logoGrupoCorreoOs desafíos da esquerda - 14.2.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Non merece a pena lembrarlle a ninguén os golpes que recibiu a esquerda de hai vinte e cinco anos cara acá. Están na mente de todos os diversos perfís da esquerda e moitos deles sen alternativa posíbel por falta de pragmatismo e dunha autocrítica permanente.

Houbo, e continúa habendo, unha esquerda sen coherencia e ancorada nun discurso indiscretamente ortodoxo. Despois da derruba da URSS acentuouse unha enorme perplexidade en toda a esquerda que non soubo reaccionar e formular unha nova transición sen medos e sen pantasmas. Foi aquí onde a dereita se apropiou inescrupulosamente da linguaxe da esquerda, e é así como a continúa empregando demagoxicamente para interferir nas claves da esquerda, e esta non soubo reaccionar no seu conxunto e a argumentación de varios temas, como o de loita de clases, quedaron desvirtuados e con ela a correlación de forzas.

Aquela esquerda no poder, digamos a de matiz comunista, desbotou as potencialidades que tiña no seu contorno centrándose máis no aparato que centralizaba todo, sen deixar lugar a que as bases tiveran opción á crítica. E foi así como xurdiu unha forza social antisistema que desde o silencio se foi apartando da burocracia do poder comunista. Neste contexto, moitos dirixentes da esquerda concibiron a forza popular como unha forza social que se podía manipular e sucedeu que a política, como arte de gobernar ou de construír unha acción de conquistas, se tornou nunha estratexia desvencellada das fórmulas e dos modelos do poder.

Nestes últimos vinte e cinco anos. a esquerda está pasando por unha crise xa non de identidade senón de conxuntura ideolóxica. A renuncia ao marxismo como idea de transformar a sociedade por parte de varios políticos que aspiraban ao poder en nome do socialismo, lanzáronse á aventura e acolléronse sen reservas ao institucionalismo democrático marcado pola dereita. Unha vez logrado o poder viñeron as decepcións pola política e polos políticos.

Mais o problema da esquerda que non renunciou ao marxismo foi o de non saber renunciar á instrumentalización da vida política deixando de lado un proxecto que se debía realizar a varios niveis para integrar as masas proletarizadas e asalariadas. Despois da caída da Unión Soviética, os novos próceres da esquerda non souberon adecuar a linguaxe marxista aos novos tempos. Á militancia esquerdista faltoulle esa pedagoxía, por non dicir sabedoría, capaz de potenciar en calquera sociedade un cambio elemental e adaptado á nova linguaxe tecnolóxica. Estamos na era da televisión e da informática dúas grandes potencialidades na hora de transmitir mensaxes en favor da dereita, porque toda esa estrutura está nas súas mans. A cultura da palabra e das consignas cambiaron e o proceso será mais acelerado. A esquerda ten nas novas tecnoloxías un espazo enorme de combate dialéctico que lle dará un novo estilo á dinámica da súa mensaxe. Polo tanto, a militancia de esquerdas tense que flexibilizar abandonando aquela rixidez orgánica e métodos autoritarios. Agora as loitas téñense que gañar por outros métodos máis tecnificados. Polo tanto, a esquerda ten que crear un debate sincero e exento de personalismos para que calquera organización de esquerdas goce de democracia interna, e é aquí onde debe radicar esa pedagoxía.

Son moitos os desafíos que se lle presentan á esquerda a escala global. Un deles é o abandono desa inxenuidade para ser capaz de crear novos valores éticos nos que a sociedade os teña como referencia para construír un mundo novo e exento de corrupcións. Na esquerda é preciso unha nova moral que, sen dúbida, hai que inventala para que substitúa tantas contradicións que hai nas incalculábeis siglas que avalan esa esquerda desgastada e rota. Todos eses valores éticos teñen que emanar do marxismo. Repítese constantemente que o ideario de Marx está superado, esta é unha mensaxe ben estruturada pola dereita. Se aínda Aristóteles e os pensadores clásicos teñen vixencia, ¿por que non Marx?

martes, 14 febrero 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía