xose 1200x230

Negociar a paz - 28.3.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

O final do terrorismo ou da loita armada –segundo o vocabulario dos contendentes– pasa, sen dúbidas, por un diálogo reconciliador que supere moitos dos atrancos que a violencia de máis de corenta anos impuxo.

Os dous terrorismos, o de ETA e o de Estado (o da etapa franquista e a dos GAL), aínda que o maior número de asasinatos se produciu máis polo lado etarra que polo outro, precisan de dialogar. Sen diálogo non pode haber paz para superar este longo contencioso. En 1998, nunha das miñas columnas de O Correo Galego, comentaba que a paz era posíbel só mantendo un diálogo para que emerxera a esperanza. Baseábame, entón, naqueles grupos que optaron pola loita armada de liberación e que tiveron a súa fin vencidos por medio dunha guerra aberta ou pola negociación.

No caso de ETA e doutros grupos armados como o IRA demostrouse que pola primeira vía non era posíbel, dado que aplicaron a coñecida guerra da pulga, agora pica aquí e vai ao escondite e despois pica noutro lado no que non se agarda a súa presenza. Por esta razón e por outras máis de maior peso estratéxico, ETA non era un simple grupo de bandidos illados, senón que tiña todo un aparato de información, previo ós seus actos violentos e un apoio táctico e intelectual que viña dado por unha parte da sociedade vasca.

Foron os intelectuais vascos dos anos cincuenta do século pasado, en pleno terror franquista, os que teimaron en buscar unha vía de resposta contra miles de asasinatos de todo Euskalerria e en concreto pola devastación de Gernika. A destrución de Gernika dosificou unha vinganza e, tamén, unha dignificación cívica de non engruñar as costas ante o terror fascista. ETA foi produto daquela desfeita e obrigou a unha nova toma de conciencia cidadá que apelou á historia máis recente das guerras carlinas e das loitas forais que tiveron no século XIX un escenario bastante expresivo e contundente en Euscadi e Navarra. Por iso o patriotismo vasco foi posto a proba e optou por unha vía, quizais prioritaria, pero en democracia moi imprecisa.

Despois das imposturas que tivo o aznarismo, usufrutuando politicamente as accións de ETA, utilizando un vocabulario belicista, que había que rematar co grupo armado vasco pola vía das armas. Isto foi un grande erro que o actual PP de Rajoy mantivo, disentindo dos que harmonizan un vieiro de paz. Mais a era Zapatero marca un novo escenario potenciado polo sentido común de negociar, porque no fondo recoñécese que é un conflito de Estado e como tal hai que resolvelo. Para recoñecer isto fai falta moita serenidade política e sentido común persoal, para levalo ao Parlamento e que este autorice a negociación. Toda a Cámara optou polo diálogo coa excepción dun PP con mala fe e cargado de insidias ao non manterse co decoro democrático de que a súa proposta non tivera cabida e optar por algo tan hostil e antidemocrático como é levar á rúa os seus expedicionarios para que a negociación non fose posíbel. Este foi un xesto de vulneración contra a soberanía popular que se expresa no Parlamento. Esta manobra custaralle cara ao PP e seralle difícil conducir unha xustificación despois de tanta hipocrisía alegada.

Na situación actual, despois de tantas treguas falsas e de esperanzas frustradas, a sociedade no seu conxunto ve necesario un diálogo sincero para que, dunha vez por todas, fertilice esa paz defraudada por tantos intereses políticos. Consolidar a paz necesita dun esforzo de todos, mais sen precipitacións; precísanse de moitos matices por parte de ETA e do Estado español, tamén da axuda de todas as instancias parlamentarias. Isto será difícil por parte dun PP con posturas moi típicas da extrema dereita, por iso é necesario que se centre e deixe de lado esa prepotencia energúmena que algúns dos seus representantes esgrimen e manifestan. A vontade certa de Zapatero de rematar cun conflito tan extraordinario e excepcional precisa dun voto de confianza e tamén das forzas políticas con representación parlamentaria que optaron sen reservas pola pacificación de Euscadi e do Estado español, para deixar atrás ese pesadelo que nos pesa moral e animicamente.

martes, 28 marzo 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras