logoGrupoCorreoOperación Castiñeira - Martes 22.11.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

A detención de dez mozos pertencentes a AMI (Assembleia da Mocidade Independentista) non deixa de ser unha escenificación de forza innecesaria para que nos decatemos de quen manda e ordena nesta Galicia que tanto sabe de maldicións represivas.

¿Que se pretende coa ‘operación Castiñeira’, amedrentar e coartar a liberdade de expresar, manifestar e difundir ideoloxías diferentes ás que ostentan o poder? Pode que esta resposta lle corresponda dala ao delegado do Goberno en Galicia, o señor Ameijeiras Vales, en quen recae parte da responsabilidade da orde pública en Galicia. Despois da decisión da fiscalía de pór os detidos en liberdade sen cargos, alguén en Galicia tiña que responder con certa urxencia a esta operación que vulnera os dereitos civís e constitucionais.

Estas detencións indebidas –así o entendeu a fiscalía– non deixa de crear certa alarma social ao observar, desde moitos parámetros, que certos movementos reivindicativos en Galicia están no punto de mira, polo mero feito de manifestarse independentistas. ¿Este caso insólito de actuación en Galicia pasaríalles pola mente aos responsábeis da Policía ou da Garda Civil de actuar deste xeito en Cataluña? Desde logo que non. Ademais de estar curada de espantos, a cidadanía catalá reaccionaría cunha resposta contestataria e de alta precisión. Sería moi san para a convivencia que, en Galicia, se acepten certos comportamentos e certa linguaxe que forman parte dun modo de entender a diversidade. Dun modo de entender e defender Galicia. Por favor, non poñan os bois detrás do arado, así nunca máis se renovará esta Galicia sedentaria e de terrón endurecido.

¿En que leis ou con que criterios se dimensiona unha acusación de terrorismo a unhas persoas cuxas actividades son outras moi alleas a sospeitas e a ocultas pretensións de tantos intereses creados? ¿Onde están os límites entre unha actuación contra a apoloxía do terrorismo a declararse independentista a prol dunha causa moi determinada? ¿Declararse independentista ou facer apoloxía desta causa connótase e equiparase a unha acción terrorista? Ante estes interrogantes cómpre rematar con estes feitos e efectos de rancio e tenebroso franquismo. Pode que xurdan demasiadas lecturas sobre o colectivo de Gentalha do Pichel, colectivo de carácter cultural ao que pertencen os detidos e que traballan en diversas direccións e cuxo labor intentaron esfaragullar. Así o entendeu ese vasto número de identidades cívicas e culturais de Galicia que expresaron solidariedade cos detidos e mantiveron unha firme repulsa contra estas accións.

Estamos ante unha escalada verbalmente activa e con ela estase pasando a unha acción bastante perigosa de alarmismo social. Ese exceso patrioteiro de Paco Vázquez, Bono, Ibarra con todos os poderes terreos e celestiais do PP, abandeirados, codificados e ancorados na concepción e trasnoitada consigna de ‘una grande y libre’, está dando os seus froitos e pode que produzan un estilo pouco novidoso no seu comportamento ao marcar os outros como perigosos e de alto risco e non como adversarios. As tendencias en favor do único, por sorte de quen as padece, están desaparecendo. Cabe recoñecer e intensificar a diversidade e apearse do heteroxéneo e entender reciprocidades heteroxéneas.

Neste sentido, ten que imporse unha concertación dialogada; un entendemento que consolide a aceptación do outro, do que se desdeña e poucas veces se aceptou, para que explique moitas realidades da súa entidade onde se ten que escoitar aos independentistas. Teñen dereito a reivindicar un debate, a que se lles escoite e a non ser anatematizados. Moitos entendemos que estas detencións pode que formen parte dese acoso e derruba dos que intentan non dialogar nin escoitar. Nunha sociedade democrática, como se pretende que é a actual, merece a pena esforzarse por entender aos que non queren ser dependentes.
Martes 22.11.2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía