xose 1200x230

As fendas na pel do imperio - 7.2.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Desde que os demos fixeron acto de presenza en territorio gringo os seus habitantes non deixan de desesperar. Non é para menos.

O imperio do ben que tanto anatema creou contra o espírito do mal, non deixa de ver perigos nos demos de Bin Laden que xa non só son capaces de tirar torres, símbolo do poder económico USA, senón de introducirse en cada fogar e torturar a eses incautos espíritos domados e escurecidos polos deuses do imperio. Os demos apocalípticos murmuran na orella de cada norteamericano, ata o punto que os tímpanos, a pel e o corazón se lles encolle en tanta atribulada e medoña cuestión.

Parece que a George W. Bush lle gusta ler e citar o Apocalipse de San Xoán. Por iso entendemos que todas as hostes demoníacas teñan tanta predilección por este maldito señor. Todo o que lle pasa ao presidente de Ianquislandia parece que se cumpre nesa profecía aterradora do Apocalipse, 16, 12-14, da que podemos ler: "Logo o sexto anxo verteu a súa cunca no gran río, o Éufrates, e comezou a estiñar a auga para axeitarlles así o camiño aos reis do Nacente. Despois vin saír da boca do dragón, da boca da besta e mais da boca do falso profeta, tres espíritos inmundos semellantes a sapos; son os espíritos dos demos que fan prodixios e van onda os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande de Deus que todo o sostén".

O tema profético non é broma para Bush e seus servizos secretos que tratan de descifrar o anunciado cos mellores predicadores e doutorais de igrexas para que fagan unha xusta e acelerada interpretación da mensaxe e da coartada que teñen na manga os demos. Ese grande río Éufrates é a clave para discernir a mensaxe do que lle acontece a Bush, a seu feudo e a seus súbditos. Mal sinal cando o Éufrates e o Tigre mesturan lodo e sangue e vomitan cadáveres polas súas longas travesías por Iraq. A terra milenaria abrasada con xofre e fogo apocalíptico. Os que contemplan o fatídico destino do Iraq, invadido e ocupado por matachíns e sinistros clans económicos que non dubidan en eliminar a miles de civís inocentes nunha guerra na que só se busca petróleo a cambio de xustificacións incomprensíbeis, non ven mais que un enorme tormento de pel calcinada e fendas por ese perverso mundo neoliberal.

Aos demos de Bin Laden, de Sadam e de todos os demos da musulmania antinorteamericana véñenselles a sumar os satanases de case toda a América do Sur. Eses demos apocalípticos nos que tanto cre George W. Bush e os seus centurións búfanlles nas orellas o que lles pode vir de tódolos ventos do mundo. Eses demiños tan vingadores anticípanlles aos gringos tempos de recoller tempestades.

Son moitas as fendas que xa teñen o Banco Mundial e o FMI. Os analistas políticos e económicos non auguran tempos felices nin para a Administración republicana nin para a sociedade opulenta dos EEUU. Os países pobres aconséllanse con eses demos aos que os estadounidenses lles teñen tanto pavor e van conseguindo parcelas que lles permite ceibarse ao dar pasos concretos para ser menos dependentes da influencia e do poder norteamericano. En Hispanoamérica as mudanzas políticas que se están dando non son moi confortantes para os USA. A esquerda avanza nas súas posicións diversas. Cada país ensaia a súa forma máis plural para que os máis pobres participen nunhas políticas das que estaban exentos na que poidan reducir miseria e dependencia.

Os cambios que se están producindo en Hispanoamérica alarman e infunde medos e preocupacións ao ollar que o espírito do mal traballa en todo lado contra os monopolios das multinacionais. O aliado co que aínda poden contar os EEUU é a Colombia de Uribe, o resto dos veciños está noutra órbita. Os ianquis xa non apelan como antes á súa dignidade nacional, preocúpanse máis de confraternizar nas igrexas e implorar ao señor do benestar para que Satanás, Belcebú e Leviatán deixen de enviarlles os seus mensaxeiros, os pobres demos, para non incomodar o seu paraíso.

martes, 7 febrero 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras