logoGrupoCorreoA praza Maior de Lugo - Martes 16.08.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Hai poucos días que estiven na miña cidade natal, Lugo, nun bo día de choiva. Desde o Arquivo Diocesano sentía a auga das calellas bater no patio claustro do pazo Episcopal, a non máis bater.

É verdade que a auga en certos espazos pon aínda máis solemnidade alí onde abonda e que nunca sobra. Un día de agosto de choiva en Lugo, decateime que pode ser un anunciado do outono con esa brétema tan auténtica que coroa os tellados e as sobranceiras chemineas que decoran as teitumes luguesas. Poucas veces tiña eu reparado nese encanto pluvial na pétrea Lucus Augusti, ou no espazo sacralizado polos celtas ao deus Lug. Lugo ben merece un reparo cando a choiva en retirada nos deixa nesas pedras molladas da cidade vella un momento para a reflexión e para dialogar co silencio. Na escampada estiven no café Madrid, vitalizando a memoria daquel ambiente tertuliano dos primeiros anos da década dos setenta ao que eu acudía, nas miñas vacacións de agosto, onde as conversas de literatura e filosofía duraban horas e nas que participaba Celestino Fernández de la Vega, Uxío Novoneyra, Arcadio López Casanova, ou o daquelas máis mozo, Xulio L. Valcárcel e outros máis que compoñían aquel coro dialéctico e harmonioso.

Paseei por esa enorme e fermosa Praza Maior que é un espazo con maior encanto e destacada referencia para Lugo. Coido que ese rectángulo ten unha enorme sobriedade que lle dá o edificio do Concello, unha obra do barroco máis austero e sen requintes de Ferro Cabeiro. Pode que a Casa do Concello marque un arquetipo que moitas das veces foi descoidado por arquitectos que ergueron algúns edificios sen ter en conta o equilibrio e o marco que emana deste edificio. Contábame Fole que el lembraba a enorme fonte que estaba diante do Concello, e remitíndome a postais da época puiden comprobar que aquela espoliada fonte e a obra insigne de Ferro Cabeiro, formaban un conxunto de gran tenrura. Non sei que alcalde tivo a pésima idea de desmontar tal fontanario e espallar os catro leóns, creados na antiga fundición de Sargadelos, que botaban auga pola boca, ao redor da praza e a gran dama co seu león custodio aínda fica diante do pazo de Xustiza, ao lado do parque Rosalía de Castro. Evidentemente todo este espolio arquitectónico e escultórico tiña que ser reposto no mesmo lugar no que foi desmontado.

Agora a praza Maior non loce porque está en obras, sen os negriños que hospedaban a aquelas curuxas piadoras que traían de cabeza a Celestino, a Fole e a outros que coidaban que era unha paxarada estraña ata que o propio Novoneyra lles descubriu que era a noitarega, quizais vinda desde o Courel para esculcar as noites de foliada luguesa. En medio do toda esa alteración temporal está a silueta de bronce de Luís Pimentel, obra do escultor Otero Besteiro, unha escultura que calla moi ben naquel ambiente do Lugo pimenteliano. Cando subín pola parte dereita cara ó Concello, no Círculo das Artes, atopeime cunha enorme sorpresa: cun deseño de remodelación moi vangardista e mesmo moi equilibrado para esta praza, cos sinais da galeguidade que representaron os mecenas que alí están nun busto de mármore branco e cunha enorme placa de pedra na que se reseñan textos de cada autor. O primeiro que se atopa é a do bardo de Ponteceso, Eduardo Pondal, co poema que comeza: ‘Os tempos son chegados’. A continuación está Rosalía, cos versos iniciais de ‘Negra Sombra’, e cunha errata no ano de nacencia, figura 1835 en vez de 1837. Á medida que ía vendo o seu perfil pareceume Leiras Pulpeiro, mais era Valle-Inclán e a continuación Castelao, que estivo en Lugo varias veces conferenciando e mitinando, ten un texto humanista e pedagóxico. Ao lado de Castelao está o noso sempre íntimo e inesquecido Manuel María, con tantas referencias ao seu Lugo entrañábel no que viviu tantos anos e que tantas veces aparece en toda a súa obra. O texto metafísico de Manuel foi moi ben escollido, dado que emite esa cordialidade e esa vitalidade que el tivo pola vida, cando se vive na esencialidade mais auténtica de Galicia. Agardamos que a nosa nobre estirpe de homes de letras da galeguidade configuren os estremos desta Praza, sen esquecer o ilustre e notorio Uxío Novoneyra.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía