logoGrupoCorreoLugrís Freire:líder e emancipador - 16.05.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Na nómina dos persoeiros a quen se lles dedicou o Día das Letras Galegas notábase a faltar o patricio, Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863, A Coruña, 1940). Desgraciadamente este enorme activista a quen o nacionalismo galego lle debe non poucas débedas e o pobo espoliado de Galicia encontraría nel non poucas referencias humanistas, foi o grande esquecido en libros de texto durante anos. Estamos ante unha figura senlleira da conciencia nacional de Galicia. Lugrís Freire é un dos grande próceres do patriotismo galego que desde agora temos que retomar a súa acusada personalidade para afondar na súa obra. Unha obra que se esclarece e se agranda neste ano, cando o seu nome se incorpora ao Día das Letras Galegas.

Ante a figura de Lugrís Freire é preciso que nos situemos en varios parámetros da súa vida e da súa obra para ter un reencontro co seu liderado e coa súa época. Quizais el descubriu Galicia na súa emigración en Cuba, desde moi mozo. Unha descuberta singular que tivemos moitos dos emigrantes e unha toma de conciencia do noso país partindo doutras realidades como era o contraste entre Galicia e Cuba. Trece anos de emigrante e exercendo de galego nunha sociedade convulsa como a que atravesaba Cuba no período preindependencia, onde o emigrante galego era considerado unha especie de bufón e sinónimo de parvo, con esa idea os galegos eran representados nos teatros do faime rir. Nun daqueles teatros onde se facía unha función degradante sobre os galegos, o rexo e ático Lugrís subiu ao estrado e parou a función. Este proceder é aínda recoñecido en Cuba e pouco coñecido en Galicia.

Nesta illa caribeña fundou o xornal A Gaita Gallega (1885-89, catro anos facendo e divulgando país. E é na emigración onde Lugrís Freire ten unha formación galeguizadora e é puntual nos diversos actos galegos que se facían na Habana. Lugrís deixounos en Cuba un legado importante espallado en varias publicacións galegas e non só, que había que recuperar e engadir ao resto da súa obra. Lugrís en Cuba podemos dicir que foi un precursor da galeguidade e de eventos en pro da dignificación dunha Galicia progresista. Poeta de agudas expresións sempre conmemorando a súa Terra. Co poeta residente en Cuba, Armada Teixeiro e Lugrís escribiron para os emigrantes galegos os dons da propia Terra, non dun xeito de choro e saudade.

Das diversas publicacións que se teñen feito para o evento do Día das Letras Galegas deste ano, notamos a falta de estudos plenamente dedicados a Lugrís e aos seus 13 anos de emigración en Cuba. Neses anos podemos atopar a verdadeira xénese do activista, do galeguista e do republicano. A formación intelectual que continúa en Galicia despois do seu retorno en 1896 amosa varias características de forza e sabedoría. Desde que chega e mora na Coruña pasa a formar parte de varias actividades literarias e políticas. A poucos se nos escapa que Lugrís fora o primeiro orador que participou en mitins e que fai en galego. O carismático Murguía que escribía e conferenciaba en castelán, o sólido Lugrís rompe ese costume.

Manuel Lugrís Freire foi o avantaxado de crear o movemento agrarista de matiz ante foral: Solidaridade Gallega, un apéndice de Solidaritat Catalana, esta de matiz agrarista e que loitaba contra os impostos enfitéuticos. A creación do xornal A Nosa Terra, da Real Academia de Lingua Galega, así como a súa presenza na creación das Irmandades da Fala, entre outras participacións, dimensionan o dinamismo de Lugrís que rompeu moitos tabús e moitos estaticismos.

Lugrís foi o republicano convencido que lle tocou vivir a esperanza dun estatuto autonómico na II República e tamén pasou pola traxedia da Guerra Civil, a cal silenciou ao vello loitador e ao rexo poeta, autor de Versos de Loita. Unha traxedia na que se viu envolto un dos seus fillos, Urbano Lugrís o grande pintor silenciado polas hostes franquistas.

martes, 16 maio 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía