xose 1200x230

Cristóvão Neto, en seu "delirium"... - 60.06.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Ós que seguimos a poesía angolana e as súas continxencias, desde certos parámetros da extraordinaria diversidade creativa que nos últimos anos acontece en Angola, sorpréndennos os recursos poéticos de Cristóvão Neto (1964), un poeta que deu ao prelo dous poemarios para ler e reler: Anoiteço e Delirium, Marcha Lenta. Con este último é co que intentaremos entrar nalgúns recursos das catro partes das que se compón este libro poético. Mellor catro perfís que catro partes, porque cada un deles mostra diferenzas aínda que estean baixo un só rexistro condutor. Digamos xa de entrada que non coincido co que di o prologuista da publicación, Manuel Rui, de que estamos ante un libro dun só poema. Cada un deses perfís ofrécenlle ao lector temáticas diferentes, tanto no seu nivel conceptual como no temario.

Asómbrannos certas pegadas maxistrais con que este poeta nos presenta, a simple vista, un poema fácil e cargado de fermosura e delicadeza. Mais esta sinxela presenza lévanos a profundar até atoparnos con toda esa metafísica, onde as palabras teñen o seu propio molde de localización. Polo tanto, a palabra poética condúcenos ao alén do que podemos sospeitar. Sobre todo ao lector occidental tan ausente das identidades poéticas africanas. O sentido e a dirección da metáfora dun poeta africano, coñecedor e revelador do seu propio universo, non é igual que a metáfora da que os occidentais estamos acostumados a entender e deliberar.

Mais o que estamos de acordo con Manuel Rui é en que "o poeta realiza na palavra a incorporação simultánea do passado, presente e futuro em ritualidade colectiva para uma voz reveladora de um intuitivo cántico". Perfectamente estamos ante un cántico maxistral que procede desa indagación que o poeta soubo percorrer por esa África profunda e nos seus diversos camiños concentrou toda unha aprendizaxe dos valores africanos. Por tanto, Cristóvão Neto coñece moito ben os códigos da poesía africana e, en concreto, as diversas vías deses códigos na poesía angolana. Quen sabe codificar tamén sabe descodificar tal como apreciamos nesta estrofa: "Caminho./ Os tropos do meu pensamento/ Invadem este império inexpugnável/ Com cavalos luminosos:/ Defendo-o sozinho com. paus e versos".

Non en van a descrición do que resta da metáfora sitúa o autor perante a realidade de convertela en verso e defendela. Aquí está a autenticidade do poeta cando cruza ese horizonte ermo por camiños intransitados. Velaí é onde residen as esencias e as potencialidades de África que neste libro están perfectamente reveladas e condensadas. Mais tamén hai unha dose de tristeza a que se enxerga na literatura oral africana. Esta sempre zumega a frescura que emerxe da existencialidade na que non hai fantasías que funcionen como ornamentos estéticos. Neto é quen confirma a dimensión da tristeza antiga nestes dous versos: "Eu não sou triste/ A tristeza é que é triste en mim".

A poesía angolana desde a xeración de Mensagem, finais dos anos corenta do século pasado, transcorreu por varias etapas, recursos e variedades, case todas elas en función dos estadios políticos e de confrontación en que viviu Angola. Esta foi unha situación marcante para a poesía deste país. Con todo, os poetas foron fieis a esa tradición de preservar o mellor desas contundencias. A revelación máis concreta disto está neste libro que nos achega un poeta tan profundo e nada ocasional como é Cristóvão Neto.

Polo tanto, no devandito poemario verificamos un novo escenario que fortalece ese canon esencial no que se reafirma a poesía angolana como unha das máis esclarecedoras das esencias da cultura africana. Cristóvão Neto acaba de fornecer un novo formato estilístico da poesía actual dese país africano na que se implican novas achegas de excelentes creadores que están tipificando o albor máis extraordinario neste novo milenio que comeza. A partir desta última entrega teremos que estar atentos á súa innovación.

martes, 06-06-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras