logoGrupoCorreoA linguaxe fúnebre das campás Martes 01.11.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Polo día de hoxe, xa non moitas campás de Galicia sonorizan ese toque lento que tradicionalmente dedicaban o seu badalear aos mortos dunha comunidade concreta como é a da parroquia.

"Día de Santos" e "Día de Defuntos", as campás daban sinais alertando e alentando para que eses dous días a comunidade de vivos non rexeitara de ir aos cemiterios e levar a súa ofrenda de flores ou un pensamento, cargado de gratitude e misterio, como ofrenda saudosa para os que outrora conviviron con nós. E nese recinto do adro –ou o sagrado, no vocabulario dos nosos trobadores– entre o responsorio do crego, a ladaíña dos orantes e o rexo badal expandindo rigor de luctuosa coa súa vox clamanti é así como os mortos fecundan ideas nas nosas lembranzas.

As campás do rural galego dan moi poucos sinais a morto por estes días. Os sinais a morto eran a primeira conmemoración para celebrar ao redor dunha sepultura ou dunha campa. Ese toque compasado e ben dialogado entre dúas campas era o comezo dun grandilocuente ritual que poñía orde e rigor a ese encontro entre os vivos e os mortos: luces acesas de diversa frecuencia.

Os campaneiros do Courel, en unísono, repicaron as campás, fixo onte seis anos, cando se daba terra ao seu poeta, Uxío Novoneyra. Foi unha manifestación conmovedora cando entronizaron a este noso un poeta laico no candor da nosa nai terra. En troques, fiquei con mágoa que as campás de Outeiro de Rei ficaran silenciosas cando o noso Manuel María entraba no seu perpetuo descanso. Manuel, gustaba do toque das campás e escribiu sobre elas, mais o crego de Outeiro seguro que non se decatou disto por aferrarse ao que se quere ignorar.

Con ocasión de publicarse un CD sobre o toque de campás no municipio onde eu son arquiveiro e encargado do patrimonio histórico, Manuel recibiuno con agrado e con data do 5 de febreiro de 2004, curiosamente o ano da súa morte, envíame o seguinte agradecemento: "Gustosísimo co disco que contén os toques de campana de Sant Andreu de la Barca. Moi boa idea, si señor. Deume moito gusto escoitalo e heino de facer mais veces. Saleta púxomo nese aparello que temos que non sei manexar e ela si e quedei moi gustosísimo. ¿Como sabes que me interesan as campanas? Teño varias publicacións sobre o tema e hai anos mesmo escribín algunha cousa de tal materia. Agora xa non hai quen toque as campanas. Ós mortos lévannos ós tanatorios sen que as campanas da sua parroquia lles fagan o debido e obligado pranto. Unha desgracia. E unha vergonza".

Manuel María estaba no certo, que fiquen mudas as nosas campás xa pode que formen parte da nosa desfeita e da desintegración dos valores do noso pobo que permaneceron vivos na conciencia e, por suposto, na práctica de tantos tempos e eventos. Pobo que non recobra e inmortaliza as súas tradicións –en ocasións como ás que nos referimos– está tentado a desaparecer estupidamente. Deixamos que as nosas esencias máis determinantes sexan suplantadas por outras modas foráneas que anulan o noso ente. Cómpre saír do limbo das perversións e amar o que é noso.

Cando reivindico a tradición do toque de campás non o estou a facer desde o lado relixioso, máis ben laico, porque as campás en calquera contorno social sempre foron un medio de información, cando se carecía dos medios que hoxe nos abouxan. A linguaxe das campás facíase entender ao dar sinais por un morto, ao anunciar unha romaxe patronal, convocar un fatídico incendio e anunciar treboadas. A mensaxe das campás tiña un indicativo relixioso pero tamén tiña outro moi privilexiado como era o cívico.

A linguaxe das campás en Galicia era entendida e descifrada e isto tamén forma parte das nosas emocións máis íntimas. Cómpre que nos remitamos a ese fecundo reencontro de mensaxes, ritmos e redobres que nunca finxiron o que a alma galega tentou expresar por ese medio. Cómpre recobrar eses austeros badaleos para que sonoricen e conmemoren o silencio dos nosos defuntos.

martes, 01 noviembre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía