Grupo CorreoA vixencia de Harold Gramatges. - Martes 1 de marzo de 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

O meu encontro co mestre e compositor cubano Harold Gramatges (Santiago de Cuba, 1918), nunha dependencia da Uneac (Unión Nacional de Escritores y Artistas Cubanos), resultoume fructífero e emancipador. De tal maneira que eu ignoraba aqueloutra música de cámara e sinfónica cubana á que tanto se lle debe á creación de Gramatges. Naquel minúsculo bufete sen decoración, rebordado de humildade, a presenza do mestre impón certo silencio que el mesmo rompeu para integrarnos nunha conversa da que todos participamos. Alí estaba a súa secretaria e especialista da Asociación de Músicos Cubanos, Gema M. Suárez Cabrera, Hortensia Peleteiro, funcionaria do Ministerio de Cultura, Fernando Galindo, un informático cuxa sensibilidade busca outros universos compatíbeis coa cibernética, e servidor. Antes de viaxar á Habana, a coordinadora da miña axenda, Hortensia Peleteiro, comunicoume que a miña primeira actividade era a visita ao mestre Harold Gramatges. Busquei varias referencias sobre este inmenso compositor e vinme desbordado por unha longa biografía que ocupa ducias de folios. Acudín a un dos volumes de 'Ese músico que llevo dentro', de Alejo Carpentier, e atopei a seguinte opinión: "Y así andaban las cosas, en Cuba, hasta el triunfo de la Revolución... Y, en el primer mes de la era nueva que se abría para mi país, se constituyó ya un consejo destinado a considerar la condición del músico cubano para resolver los problemas que planteaba su presencia y existencia dentro del contexto revolucionario... Ante todo: había que ejecutar la música de esos compositores. Esto se hizo, y se sigue haciendo. Y de una labor común, de una convivencia con el musico de atril, del ejecutante, pudo surgir una obra tan extraordinaria como el Movil II de Harold Gramatges, donde el temperamento, la sensibilidad personal del intérprete (instrumentos de aliento y percusión) son solicitados y suscitados hasta sus más extremas implicaciones...".

Harold Gramatges foi un dos compositores que mellor comprendeu os tempos revolucionarios. A acción revolucionaria chegaba á musica e ese enorme mestre, como é Gramatges, vindo dun espazo burgués acomodado, seu avó era un catalán de Sitges que fixo a América en Cuba e ficou. Pois dese contorno saíu o gran músico, que el me explicou con emoción a súa orixe catalá, convertido á causa máis revolucionaria que a música, naquel momento histórico, lle pediu un cambio de perfil. Gramatges non só se integrou a ese cambio necesario senón que tamén dedicou o seu tempo a mesteres diplomáticos. El foi o primeiro embaixador cubano en Francia, despois do triunfo da Revolución.

Harold Gramatges é un creador moi coñecido en tódolos ambientes musicais, culturais e humanistas de Cuba. As súas composicións son rotundas e foron capaces de marcar un tempo novo; unha experiencia única, que tantas ovacións e premios ten recibido. Centos de premios. Mais citemos un: o "Iberoamericano de la Música 1996, Tomás Luis de Victoria". De todo isto tiven a ocasión de escoitar obras como Serenata, para orquestra de cordas. Para la Dama Duende, concerto para guitarra e orquestra. "Sinfonietta, para orquestra sinfónica. Guirigay, para quinteto de cordas e de vento. Por último: In Memoriam Homenaje a Frank País. Frank País foi aquel estudante revolucionario asasinado en Santiago de Cuba por Batista. Era fillo dun pastor protestante galego, natural de Marín.

O máis impactante de Harol Gramatges é que continúa en plena acción creativa, pese aos seus oitenta e seis anos que non lle resultan un impedimento para continuar, revolucionariamente, o seu compromiso coa creación e co discurso musical que divulga en Cuba e alén das súas fronteiras. Unha mente moza e renovadora e cun espírito humanista de longo alcance. Isto é o que verificamos nesa longa conversa na que tivemos o privilexio de falar con el. Curiosamente, sorprendeume, que viñera, acompañado de Gema, á miña conferencia: 'Paralelismos entre Rosalía de Castro y José Martí', organizada polo Centro de Estudios Martianos. Un xesto de amizade e un grande esforzo que agradezo.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía