xose 1200x230

O teatro infantil de Vázquez Pintor - martes, 20 diciembre 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Xosé Vázquez Pintor é un dos nosos escritores que consagran a súa proxección, desde hai anos, ao teatro. Un dramaturgo que cómpre tomalo moi en serio, dentro do panorama galego, e que está contribuíndo dunha maneira destacada a fomentar a nosa arte escénica a todos os niveis.

A súa última entrega, titúlase: Asubío, Fina e Petra, xente moi lareta, editada por Everest Galicia e con ilustracións de Andrés Meixide. Neste libro, de teatro infantil, ofrécese todo un roteiro magnífico de elevada sensibilidade onde os seis persoeiros en escena fornecen un atractivo mosaico de elementos innovadores que lles resulta aos nenos entrar noutra dinámica pedagóxica de grande alcance.

Antes de máis, reproducimos o curto limiar deste libro que o propio Xosé Vázquez Pintor, nos avisa do seguinte: "Na primavera do 1975 pensaba eu en Cangas que o mundo das árbores e dos paxaros era o máis feliz. E nel estabamos case todos os que habitan o planeta azul: azul de mar e azul de ceo. Escribín entón esta peza de teatro e despois de sete días coas palabras durmín e descansei na casiña labrega de Quian. Hai trinta anos, que logo se din. Acordei do sono e sigo a soñar coas mañás dos azuis do ceo e do mar".

Demasiados anos ficou este libro adormecido nunha gabeta que, por certo, non perde actualidade. Foi en Quian, nas terras de Agolada, por onde o río Arnego chouta e canta por eses bucólicos eidos da Galicia máis auténtica e senlleira. No azul celeste da terra interior e o azul do mar de Cangas xurdiron mazás madurecidas con arrecendo de outonada entre o sonoro piar dos merlos, que lle deron corpo a esta substanciosa e espléndida obra onde os nenos ficarán ledos coa lectura deste libro e aspirando a un segundo agasallo: a esceneficación da obra.

Coido que escasea en Galicia un teatro para nenos. Os autores téñense preocupado máis polo teatro de adultos que polo infantil. Vázquez Pintor, como profesor empeñado na contribución de intensificar o noso idioma nas escolas, sabe moi ben que o teatro é un dos elementos en que os infantes poden incorporarse a amar ese mundo tan inocente pero tan ilustrativo que se desprende da acción do Dono da horta, de Fina e Petra (as dúas mazás que dialogan e cambian de cor), O Merlo Asubío, O Home Larpeiro e o acróbata e estilista Xoubín. Todos estes persoeiros conforman esa autenticidade de crear unha paixón pola lectura e, tamén, pola posta en escena destes persoeiros.

Pintor consegue que a flora e a fauna formen parte dese diálogo continuo que teñen entre ambas e cada vez máis esquecido polos humanos recluídos no seu "mundanal barullo". Neste libro, o seu autor, convídanos a volver ás orixes dese diálogo, tan necesario como emancipador. Os referentes existenciais están cada vez máis esquecidos polo home actual que se desprotexe do seu propio medio natural. Esta obra fortalece o diálogo e a convivencia dos seres que habitan o noso microcosmos. Á medida que os humanos depredamos cada vez máis a flora e a fauna, persoas como Vázquez Pintor fornecen e vitalician o noso propio universo. Este libro fomenta unha serie de inercias que non pasarán desapercibidas para a psicoloxía dos nenos. Díxome, en certa ocasión, o escritor angolano, Pepetela, autor dun conto para nenos que hoxe é unha das pezas claves do teatro infantil en Angola, titulado: As aventuras de Ngunga, que era máis fácil escribir para adultos que para crianzas.

 

Necesariamente, esta escrita teatral está ambientada por esas ilustracións que non deixan de ser iluminarías para abrir camiños de ilusión e verdade. Escrita e deseños son dous rexistros que fornecen a comprensión e o sentimento infantil non deixa de ser unha vía de acción no que se desenvolve dentro da tea roxa que gornece aos persoeiros. Esa interrelación entre Xosé Vázquez Pintor e o iluminista, Andrés Meixide, perfuman aínda ese mundo lonxincuo da nenez dos adultos.

martes, 20 diciembre 2005
xornal

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras