logoGrupoCorreoManuel María, un ano despois - Martes 06.09.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Xusto o día 8 deste mes, cúmprese o primeiro ano do pasamento do poeta Manuel María. Un día para lembrar e reflexionar sobre o noso gran poeta chairego e, sen dúbida, o poeta da nación galega.
A morte de Manuel a todos nos deixou un enorme baleiro e, por suposto, sentimos a súa ausencia física en varias dimensións. Mais con Manuel o diálogo continúa en todo aquilo que se perpetúa no silencio. Manuel María fálanos na súa poesía do silencio; da utilidade do silencio como don dos galegos para esculcar tantas cousas que nos son propias. Manuel fálanos da vida e da morte, eses dous dons que se perciben e agrandan en toda a súa dimensión poética ata levarnos a ese espazo metafísico. Mais cando queremos contemplar a morte en Manuel María é algo que aínda non percibimos porque a súa palabra e o seu exemplo axúdannos a distanciarnos do trance.

Hai poucos días que visitaba a sepultura de Manuel, en Outeiro de Rei, e o pensamento, que é o único que non finxe, levoume, naquel silencio, a dialogar con el e coa Terra que o acolle no seu seo. A Terra Amada (en maiúsculas) tan asumida e dixerida por ese gran home "bo e xeneroso" que nos deixou orfos, fuxindo coa súa presenza a outros territorios íntimos pero máis nosos. Manuel amou a Galicia e fíxonola amar co seu exemplo e coa súa palabra, sempre activa e virtuosa. É por isto, polo que moitos dos que o tratamos e aprendemos a lección do mestre temos como obriga de retornar ao vital do home exemplar. A súa obra ábrenos camiño para reencontrarnos con el e continuar o diálogo.

Os galegos temos na nosa poesía dous parámetros nesas dúas columnas que representan a Rosalía e a Manuel. Cada un deles unidos e dimensionados polo amor a Galicia e pola descuberta desa Galicia que a tantos de nós nos pasaba desa-
percibida. Manuel e Rosalía conforman ese enorme renacemento, cada un no seu tempo e espazo, que quizais dentro de non moitos anos poidamos ter a exacta apreciación do enorme valor creativo que o poeta da Chaira significa para Galicia. Por isto é que poida ser que Manuel peche ese enorme ciclo poético que abriu Rosalía.

Pasou un ano desde que Manuel se refuxiou no silencio. E pode que no silencio busquemos as esencias e os primordios de tantos resplandores que nos deixou como legado para perpetuar a obra comezada por tantos precursores da Galicia ideal á que tanto aspirou e pola que loitou Manuel e Saleta. Un solemne silencio e reflexión merece tanto esforzo solidario. Os versos do noso poeta son lumieira viva e acesa para abrir camiños aínda tenebrosos. Para construír unha Patria desprezada que durante séculos, os outros, intentaron anular a súa cultura, o seu idioma e todos eses atributos que consolidan a Galicia como a nación dos galegos. Manuel estaba nese andamio construíndo e restaurando o noso lar esborrallado.

Despois dun ano do pasamento de Manuel María continuamos dicindo que "a morte non é certo", como dixo o seu grande amigo e colega, Uxío Novoneyra, outro dos grandes construtores que arelou unha Galicia ceibe. No caso de Manuel a morte non é críbel cando o ollamos envolto nese manto de vida resplandecente e servíndonos de guieiro para acadar metas aínda non conquistadas.

Galicia ten moi poucos espazos físicos que Manuel non pisara ou nos que non deixara a súa mensaxe. Na personalidade do noso poeta podemos descubrir diversos perfís tanto humanistas como literarios. Todos eses rexistros emanan do noso pobo e a el os legou. Coido que na obra de Manuel non hai particularismos nin excesos de individualizar ou eludir aos que pensan diferente de el. Na obra de Manuel está ese compartimento do pan e do sal para mantenza da grande irmandade. Na obra de Manuel a Terra fala e inspira a dialogar con ela. Por iso, os que ficamos no aquén de tantas conformidades, pero sempre aspirando a engrandecer a nosa Terra amada, non podemos deixar ese facho de esperanza que empuñou Manuel María para continuar a descuberta dese albor ideal que el aspirou e nunca renunciou.
martes, 06 septiembre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía