logoGrupoCorreoIsaac Díaz Pardo: o home e a obra - 20.06.2006

Xosé Lois García

Sempre se me fai costa arriba subir ao cume onde prevalecen os nomes de persoeiros que dignifican tantas cousas que temos entre nós para loalos e observalos ao mesmo tempo que esmiuzamos as súas obras e sempre un fica coa imprecisión de chegar ao esencial dos seus quefaceres. Isaac Díaz Pardo é un deses homes cuxo nome entrou en letras de molde e de ouro na historia de Galicia. E é un dos poucos que fixo "camiño ao andar". Eu diría, tocoulle andar por corredoiras maltreitas, tortas e escabrosas nun tempo e nun espazo cargados de ingratitudes.

A biografía de Díaz Pardo ofrécenos un sen fin de matices e todos eles lévannos en dirección á grande obra que el soubo crear. Unha obra que non deixa de ser un enorme renazo para unha Galicia que precisaba ser renovada e xenerosamente máis nosa. O complexo ceramístico de Sargadelos é un referente desa modernidade e, tamén, da galeguidade máis explícita e máis ampla. Toda esta obra, sen o esforzo de Isaac e de Luís Seoane, estariamos hoxe sen a oportunidade de crear ás canles necesarias de facer de Galicia un gran país. E estes son os alicerces dun progreso e dunha identidade que se resume en Sargadelos e que se manifestan na proxección dun home resucitado das cinzas que o franquismo sepultou a tantos "bos e xenerosos". Sempre tiven un enorme respecto por aqueles que foron sepultados baixo a queima fascista e sobre todo polos fusilados, como Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo. Aquela gran personalidade de credo democrático e galeguista. Isaac, desde moi novo, soubo o que era a traxedia continuada e en carne viva; o espolio moral e marcante que sufriu toda a súa familia deben achegarnos a unha reflexión sobre a última guerra civil. Por iso que é urxente recobrar a memoria dos esquecidos por decreto, aí atoparemos a grandeza dos superviventes.

Isaac Díaz Pardo foi un supervivente moi marcado por aquela traxedia pero a súa dignidade, como individuo, mostrouna en moitos dos ámbitos sociais, culturais e económicos, e sempre en función de facer país sen barullos, sen sobresaltos e sen personalismos tendenciosos. Neste sentido, Díaz Pardo é un referente sen parangón. A súa personalidade imprímese en cada unha das obras que realizou e das empresas que el creou e que personifican o grao e o modelo de modernidade nun país como Galicia, onde a maioría dos empresarios optaron por traballar de costas viradas á realidade e ás esixencias do país e en función de obter beneficios sen persistencia de futuro.

Ese home calado e vaga mundos, que parece que leva sempre o silencio de compañeiro, ese é Isaac Díaz Pardo, o home que abriu canles de expresión cultural como Ediciós do Castro, unha editorial que creou espazos nos que se manifestaron moitas das voces vedadas e acaladas pola ditadura. Unha editorial na que Isaac nunca interferiu, manipulando ou censurando a autores. Cada quen expresouse a vontade e isto foi asumido como un reto de promover novos valores literarios e sacar das tenebrosas catacumbas a autores e a obras proscritas pola ditadura.

En Díaz Pardo concrétanse outras moitas facetas, como é a dun grande creador pictórico ou boa parte dos deseños das cerámicas de Sargadelos e do Castro. Aí está o seu matiz de grande artista na que sempre balbúcea a sensibilidade galega. Nas pinturas de Díaz Pardo sempre atopamos a viveza da nosa idiosincrasia e dos valores mais expresivos do noso pobo.

Estamos asistindo, un bocado incrédulos, a certas insidias contra Isaac Díaz Pardo -tal como mencionan moitos dos medios de comunicación- coido que ninguén é eterno e imprescindíbel, mais cando se alega que unha persoa de 86 anos, como os que ten Isaac, ten que ser substituída por outra máis nova, baseándose na aritmética da idade, isto non deixa de ser unha falta de respecto para moitos octoxenarios que están máis lúcidos mentalmente que moitas persoas máis mozas e descerebradas.

martes, 20-06-06

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía