logoGrupoCorreoOs pendellos de Agolada - Martes 30.08.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Non sei se moitos saben que Agolada, no confín da provincia de Pontevedra, entre A Coruña e Lugo, tivo desde o medievo unha das feiras máis importantes do vello Reino de Galicia e no século XVIII creou un dos espazos arquitectónicos máis importantes doutros núcleos feirais do contorno.
A materia a empregar para ese complexo feiral foron esas lascas pedras que nos confíns do monte Farelo se atopan. En horizontal e en vertical esas grandes pedras configuraron os pendellos de Agolada que cumpriron e cumpren a súa función e, alén diso, congregan ante o seu lirismo e ludismo a non poucos admiradores. Moitos de seus admiradores ergueron a súa voz de salvadores ante ese legado e ese patrimonio tan orixinal, un tanto desprezado por certos alcaldes de Agolada. A desfeita dese complexo feiral é froito das primeiras autoridades que gobernaron
–neste caso desgobernaron– o municipio e de non facer algo para manter íntegro este enorme espazo feiral que se debe aproveitar, na ausencia de feiras, nun espazo lúdico, cultural e cívico como agora se pretende facer. Mais este proxecto non sae dos gobernantes locais e si dun grupo de intelectuais e persoas de alta cualificación cidadá que están facendo un inmenso esforzo co fin de salvar este espazo. O escritor Xosé Vázquez Pintor e o profesor Manolo Busto, dous exemplos aos que hai que engadir a unha longa listaxe.

O 21 de agosto pasado todas estas persoas que traballan pola recuperación dos pendellos xuntaron ao seu redor moitos intelectuais e escritores galegos e aos estreados recentemente director xeral da Concellería de Cultura da Xunta de Galicia, Sr. Bará e o director xeral de Patrimonio, tamén da Xunta, Filipe Arias, que nos seus discursos, ambos, foron o suficientemente explícitos, dinámicos e sensíbeis para ver a realidade doutro xeito e coa finalidade de recuperar e normalizar os pendellos feirais de Agolada. Discursos realistas foi o que oímos nos pendellos, non triunfalistas ou de marcado signo demagóxico como os que mantiñan os antigos gobernantes, donos e señores da Xunta de Galicia. Nesa discursiva anúnciase unha nova era para Galicia e tamén un xeito de gobernar enfrontándose ao problema, saltar ao curro e coller o boi pola súa cornamenta.

Nese convivio tan íntimo como emocionado rendéuselle homenaxe a un dos traballadores e impulsores na recuperación da arquitectura popular como é Manuel Caamaño, que dedicou a súa vida a estudar, difundir e normalizar diversos formatos da nosa arquitectura, entre eles os pendellos de Agolada. A Manuel Caamaño fíxoselle honra como pendelleiro maior, no que se lle entregou un simbólico pendello nese emotivo encontro.

Tamén estivo A Quenlla, nese seu peregrinar por Galicia enteira, cos sons nos beizos e a súa rebeldía no corazón. Moito lle debemos a este grupo musical que sen el Galicia sería mais pobre e orfa. Un exemplo a seguir e apoiar. A Quenlla, tan activo como desinteresado naqueles encontros en que a nosa nación medra e se reconstrúe grazas a ese combate musical que son abrentes de sementeira que darán os seus poderosos e esplendorosos froitos.

En favor da reconstrución dos pendellos tamén se oíu a voz poderosa dun vello galeguista e cun espírito mozo que só ten 91 anos. Falamos de Avelino Pousa Antelo, este home de tantas loitas e de largacías andainas en prol de Galicia. A Pousa Antelo debémoslle todos moitas emocións polo seu traballo desinteresado e por tantos proxectos que fomentou naquela Galicia ocupada e silenciada. Avelino Pousa Antelo tamén falou dos pendellos, dese patrimonio perdido e desprezado que entre todos temos que recuperar.

Mais Agolada, con seus pendellos como símbolo de tantos encontros entre as súas xentes que iluminaron con candís e candeas unha espléndida noite nos pendellos. Agolada ten outros monumentos históricos e populares que converten este municipio nun dos máis prolíficos de Galicia, onde o home que a habitou dotouna de identidade propia e singular.
martes, 30 agosto 20

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía