xose 1200x230

Os enigmas do PP en Galicia. - Martes 12.07.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A aritmética do voto, nas últimas eleccións autonómicas en Galicia, desautorizou a xestión do PP para que continuase gobernando.
Isto quere dicir que perdeu a confianza dos galegos pese a ser o partido máis votado. Despois da sorpresa, todos os correlixionarios enmudeceron como se un enorme silencio de sombra os sepultara. Mais han de falar. É preciso que falen ou que berren. Calquera balbúceo se lles vai oír desde moi lonxe. Ante tanto silencio parece que hai argumentos para pensar en confrontos verbais, previos a frontais desencontros. Galicia, para o PP, valía máis que cincocentos mil maravedís, e agora que ardeu a tenda en alguén van recaer as culpas. Sen dúbida imos presenciar un enorme espectáculo de gladiadores entre os da gorra negra e os do barrete negro. Todo en negro como na escura idade do Conde Duque de Olivares. A cor negra non deixa de ter ese significado anacrónico e cargado de noite extrema. Sírvanos o negro como metáfora dos incidentes que van acontecer. Ninguén quere ser incendiario, as culpas non se relativizan mais sen tenda quedaron á intemperie. "Quién pierda Ayacucho puede perder Perú", sentenciou o xeneral Andrés García Camba, sobriño da miña segunda tataravoa paterna. Esta certeza podémola extrapolar a quen perda a Xunta pode perder Galicia. O PP desbancouse da Xunta e isto vai ter unha perda de poder noutros territorios como son as deputacións de Lugo e Ourense que serán as máis afectadas no predominio de voto. O exemplo vai propagarse nos concellos que están baixo as directrices do PP.

Neste caso, o PP nunca optou por recambiar a Cacharro e a Baltar. Non podía ser doutro xeito polo poder co que foron investidos. Ninguén se preocupou de levar ares novos e cambiar os pulsos e os ritmos nunhas administracións bastante paleolíticas e agora o odre está tan cheo de parches que por algún sitio vai rebentar. O populismo de sainete e pandeireta, como o de Baltar, ten os seus límites e cando estes exceden alén das súas posibilidades, a sociedade deixa de sintonizar coa música desafinada e coa danza de bufonería.

Tampouco se pode negar a implantación do PP nun extenso mosaico da sociedade galega e menosprezar ese xigantesco polbo que por medio de seus tentáculos e ventosas exhibe a súa forza nunha grande maioría de institucións. Nas últimas eleccións déuselle un enorme golpe á cabeza do polbo e, polo tanto, ficou bastante tocada, ata o punto de que os seus tentáculos non poidan xerar enerxía para ter un predominio como o que mostraba ter.

A gadoupada foi tal que o PP quedou tocado e o seu líder, Rajoy, tamén, desde o momento no que pediu o voto para el no que se entendeu como un recuamento de Fraga. É verdade que os pepés perderon unhas eleccións mais isto asocia contemplar outros retrocesos que iremos verificando puntualmente. Tamén hai que dicir que o PP ten capacidade de reacción ante unha sociedade moi pouco seducida por temas políticos. Pode que haxa homes capaces de levar un proxecto democrático ao PP galego. Que Alberto Núñez Feijoo é un intelectual político, feito á medida de Madrid, mais un líder sen facer e cun carisma de prestado, e totalmente receptivo ás teses de D. Manuel. Moitos din que hai que reciclalo mais intentar cambiar a plumaxe e os berros dun corvo polos trinos dun xílgaro, rematarán matando o corvo.

A perda destas eleccións parece que non fixo reflexionar aos que ostentaron o aparello político da Xunta, vemos que nestes últimos días están culminando unha acción caciquil na adxudicación de obras e de contratar unha serie de persoal adicto ao PP, que non deixa de ser unha enorme imprudencia se tratan de buscar credibilidade. O que ten que facer o PP é recuperarse dando exemplo democrático. Neste momento, o goberno de Fraga está en funcións e próximo a ceder o poder a quen gañou as eleccións. Polo tanto, o primeiro decreto que ten que levar a cabo o bipartito é a desautorización de algo ilegal e que non entra na máis mínima ética dun goberno eventual que só debe tratar de temas orientados ao traspaso de poderes.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras