xose 1200x230

Crónicas de Cuba (IV) - 14.3.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Os cultistas e devotos de José Martí en Cuba sempre reparan no que se di sobre o apóstolo da independencia de Cuba. Eu sabía que a miña conferencia ía estar baixo sospeita do "¿Qué dirá un españolito de Martí?".

Mais a Cátedra Federico García Lorca apostou pola boa organización e convocatoria de persoas que estiveron expectantes do que se dicía de Martí. O seu título,‘Martí y España’, prometía atracción e debater sobre un tema tan amplo e merecente de ser abordado sen interrupción. Os mecenas do acto foron a presidente da Cátedra, Sonía Domecq Portuondo, organizadora e presentadora do mesmo coa asistencia de Rubén Ramos, presidente da Cátedra José Martí e José Luis de la Tejera, presidente da Asociación Cultural José Martí. Todo ficou en boas querencias. Martí, sempre sae airoso.

Naquela tarde radiante de sol, na Biblioteca Elvira Cape houbo dúas sorpresas importantes. Quizais a mais notábel da xornada foi a daquela guía do Museo Bacardí, pola mañá acompañoume en todo o percorrido do museo e despois da conferencia recitoume un poema, titulado ‘La cama’. Dicía que a súa cama estaba á espera do meu corpo. Recomendeille se a súa cama tiña almofada imaxinara que era o meu corpo e que o degustara.

A segunda sorpresa foi a dese enorme grupo de cataláns pertencentes á Associació Cubana dels Naturals i Descendents de Catalunya, Casal Emili Bacardí. Coidaron que eu era catalán e como tal me trataron. Eu gustei de exercer de catalán, é un orgullo despois de corenta anos que un leva en Barcelona e que os cataláns da diáspora viñeran para manter viva a nación dos seus ancestros. Case todos eles tiñan as súas orixes en Sitges, aquela vila mariñeira e emigrante que agora é rica e acolle emigrantes. É curioso o gran mérito deses cubanos que senten a Catalunya sen estar nunca nela e que ese cordón umbilical da catalanidade sexa o transmisor desa simbiose vital. No Casal Emili Bacardí mantense vivo ese espírito cando se fan as mesmas festas que no país de orixe, con sardanes. Publican, Grop Catalunya, voceiro desa identidade. Os cataláns de Santiago de Cuba son unha colonia forte cunha identidade viva porque desde o século XVIII houbo un asentamento de comerciantes que deixaron nobre estirpe como é o caso de Emilio Bacardí, o señor do ron e benfeitor da cultura cubana e catalá en Cuba.

Os cataláns de Santiago de Cuba expresan esa irmandade de amor pola nación dos seus ancestros. É curioso que se proclaman independentistas. Así mo manifestou unha señora maior que o seu avó era de Sitges: "Non me pregunte por que son independentista, forma parte do ideal que me ensinaron os meus pais". Formidábel cando un país cunha identidade totalizadora non se reduce a un territorio senón que se configura onde están os seus fillos e descendentes. Naquela tarde radiante de sol e radiante de catalanidade, que asumo e defendo, falamos en catalán e foron aqueles outros irmáns os que me deron calor e vitalidade para continuar medrando no que penso e defendo desta miña, tamén, "Catalunya bona i plena".

Mais nesa tarde de plenitude e misterio martiano, as sorpresas non cesaron, alá estaba un galego, Nicolás López Carracedo. A pesar de nacer en Ciudad Rodrigo, circunstancialmente, os seus pais eran de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). O seu pai, Ángel López Delgado, era de esquerdas e foi asasinado en 1936 en Ciudad Rodrigo e a súa mai encadeada. Posta en liberdade fuxiu con Nicolás, moi pequeno, para Santiago de Cuba. Comentoume que quixo coñecer a súa familia en Vilamartín, sobre todo os seus tíos que pertenceron a unha familia de esquerdas, uns paseados e outros encadeados. A burocracia española que é tan sensíbel aos problemas dos cidadáns, levárono a Ciudad Rodrigo, cando el nin coñecía a ninguén nin tiña familia. Despois partiu para Córgomo e satisfacer as súas apetencias de coñecer os seus ancestros. Hai poucos días que eu falei deste caso co escritor Anxo Baranga, natural de Córgomo, e resulta que Nicolás e mais el son familia. Boas noticias, pois, para este sufrido emigrante.

martes, 14 marzo 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras