logoGrupoCorreoOlga Novo e Marisol López - 30.05.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

En Galicia, desde os tempos do vello Francisco Añón a poesía e a política non foron de maos dadas nin tampouco de aliadas en temas diversos. Os políticos tiñan a tendencia a enmascarar a verdade e ocultar a palabra. Os poetas, ao contrario, ergueron a súa voz lexitimando no verso a verdade e o compromiso cos sen voz. Temos suficientes constatacións dese berro ergueito e sañudo dos poetas galegos contra intereses ocultos e intolerancias dos políticos en boa parte da historia contemporánea de Galicia.

Agora salta á palestra un contencioso que se dá, curiosamente, na Bretaña, a poeta e lectora de galego no Centro de Estudios Galegos de Rennes-2, Olga Novo, denuncia anomalías nese centro, non valéndose do verso pero si da súa denuncia cívica e núa dunha realidade que supura esas miserias vidas de condutas tan deplorábeis que en nada emancipan valores de convivencia e de respecto cara ó noso idioma. Olga Novo, poeta, é valente e dá nomes, os de Moisés Iglesias e Marisol López, cada un deles empoleirados en diversas políticas que máis que beneficiar a unha normalización lingüística parece que se empeñan en pór atrancos.

Neste contencioso, o meu instinto dime que teño que crer máis aos poetas que aos políticos. Por tanto creo a Olga Novo e non a Marisol López e ao seu emisario silencioso, Moisés Iglesias. Creo nesa voz de poucas sílabas máis de contundencia extrema. Creo na palabra poética, a que leva sempre esa carga directa e transparente. Non coñezo persoalmente a Olga Novo, coñezo os seus poemas que revelan a autenticidade desa poeta que agora denuncia nun breve relatorio os problemas que cada vez se lle engaden máis á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. Por suposto que non son críbeis ese xogo de palabras de certos políticos que esclarecen a ocultación dos feitos que acontecen nese centro de Rennes. Olga Novo tivo a coraxe de denunciar con esa enerxía coa que sempre se destacaron os poetas galegos ante temas infames e servís.

Olga Novo foi despedida, mais a cuestión é que se queira encubrir cun xogo de palabras típicas dun torpe seminarista en desuso. Marisol López está sendo contestada, desde hai meses por contradicións e incongruencias que acontecen no seu departamento. Parece que a Marisol López lle faltan lucidez e tacto para dirixir cuestións tan serias e tan delicadas como é a normalización do galego. Quizais isto non o entenda por moitas cuestións, unha delas poderíalle ser fundamental: ler mais poesía. Lendo aos nosos poetas, que sempre foron por diante dos políticos, pode que a señora López poida entender moitas cousas das que non percibe, entre elas a denuncia de Olga Novo.

Hai unha semana que estiven en Toulouse, no Instituto Cervantes, convidado a dar unha conferencia e alí estiven con varios galegos e profesores de galego en varios entes de ensino en Francia, faláronme do labor de Olga Novo moi en positivo e da súa enerxía de traballar por Galicia e polo noso idioma. Catro días despois leo nos xornais o conflito. Reitero, non coñezo a Olga Novo mais acredito nos seus colegas e sobre todo na súa postura de non deixarse amordazar pola petulancia caciquil e antigale.

Estamos falando dun problema moi serio como é o de aparcar a quen molesta cando non terxiversa a realidade e a evidencia. E isto, señora López, pode ser moi perigoso para vostede e para a súa credibilidade facer brincadeiras con persoas que crean poesía. Lembrareille un verso do poeta mozambicano José Craveirinha, que dirixiu a un gobernador colonial portugués e que sería bo que fixera seu para meditar e reflexionar, é este: "Coidado com os poetas,/ Excelentísimo Senhor Gobernador/ Coidado com os Poetas!". Señora directora xeral de Política Lingüística, teña coidado coas poetisas do noso país, algunhas delas cos seus versos non feren, só mostran a verdade núa.

martes, 30.05.2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía