logoGrupoCorreoCrónicas de Cuba (I) - 21.2.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

SANTIAGO DE CUBA ben merece unha visita aínda que a viaxe se faga nun Tupolev soviético e o seu ascenso sexa lento e capaz de acadar a súa altura e desde ela ofrecernos as belezas do sur da illa. O bravo mar Caribe batendo contra os penoucos desas misteriosas estribacións de Sierra Maestra, co seu verde oliva matizando a súa grandeza.

Desde o ar, Santiago ten outro perfil nesa entrada de mar pola fenda sísmica que deseña a longa e vacilante baía, moi parecida ás nosas rías. Como eterno custodio aséntase a cidade de Santiago, creada polo colonizador Diego Velázquez. Santiago de Cuba, vista desde os seus cumes parece unha saborosa torta de doce aroma partida en moitos cachiños e cada un deles sérvenos para recrearnos en toda a súa harmonía.

Gusto do perfil de Santiago de Cuba e dos santiagueros, esoutros cubanos de hospitalidade extrema, abertos para conversar sen límite e sen data. Alí agardábanme as responsábeis da Cátedra Federico García Lorca da Universidade Pedagógica Frank País de Santiago de Cuba, Sonia Domecq e Oilda Suares del Castillo, dúas guías imprencisdíbeis para rastrexar a grandeza de tantas cousas eméritas que garda esta primeira capital de Cuba; os seus museos e as súas prazas cargadas de estatuas evocativas a tantas e tantas persoas sen oprobios e que fertilizaron cultura, diálogo e revolución.

Cando unha acompañante como a profesora Sonia Domecq che descobre todo ese mosaico arquitectónico e a evolución da cidade santiaguera e tantas cousas tan desexadas por descubrir e aclarar como esa viaxe de Federico García Lorca a Santiago de Cuba, cuxo anunciado é ese gran poema de ‘Iré a Santiago de Cuba’, unha viaxe que realizou a esta cidade en 1930, e na que fixo amigos e deu conferencias. Sonia levoume á mesma hemeroteca da cidade para mostrarme os xornais da época que confirman esa estadía, en contra do que din os habaneiros de que Lorca só estivo na Habana. García Lorca deixou a súa pegada na sociedade da época, por iso son numerosos os recantos que lembran a Federico e aínda viven varias persoas que dan testemuño desa presenza. Santiago é unha cidade fraterna que cultiva o mellor dos seus, e ós que a visitan trata de non esquecelos. A Cátedra Federico García Lorca ademais de impartir clases sobre o poeta de Granada reparte emocións sacadas da palabra e do verso do poeta asasinado fai agora setenta anos. Por certo, a profesora Domecq fala con entusiasmo dos actos que celebrará a cátedra este ano.

Entre mar suave e montañas rexas Santiago de Cuba descansa no seu cuadrilátero nesa atmosfera de acougada paz. O escritor santiaguero Joel James así adefiniu: "Contra las montañas la bahía parece una bandeja de plata con mil pequeños puntos que se mueven en ella por la reverberación del sol. El cuadrilátero del parque es un inmenso charco de luz, con algunas manchas oscuras, apacibles, debajo de los árboles que apenas se mecen". Toda unha prenda de evocacións literarias despregadas sobre Santiago, poucos foron os visitantes que non deixaron o testemuño da palabra escrita. O escritor cubano de orixe catalá Francisco Prat Puig así opinou: "Ciudad caballera en la grupa de muchos lomos encabritados, que desde el mar avanza en busca del sol, este parece el asiento de las terrazas escalonadas a la vera del puerto; en la orilla oriental y en el fondo de la gran bahía. Así de accidentado es el asiento de la red de calles, cuya regular orientación cardinal ocultan pequeñas incurvaciones, que enmascaran su trazado en tablero de ajedrez".

Santiago de Cuba por fóra e por dentro, todo a primeira vista namora, atrae e liberta de contado. Percorrer rúas e batentes transitadas por cores híbridas onde a mulatería resplandece no seu candor sen igual. O vocerío sonero, sen recato e sen final marca donaire no pateado dos negros que en rigorosa quenda aturan e fraternizan os seus propios cánticos e axudan a que o son perdure ante ese coro de rostros esbrancuxados que non disimulan a envexa que senten por non coordinar tanta arte que ofrendan os negros nos seus propios territorios santiagueros.

martes, 21 febrero 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía