logoGrupoCorreoAgostinho Neto, uma vida sem tréguas - 17.1.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

O africano rei Baltasar, guiado pola luminosa estrela epifánica, bateu na miña porta e entregoume un regalo máxico que a Dra. Irene Alexandra Neto, viceministra das Relacións Exteriores para a Cooperación de Angola e filla do primeiro presidente de Angola, Agostinho Neto, fixo un extraordinario estudo sobre o seu pai.

Neste excelente traballo colectivo de varios estudosos, coñecedores da súa vida e da súa obra. Agostinho Neto non perde actualidade, como home de Estado, humanista, estratego e poeta. O Libro, titulado: Agostinho Neto, uma vida sem tréguas dimensiona a vida e a obra do saudoso Presidente desde 1922 a 1979 e convértese nun dos memorandos de pesquisa mais interesantes que se teñen escrito sobre o guía nacionalista e independentista de Angola.

A medida que o pobo angolano avanza polo camiño certo e trazado por Neto, a súa obra proxéctase desde África cara a todos os hemisferios. Agostinho Neto xa está na nómina dos grandes líderes africanos que consolidou unha conciencia nacionalista e que foi o eixe da loita pola independencia de Angola.

Neste fermoso libro están os diversos procesos da loita contra o colonialismo liderados por Neto; relatos de compañeiros de batallas e peregrinacións, sempre transcendendo cara á mais luminosa luz, pese á tenebrosa ditadura fascista de Salazar. Non foi fácil a vida e a obra de Agostinho Neto, sempre parella ás penurias do pobo angolano. Resistir para existir foi a súa consigna e a súa lealdade aos primordios da loita contra os que roubaban e humillaban. O seu sudario ben merece un salario de gratitudes e lembranzas pola súa enorme obra patriótica. Como el dixo nun dos seus poemas de Sagrada Esperança: "As minhas mãos/ colocaram pedras/ nos alicerces do Mundo./ Mereço o meu pedaço de pão".

Todo pobo necesita revelar o seu proceso histórico máis inmediato para fomentar a obxectividade duns feitos que moitos quixeran manter entre as nebulosas da terxiversación. A realidade do proceso de loita anticolonial en Angola e boa parte dos avatares que teñen acontecido neste país africano forman parte da crónica deste libro.

Angola e o home que fixo posible a súa independencia aparecen aquí esclarecidos por unha serie de persoas que dunha maneira directa ou indirecta viviron aqueles acontecementos e que agora veñen a revelar o protagonismo do presidente Neto. Neste estudo hai unha entrevista que Artur Queiroz lle fai á súa viúva, Maria Eugénia Neto, e resúltanos de vital importancia para coñecer temas moi puntuais que non é frecuente encontrar noutras referencias anteriores que se teñan feito sobre Agostinho Neto.

Documentos escritos e gráficos solemnizan esta marabillosa edición. A isto temos que engadirlle unha serie de testemuños de homes de Estado que nos falan da presencia activa do líder, do estadista e do humanista que foi o presidente Neto. Remata esta publicación con tres cronoloxías que parten da data do seu nacemento (1922) e rematan coa da súa morte (1979). A primeira leva como título: Vida de Agostinho Neto; a segunda sobre os Acontecimentos de Portugal e Colonias e a última revela os Acontecimentos Mundiais.

Acácio Barradas, o editor, logrou o seu obxectivo, realmente loábel neste libro, cuxa venta ira para reverter e beneficiar o que nun futuro próximo será a Fundação Agostinho Neto. Unha fundación que, sen dúbida, axudará a coñecer a este político e revolucionario universal e que desde Angola proxectouse cara a outros horizontes. En todo isto, falta moito por percorrer para desvendar o talentoso home de ideas que esclareceu esa África castrada pero rebelde na que el foi un dos maiores protagonistas desa loita pola que se fixo posíbel a liberación nacional de Angola.

martes, 17 enero 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía