xose 1200x230

A poesía de Décio Bettencourt. - Martes 1 de febreiro de 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García
 
Angola sempre sorprende no que os seus poetas crean. De Décio Bettencourt Mateus (1967) chégame a súa primeira entrega poética, titulada: La furia del mar, publicada pola Editorial Nzila. Para un europeo resulta curioso que nun país que soportou máis de trinta anos de guerra e que os protagonistas bélicos tiveron tempo e sensibilidade para compor poesía. Este é o caso de Décio Bettencourt, que ten a graduación de tenente e, tamén, a licenciatura de Xeofísica pola facultade de Ciencias da Universidade Agostinho Neto de Luanda, para, ao final, traballar na industria petroleira.

A vida dos africanos é mesmo dolorosa e sempre procuraron con ela atopar camiños na tan difícil busca de circunstancias adversas. A biografía dos poetas angolanos está sempre cargada de profesións distintas para procurar saír de escuros labirintos. Isto é positivo para unha persoa que quere acadar un lugar nas letras do seu país, exhibindo outros traballos e outros estudos que sempre favorecerán varios aspectos poéticos tan matizados e particularizados.

La furia del mar, é un libro que se sustenta de varias entregas creativas que oscilan desde 1994 a 2003. Evidentemente, nove anos de distanciamento poden producir certa alteración na articulación do que se refire a tempo e a espazo. Digamos que a poesía angolana, desde xa hai bastantes anos, goza de maioría de idade e isto permite que os poetas non estean, nin deben estar, sometidos a ningún canon. Gozando xa dese permisismo, na poesía angolana, encontramos unha serie de referencias creativas de alto valor por espremerse sempre dentro duns parámetros existenciais. Estamos ante un poeta intimamente existencial e cunha economía poética esencialmente xirada aos problemas que o rodean e que non desexa distanciarse deles.

Décio Bettencourt Mateus sabe transcender na vida do común e, por iso, encontramos non poucas observacións e matices do que é verdadeiramente a vida tan particularizada do que se comparte en convivencia cos demais. Este poeta, en forma de crónica, sabe levar á poesía as vivencias dentro dun Candongueiro (autobús) nas súas diversas fases de soportar os tumultos e de facer amigos nesas turbias viaxes. Mais o impactante deste poeta é como procura centrar o seu discurso poético valéndose de circunstancias que el sabe asumir e tecer con habilidade.

Non cabe dúbida que Décio Bettencourt bebe da tradición da poesía angolana, da máis suxestiva e altamente en acorde co destacado de vivencias e referencias. Así o manifesta no poema, titulado: Dialogando com as estrelas. Un poema sobrio e pleno de mensaxes que irradian esa pureza en que se atopa o poeta. Con este tipo de poesía estamos, evidentemente, no contexto social da angolanidade máis determinativa e non exenta de realismo. Non falamos daquela poesía do realismo social. Neste poeta o social está desvencellado do realismo. Dúas percepcións articuladas para convivir autonomamente. Compor un poema nestas circunstancias non é fácil. Primeiro hai que mastigar a idea e dispor dunha certa intuición para non caer en erros que levaron a outros poetas angolanos a compor poesía de militancia e intervención de mala calidade. Resúltanos curioso que un home de armas non entre nese escenario discursivo tan propio e tan usado por guerrilleiros ante colonialistas que compuxeron unha poesía tan particular e exaltadora de eventos épicos.

La furia del mar é un libro que nos ilustra nesa crítica na que persoas e estamentos non fican exentas. Pode que o discurso exalte conciencias e lle marque rumbos a un lector interesado en afrontar e combater problemáticas, tan tipificadas nesa África profunda da cal nos fala Décio Bettencourt. A temática resúltanos interesante, innovadora e en moitos casos precoz, como enunciado de cambios desexados na sociedade angolana. Aquí verificamos a protesta dun autor autorizado a dicir o que observa e o que delibera no seu diálogo coa propia poesía. Este primeiro inventario poético pon a Décio Bettencourt nun obrigado e necesario segundo rexistro poético.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras