logoGrupoCorreoParabéns, Harold Pinter Martes 18.10.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Coido que a Academia sueca non sorprendeu a moitos ao concederlle o premio Nobel de Literatura a Harold Pinter. Sorprendería se llo concedese a un escritor mediocre ou de secundaria fila...

...como moitas veces sucede con ese perfil de premiados. Aínda que Harold Pinter non estivese nesa apreciada listaxe de autores, candidatos ao Nobel, nada significa despois de ser acredor de importantes premios como o Shakespeare Prize (Hamburgo), European Prize for Literature (Viena), Pirandelo Prize (Palermo), David Cohen British Literature Prize, Laurence Olivier Award, Moliere D’Honneur for Lifetime Acchievement e o Companion of Literature da Royal Society of Literature. Ante tanta evidencia, a Academia sueca non podía tapar os oídos ou virar os ollos cara a outros horizontes que non fora Pinter.

Harold Pinter (1930), de orixe xudía e nado nun dos barrios máis pobres da periferia de Londres, irrompeu nos seus anos mozos no teatro máis popular e universal en lingua inglesa como era o teatro irlandés. Pinter percorreu os teatros irlandeses e as obras de John Synge, William B. Yeats e Sean O’Casey. A obra destes dramaturgos orientárono cara a un teatro de compromiso e de rebordante vitalidade humana que nos descobre tantas inercias e convídanos a liberarnos de pesados enigmas. Harold Pinter é un dramaturgo enigmático e capaz de integrarnos nese perfil de persoeiros onde un ten o seu propio sitio. Cando un sae de ver unha representación de Pinter cuestiona tantas cousas dun mundo cargado de problemáticos artificios que un comeza por autocuestionarse. A súa creación teatral parte dun principio pedagóxico no cal podemos reflexionar sobre tantas evidencias e tantas causas que nos encobren e nos derrotan. Dramas como O cuarto, Vellos tempos, O Porteiro, A última copa, A festa de aniversario, etc., son obras de gran calado e nas que se diversifica unha serie de problemáticas que van desde o individual ata transcender na vida colectiva.

Desde os anos setenta veño seguindo a Harold Pinter, lendo as súas obras e vendo o seu teatro. Os teatros barceloneses estiveron sempre á cabeza en representar obras deste enorme vulto do teatro universal contemporáneo. Barcelona, pioneira en tantos eventos xenuinamente creativos, non ignorou as creacións de Pinter. Traducións como as de Víctor Batallé e de Joaquim Mallafrè, entre outros, harmonizan esa produción exhaustiva que se ten vertido ao catalán. En Galicia, a posta en escena e as traducións de Harold Pinter son máis escasas. Cómpre lembrar que Edicións Xerais de Galicia publicou: Vellos tempos e A festa de aniversario. Un excelente comezo para continuar outras frecuencias da obra de Pinter.

Se o novo premio Nobel é un excelente dramaturgo, o seu compromiso social e político ten un longo contributo contra os actuais conflitos bélicos e contra os seus artífices: Bush, Blair e outros. A súa contundencia frontal non deixa lugar a dúbidas, neste seu escrito: "Se non están con nós, están contra nós", dixo o presidente George W. Bush. Tamén dixo: "Non permitiremos que as peores armas do mundo permanezan en mans dos peores líderes do mundo". Ben dito. Óllate no espello, amiguiño. Ese es ti". E continúa dicindo: "Estados Unidos cre que as tres mil mortes de Nova York son as únicas mortes que contan, as únicas mortes que importan. Son mortes "americanas". As outras mortes son irreais, abstractas, de ningunha consecuencia, segundo eles. As tres mil mortes causadas por eles en Afganistán non se mencionan. Os centos de miles de nenos iraquís mortos grazas ás sancións norteamericanas e británicas que os privaron de medicamentos esenciais nunca os mencionan. Os efectos do uranio reducido, usado por Estados unidos na Guerra do Golfo nunca se mencionan. Os niveis de radiación en Iraq son alarmantes. Nacen bebés sen cerebro, sen ollos, sen xenitais. Onde van os oídos, a boca ou o recto, o que emana deses orificios de sangue". Coido que nos vivifica o seu exemplo e a súa contundencia, en non pórlles freo ás palabras nin venda aos ollos, convidándonos a aspirar a un escenario sen convulsións.

martes, 18 octubre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía