xose 1200x230

Crónicas de Cuba (e X) - 02.05.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Apoteótica praza da Revolución da Habana, con ese fervoroso xentío a desbordar. Mais de oitocentas mil persoas, a gran maioría sentadas, agardaban a Fidel Castro, que sería o protagonista de entregarLLE a Hugo Chávez a condecoración máis importante de Cuba, a de José Martí. Os accesos a esta praza estaban bloqueados por esas longas filas de camións cargados de obreiros e campesiños. A perfecta cronometración fixo posíbel que todos chegásemos a tempo a ese evento. Por todas esas avenidas que conflúen á praza da Revolución, as persoas levaban xa concibido o lugar exacto do seu emprazamento, sen antes coller unha bandeiriña tricolor para alborozar durante as consignas. Chamáronme a atención esas casetiñas de lenzo ou cartón sostidas por catro paUs espetados nos espazos verdes que teñen a función de converterse en mexadoiros reservados.

Fiquei sorprendido pola excelente e decente organización que se fai nese enorme e severo espazo dedicado á Revolución. Nesas condicións non é fácil acomodar a tanta aglomeración de masas. O escenario habitual da oratoria está ao lado do ático memorial de José Martí. Para esta ocasión colocouse o escenario diante do enorme edificio da Biblioteca Nacional, cuxa fachada estaba cuberta cun enorme panel coa efixie de Martí. Toda unha mostra de recíproca solidariedade entre Venezuela e Cuba, no que se honraba o protagonista da chamada Revolución Bolivariana. Os convidados estranxeiros estabamos a quince metros do frontal do escenario.

Eu estiven na segunda fila, isto permitiume ollar e fotografar diversos lances, desde as oito da tarde á unha da mañá. A Fidel vírao en diversas ocasións mais non metido na súa propia salsa na praza da Revolución e durante tantas horas. Á súa dereita estaba o poderoso Consello de Estado, e á esquerda varios membros do Consello de Ministros. Chamaba a atención a animosa conversa entre os ministros de Cultura de Cuba e Venezuela, Abel Prieto e Farruco Sexto Novas, respectivamente. As fillas pequenas de Chávez brincaban por aquela longa tarima mentres o líder cubano e o venezolano formalizaban as súas compracencias e confidencias.

Despois chegaron os longos discursos. Fidel ten un enorme dominio da oratoria e un sentido de integrar as masas en cada un dos contidos dos que trata. Nótaselle que o seu fundamento académico é o de xurista, porque sabe precisar os momentos de tensión e alborozo. Fidel non le os discursos, só olla para un pequeno guión cando troca de tema. Fidel ten un sentido enorme de saber para quen fala e en que momento sobe ou baixa de ton de voz en correspondencia coas masas. Fidel sabe en que dirección e en que orde ten que ollar os diversos espazos da praza e mencionar a colectivos alí presentes. Corenta e sete anos de comunicador para xeracións de cubanos. Neste foro, xorde comunicación e convivencia. Un ten a sensación de que o pobo cubano e Fidel están unidos por ese cordón umbilical de sentimentos.

Gustei enormemente da parte máis nacionalista do seu discurso. A Cuba revolucionaria sempre se aferrou ao nacionalismo; antes fronte a España e agora ante o imperialismo gringo. De Martí a Fidel a palabra Revolución sempre estivo unida e amparada por esa forte dose nacionalista. Sen dúbida, Fidel é un nacionalista que converxe na solidariedade internacionalista. Os seus acentos de nacionalismo e cubanidade están sempre presentes nos diversos parámetros da súa posición ante globalización.

Hugo Chávez incidiu nos problemas básicos de Latinoamérica. O líder de Venezuela non é Fidel no que se trata de comunicar e transcender. O seu discurso en zigzag é demasiado reiterativo no que toca á figura de Simón Bolívar. Pode que a súa dialéctica populista teña unha gratificación nas masas do seu país. É de supor que os venezolanos están acostumados a este tipo de discurso: fácil e coloquial. Estamos falando de dúas oratorias moi distintas; unha procede dun avogado, a de Fidel, e a outra dun militar, a de Hugo Chávez. Mais as dúas son comprensíbeis.

martes, 2 maio 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras