logoGrupoCorreoA feira do libro da Habana. Martes 22 de febreiro de 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Co lema: "Leer es crecer", inaugurouse o día 3 de febreiro e clausurouse o día 13 a 14 Feria Internacional del Libro. Cuba 2005. Este ano dedicada a dous escritores cubanos, Jesús Orta Ruiz, El Indio Naborí e a Abelardo Estorino. O país convidado e de honra foi o Brasil. Evidentemente os que imos, ano tras ano, a esta feira do libro vemos como crecen os lectores e estes fan crecer a multitude intelectual. Unha feira de carácter internacional que xa vai pola súa 14 edición e que compendia todo un programa que vai alén das paredes da fortaleza de San Carlos de La Cabaña, que lle serviu aos colonialistas españois de defensa e protección da baía da Habana; de cuartel xeral a Ernesto Che Guevara, cando tomou Habana en 1959. Agora, este enorme espazo, serve para instalar toda unha montaxe de libros e de encontros culturais polas que pasaron mais de un millón de persoas. Estamos falando dun espazo enormemente sensíbel onde todos os cubanos concorren para observar e mercar libros a moi baixo prezo e facer contactos con outras culturas e lecturas.

Alén dese espectáculo aglomeratorio as iniciativas son diversas: presentación de libros; conferencias sobre autores e modelos de escrita; debates sobre diversas parcelas de cultura fronte á globalización; recitais de poesía e música conforman todo ese enorme auditorio onde todos son protagonistas ao ar libre. Todo un acto revolucionario, onde caben todos menos os intereses económicos que no mundo occidental encarecen e se lucran do libro. Nesta feira todos saen con diversos textos de lectura e todos participan nesa enorme festa da palabra escrita.

O programa é enorme no que se engade un longo repertorio de actos que acada o espazo moi diversos espazos habaneiros. A Feira Internacional do Libro da Habana é, sen dúbida, un espectáculo na que ninguén é alleo porque a festa lúdica e cultural faise coa participación de todos. A feira reflicte unha política virada cara á integración cidadá nese mosaico cultural. Esta feira, evidentemente, ten múltiples perfís e cada un deles está destinado a moi variadas sensibilidades e todas elas con ese fervor cubano que hai pola lectura.

Observei a miles de nenos iniciados na lectura como lían e levaban a súa propia literatura infantil en banda deseñada. Isto representa unha das contribucións iniciais en que os nenos comezan a dixerir e a contribuír ao campo da literatura e da cultura. Cuba sorprende como activo cultural e como precursora na divulgación dun modelo de sociedade amparado na cultura. Nos países capitalistas a cultura é un negocio, que poucos poden ter acceso a ela. En Cuba, a cultura é unha necesidade e un ben público que todos teñen conciencia de amparala e divulgala.

A Feira do Libro da Habana mobiliza as masas. A participación ten un sentido social e, tamén, emocional en que toda a colectividade cidadá fortalece esa visión de conxunto de que o libro axuda a non ser rudimentario e estéril. Esta é unha convicción que cada cubano o ten asumido como principio de utilidade. O impacto desta feira do libro non deixa de sorprender para quen transita entre centos de expositores, ou concorre a actividades tan útiles como dispares. Digamos que esta feira da Habana ten continuidade por toda a illa, con diferente intensidade, mais nela todo o país converxe.

Brasil, país convidado e de honor, deixou o pavillón moi alto con ese enorme fondo editorial que sorprendeu a todos. Brasil non deixa de ser unha gran potencia editorial; un referente para toda a lusofonía e un caudal imparábel en Latinoamérica. Aí estaba presente toda unha política de conxunto, sectores gobernamentais, editoriais e escritores. Todo un dinamismo que merece a pena comprendelo e imitalo. Para o próximo ano a feira terá a Venezuela como país de honra. Digamos que do Estado español estiveron varias comunidades autónomas presentes. Andalucía impactou coa súa representación editorial e coa presenza de Manuel Chaves. Galicia foi a grande ausente.

Xosé Lois García (2005)

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía