xose 1200x230

Sangue sobre silenzo Martes 27.09.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Coido que a poesía nun país como é Galicia ten que suxerir e provocar accións que signifiquen cambios cualitativos no eido literario, social e político.

Se o poeta está lonxe e inhibido destes postulados e proclama outros que pouco ou nada poden afectar a solucionar problemas e conflitos múltiples, polo que actualmente pasa a sociedade galega, está xirando noutras órbitas que en pouco ou nada afectan á nosa realidade. Isto é o que percibo do gran número de poetas da nova xeración, ben actualizada e ben moza, que abre camiños de moi diferente liña e estética e que moi pouco esgrime unha ética que responda ás necesidades polas que pasa a sociedade galega no seu conxunto. Por isto notamos a falta dese berro ergueito e temperado en tantas loitas e reivindicacións, que foi puntual no escenario da denuncia contra os agravios e os desamparos que Galicia tivo que soportar con políticas que defenestraron progreso e liberdade.

Hai poucos días, aquí en Barcelona, asistín á presentación dun poemario na Galería Sargadelos, titulado: Sangue sobre silenzo da autoría de Brais González Pérez, un adolescente de 17 anos, natural do concello de Salceda de Caselas, isto da idade congratuloume, sobre todo ao ler os seus poemas de compromiso e acción, revelando a súa propia ética de compromiso. Esa ética tan personalizada na súa poesía exhibiu estética revelada na bandeira galega con estrela vermella que colocou na mesa e despois fixo servir de bufanda polas rúas de Barcelona. Brais é así de contundente e de valente e a súa mocidade convérteo en nobre tesouro. Sendo tan novo xa sabe realmente o que quere escribir e para quen quere escribir. Aí está esa entrega firme de unxirse co pasado combativo daqueles que fixeron patria e reivindicaron liberdade, morrendo por ela como é o caso dos mártires de Sobredo (Salceda de Caselas) que simbolizan a loita antiforal, sendo asasinados o 28 de novembro de 1922. Castelao lémbroos no ‘Albun Nós’ e nun dos discursos pronunciados no Parlamento da II República, cando era deputado do Partido Galeguista.

O título deste libro non pode ser mais revelador ao entrelazar sangue e silencio. Todo por rescatar sangue esquecido e o silencio convérteo en berro firme e pousado. Estamos ante un poeta moi concretista que sen volver a ese noso realismo social que tanta vitalidade nos trouxo en tempos escuros, vitaliza un novo espazo dialéctico, valéndose do verso, para erixir a palabra e fornecer unha Galicia innovada e cada vez máis dona de seu. Brais toma como referencia a Ferrín, Celso Emilio, Bernardino Braña e constata a presenza dese manancial de poemas que gurgullan liberdade que nos veñen desa escola de poetas comprometidos co país. Brais González fai que esa saga e esa nómina de compromisos se agrande considerablemente. Estamos ante un novo poeta cheo de vigor e de valor que insistentemente proclama as cousas máis sinxelas e máis emotivas, aquelas que se perden e aqueloutras que nolas contradín. Con súa enerxía e o seu súpeto invulnerábel codifica unha serie de propostas revolucionarias. A "verdade sempre é revolucionaria", dicía Gramsci, este lema deveuno aprender moi ben este esforzado poeta do Baixo Miño.

Debullando unha serie de poemas notamos esa carga e descarga de sensibilidade, de emoción e desasosego que conforma unha das novidades máis extremas da poesía galega feita por un poeta de innovado estilo que regresa ás esencias máis vitais do que se conforma a nosa poesía patriótica e combativa. A palabra negada toma vitalidade para ser adarga e escudo nun duro combate que se aveciña na reivindicación de tantas cousas silenciadas. Brais González Pérez, concorre en moitas direccións, en moitas buscas e en tantos logros estilísticos. Polo tanto, Sangue sobre silenzo é un poemario cívico e contestatario; un libro cunha enorme emotividade que sente nos seus pés a nosa Terra conmovida e silenciada. É así como o sangue mozo do poeta vibra e o silencio proclama os dons da palabra e da esperanza.

martes, 27 septiembre 2005

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras