logoGrupoCorreoAs transcendencias de ‘Confíteor’ Martes 08.11.200
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

 

Xosé Lois García

O poeta do Ribeiro Xosé Carlos Gómez Alfaro proclama no seu novo poemario: Confíteor (Colección Hipocampo Amigo. Poesía. 2005), varias transcendencias que xorden do que tantas veces ocultamos.

A maioría destes poemas están estruturados en sonetos libres. O título non deixa de ser esclarecedor ao utilizalo en latín e lémbranos aquela continua frase dos romanos: esse igitur deos confitendum est. Gómez Alfaro non ten a intención de revelarnos ou manifestarnos o segredo dos deuses monoteístas ou politeístas, si que nos confesa algo da vida dos humanos e do todo o que se abrangue en materia dos seus fallos.

Este convite a confesarnos e revelarnos a nós mesmos é máis un acto de contrición, é un efecto da nosa propia superación. Dicía o cúaquero británico, fundador da colonia de Pensilvania, William Penn (1644-1718): "Confesarnos non fai máis que mostrar que o hoxe supera ao onte". Poucas veces lle oímos a un poeta esta reflexión tan pura como a que nos fai Gómez Alfaro, de confesar o que moitos consideran unha imprudencia. Hai que saír desa casca do poeta finxidor –como esclareceu Fernando Pessoa–. Alfaro faino desde o lado máis humano, sen pretensións e sen desafíos, coa palabra como fío condutor de confesarnos a súa ética e as súas preocupacións con precedentes ben humanistas.

Concretándonos no poema ‘Se foras máis humano’, xorde ese diálogo de contundencias con ese deus, en minúscula, e xa desde o lado de calquera criatura crente máis que pensante, perde a súa emancipación como homo sapiens que se ve cercado por tanta deshumanización. Recuperemos o texto do mencionado poema: "Se foras menos deus e máis humano,/ meu redentor caído, ¡ai!, de conto/ inútil sufrimento malfadado/ nos terías librado sempre, ingrato.// Se Ti foras irmán dos meus irmáns/ e moito menos, moito menos pai,/ non nos asolaría o vendaval,/ nin faltarían nunca azos nin pan.// Se foras menos deus e máis humano,/ sementarías gran ata nos páramos/ onde a devastación e mailo pranto// van medrando, medrando sen cesar,/ e sumando esqueletos cardinais/ e calcinando as ás claras da paz".

Esa venerábel intuición do poeta cabalga neste poema tan frontal como contundente, sen rachar os vestidos e desde o lado humano despoxa ese deus que o poeta o quere máis preto e do lado humano. Non o di con xenreira senón poñendo en dúbida os atributos que outros "deuses" así o presentaron como pavoroso deus. Dicía Bakunin, desde o seu empirismo ácrata: "Se Deus existira tal como o presentan as relixións había que destruílo". Mais este non é o tema que nos ocupa e menos o que preocupa a Gómez Alfaro. Mais a queixa belixerante do poeta ribeirao ten un contexto, quizais sen sabelo, con aquel famoso sermón do Padre António Vieira, cando os holandeses invadiron o Brasil, que desafiou ao propio Deus no cal cría. Un sermón que hoxe é unha xoia literaria e tamén un revulsivo contra as carencias dun Deus que non atende os agravios humanos. Neste caso, Alfaro, prudente e recatado, acende o luminoso facho do humanismo. O Humanismo de calquera temporalidade e referencia.

O discurso continúa nestes versos: "Tiven e teño sede, meu Deus lercho,/ sede de liberdades infinita,/ sede de labaradas deleitables,/ sede de plenitudes e de liras". Este discurso afínase máis a ese Deus, con maiúscula, no cal o poeta cre e toma a liberdade de demandar desde unha postura cívica máis que un prego de servilismo relixioso. Confíteor é, sen dúbida, un poemario de enorme calado ético en tons e ritmos non exaltados, que son os que mellor callan para dialogar con deuses, maiúsculos e minúsculos, e para confesarlles a teimosía testemuñal do que o poeta, desde o lado mais lírico, tenta non refrearse. Benvido este feixe de poemas contra a aliñación e o escurantismo. Contra esa enorme desfeita onde todo se venera, xerarquízase e aglutina. Ante isto é coherente a mensaxe de Gómez Alfaro, un poeta sen carencias nin pretextos. Un poeta que, felizmente, rompe tópicos.

martes, 8 noviembre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía