanidade en todos os hemisferios territoriais; confirma, exactamente, unha variedade de comportamentos que fixeron posíbel que os variados rexistros sexan a clave desa permanencia vital de calquera manifestación dese tan manifestado universo africano, do que tanto bebe e lle debe Cuba.

En Briznas de la Memoria prevalece a descuberta doutras esencias africanas, temporizada na máis escrupulosa investigación que achega este etnógrafo a unha literatura cunha dispoñibilidade que nos remite ás tradicións orais, nos que non se falsifica a esencia orixinal. Na primeira parte deste libro intervén a poesía; poemas de Martínez Furé que reconstrúen o retorno cara a África e non só. A presenza, nestes poemas, de connotacións da cultura ioruba evidencia ese longo traxecto polo que viaxa a condución imaxinaria do autor destas briznas. Nas restantes partes do libro está esa prosa de improntas cargada de axilidade, onde todo un mundo emerxe e se rebela. Temáticas concluíntes dun ensaio conducido con rigor e exercitado por un investigador celebrado en todos os territorios da africanidade.

Sempre que vou á Habana comparto con Rogelio conversa e proxectos. Desta vez estivemos longas horas no restaurante Curros Enríquez, onde serven comida galega cubanizada: lacón con col de Pinar del Río, arroz, feixóns e chourizo negro, e a isto chámanll e "cocido gallego". António Gonçãlves, Conselleiro de Cultura da Embaixada de Angola en Cuba, picou; Hortensia Peleteiro, sempre levada polos seus xenes galegos a experimentar aquilo que lle soe a Galicia, tamén fracasou. Noel de la Cruz, ese cubano ilustrado que está en todas, con Fernando Galindo, ese andaluz de Tarifa, medio musulmán e medio cristián vello das antípodas mais setentrionais e internacionalistas que renace en calquera territorio vedado, con Furé e mais eu optamos pola astronomía cubana, esa variedade exótica na que se atopan os sabores máis exaltados de África e de Cuba que configuran, tamén, esoutro hibridismo culinario. Despois chegaron á mesa rons non sei de cantos anos; augardentes non sei de cantos sabores e cores e outras bebedeiras que harmonizaron o xantar. Neste escenario tan lúdico, a miña abstemia privoume desas beberaxes que harmonizan conversas filantrópicas e literarias.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía