www.galiciahoxe.comA ‘Pracela’de Chantada - Martes 23.08.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

A comunmente chamada ‘Pracela’, oficialmente Praza de Santa Ana de Chantada, foi sempre un espazo de encontros e de tránsitos e un dos centros de maior personalidade despois do Cantón no centro de Chantada.

A ‘pracela’ xurdiu e evolucionou en función das necesidades que tiña Chantada. Por ela pasaba un regato de extenso caudal que nace nos prados de Basán Grande e morre no río Asma, e sobre el un antigo pontillón do camiño real de Lugo a Ourense. No vértice, entre o camiño e o regato, había unha capeliña barroca dedicada a Santa Ana. Alá polos anos cincuenta do século XIX, destruíuse esta capela para dar amplitude á nova estrada de Lugo a Ourense, e así xurdiu a nova praza, que logo foi urbanizada polo desprazamento da poboación que vivía no centro de Chantada, a construír súas casas e a instalar seus negocios. Deica hoxe, a ‘Pracela’ foi unha referencia de modernidade con esas casas de austero granito cunha soa planta, que logo foron ascendendo a dúas plantas e máis tarde a un desconcertado promontorio de construcións nada singulares.
Mais a ‘Pracela’ aí está cun espazo que se modificou varias veces en diferentes versións. Eu lembro unhas tres. Era a zona do bo comer e beber, sobre todo coa fonda do Mazaira e do América. A primeira era visitada por cregos, viaxantes de comercio e por intelectuais. Foi na Fonda do Mazaira onde Álvaro Cunqueiro escribiu o seu célebre poema dedicado ao trobador Xohán de Requeixo. Era o lugar dos célebres cafés: O Capitol, O Pizarro, O Ritz e Os Ánxeles. Este último rexido por D. Anxel Gómez Montero, o polifacético artista que decorou este café con nobres esculturas míticas que aínda existen nel.

Na ‘Pracela’ era parada obrigatoria dos buses da Directa e do Pereira e outros transportes de feira. Tres beirarrúas delimitaban o centro da ‘Pracela’ con bancos, un quiosco de churros e despois outro de xornais que rexentou a popular repartidora de xornais Margarida Mariño. Tamén os taxis tiñan a súa parada nesta praza. Nas feiras os espazos repartíanse entre a encantadora de serpes, o charlatán que exhibía un macaco, os vendedores de mantas e un bo arranxado de personaxes do pais: os cregos paseaban a catro e a cinco ocupando toda a beirarrúa; as xitanas a ofrecer a boaventura e os labregos con repolos ás costas e con ranchos baixo do brazo e con outras viandas de feira. Pola tarde namoros e noivados exhibían as mellores galas e a máis oufana galantería. A ‘Pracela’ era única, continúa sendo única, pese aos moitos desarranxos que ela tiña e a esa imaxe árida e vetusta.

Fai pouco que a Pracela foi modificada. Diría que foi harmonizada con enorme gusto e encanto. Daquelas formas anticuadas naceu un novo espazo, tan lúdico como lírico. Refinados bancos, árbores, innovadora iluminación, etc. Todo un mobiliario urbano que fai da ‘Pracela’ unha referencia para outros espazos que intentan embelecerse. Neste rectángulo cabe tamén unha escultura de Buciños, alegórica a vendima que se fai nas dez parroquias ribeirás de Chantada. Cada vendimadora está sobre un pedestal circular de diversa frecuencia e altitude, todas en movemento. Unha exaltación emotiva dun dos vellos oficios nos que se referencian os viñateiros locais. Coido que noutro dos extremos podía estar outra alegoría ás moi diversas expresións labregas. Chantada é unha terra referencial de labregancia en todo Galicia, con historia propia e idílico memorando.

Por tanto, a ‘Pracela’ actual non deixa de ser un proxecto de alto rango e contido para os chantadinos que mellor exalta a modernidade deste século XXI que remata de comezar. Mais, persoalmente, eu vexo un grave problema que afea a austeridade e a beleza desta praza, como son os coches que aquí estacionan. Coido que foi un erro deixar no medio da praza eses estacionamentos que obstaculizan a beleza do conxunto e sen contar a incomprensión de condutores que estacionan os seus autos sobre os diversos espazos da ‘Pracela’ dedicados aos peóns. Estes desaforos merecen ser corrixidos con certa urxencia, para que a histórica ‘Pracela’ sexa respectada e conservada tal como é.

martes, 23 agosto 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía