xose 1200x230

Crónicas de Cuba (IX) - 25.04.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

As actividades da Feria do Libro da Habana impoñéronlles os seus códigos ás persoas que tivemos diversas participacións neste evento.

Os compromisos sempre se amplían dunha maneira vertixinosa ao ter que ir a contrarreloxo e, ás máis das veces, hai que buscar achegas nos vellos e desinteresados amigos como Noel de la Cruz, António Gonçalves (agregado cultural da Embaixada de Angola en Cuba) e Hortensia Peleteiro. Estas son as persoas que programan parte da miña estadía na Habana. Cousa curiosa, un coida que repite os mesmos itinerarios e visualiza as mesmas cousas e todo ten, dun ano para outro, novas composturas e cambios puntuais que se dan na vida dos cubanos.

En Cuba saben organizar e, tamén, implicar as persoas para descubrir moitos dos segredos que ten a Habana. Un pode sentirse receoso en varios espazos que poden parecer que non cambian de estética mais ese colorido que cada día é diferente nesa inmensa praza Central, con José Martí en mármore alba custodiado polos fermosos pazos dos antigos Centro Galego e Centro Asturiano. Dous modelos arquitectónicos que desafían esa altiva cúpula do pazo capitolino da Habana. Quen observe esa praza Central desde o fermoso paseo do Prado esquina Neptuno verá todos eses viandantes que parecen que van sen destino e sempre buscan un oco para comunicar cos forasteiros. Os modelos de coches, taxis e bicicletas de transporte transfírenlle unha humanización fermosa ao conxunto arquitectónico nas súas diversas versións de estilo. A praza Central, pois, é o nó de unión entre a Habana Vieja e a cidade máis moderna como é o Vedado e outras periferias.

Alén da Habana e de tantas actividades que se mesturan e entrecruzan a un apetécelle buscar esa paisaxe aberta e de palmeiras altivas que nos ofrecen balanceos de furtiva sorpresa. Gusto da campiña cubana e, sobre todo, desa paisaxe tan variada de Pinar del Río. A provincia pinareña é a mais preta da Habana e un, doadamente, pode facer a viaxe de ida e volta no mesmo día, sempre cun destro condutor como Noel de la Cruz. Pinar del Río ten esa fragancia de olores suaves que flúen de tantas plantas e, sobre todo, desas amplas e esveltas follas de tabaco que os guajiros (labregos) abren e modelan a terra para que as propias sementeiras falen co celme de cada misterio que encerra toda esa rica flora desta provincia.

Este ano estivemos na Casa del Campesino, na Unión, Tierra del Rosario, nun deses espazos paradisíacos que ofrece a provincia de Pinar del Río, alí comemos baixo un alpendre con teito de follas de palmeiras, ben tecidas e ben calculadas para que o repentino e potente trebón que caía non fixera augas sobre nós. O rechouchiar de aves exóticas, en seus múltiples coloridos e de ávidas plumaxes, festexaban a dádiva daquel forte nuboeiro que impoñía a súa sinfonía de latexos naquel espeso manto vexetal.

Naquel Ranchón, da Tierra del Rosario, atopamos ao negro Bebo Martínez de 75 anos, de varias profesións que exerce ao mesmo tempo como a de guajiro, santeiro, carboeiro, cantador de guajiras e cuartetos rimados e improvisados. Nesta última expresión reside a grandeza artística de Bebo e de seu acompañante, o guitarrista Luis Romero de 79 anos de idade. Antes de comezar o recital encomendouse aos espíritos animistas e de súpeto emerxeron os cánticos de "punto fijo y punto guajiro", xurdidos da súa mestría improvisada que el chama repentismo. Bebo mostra ser un enorme repentista, do verso ben medido e ben rimado. Toda esa incontención de voz en pranto que xurdiu daquel alpendre gastronómico, talvez animada pola misteriosa ánima de seus ancestros africanos, foi a mellor ofrenda que tivemos Galindo, Noel, Gonçalves e mais eu.

Despois o regreso á Habana, observando as acrobacias de aves que alentaban choiva fertilizadora e observaban esas enormes carretas tiradas por mansos bois que exhiben poder e fortaleza na súa brancura. Pinar del Río

martes, 25 abril 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras