logoGrupoCorreo"Memorias dun neno labrego" - 27.06.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Se dicimos que este título da autoría de Xosé Neira Vilas, de Ediciós do Castro (A Coruña, 2005) é a vixésimo cuarta edición, contando desde a primeira edición de 1961, é todo un récord nas edicións publicadas en galego. Estamos falando, ao mesmo tempo, da popular acollida dun público heteroxéneo que se sentiu engaiolado pola oferta dun autor consagrado como é Pepe Neira. Pero ademais de ser o libro máis vendido, nestes últimos corenta e cinco anos, foi a obra máis comentada por unha crítica que se rendeu ante unha oferta puntual que revela as reviravoltas do neno labrego, Balbino, que vén ser a do propio autor da narración.

Memorias dun neno labrego é un compendio que resume as andanzas dese neno que foi Neira Vilas alá polas terras de Gres por onde o río Ulla cabalga cara ó seu último destino. Este espazo non podía ser máis íntimo nas boas querencias e nas lembranzas do autor, cando este se atopaba en Bos Aires, emigrado, que pasou a recompor ese memorando daquel universo galego que deixara atrás. É interesante como a memoria e o subconsciente recompoñen esas vivencias tan suxestivas da nosa cultura rural: alma precursora da identidade galega. É importantísimo e revelador como un autor, lonxe da súa terra e dos seus propios parámetros de convivencia, recompón esa historia que de diferente maneira e en diferente territorio vivimos os do rural. Todos estamos aí; todos somos o Balbino, en moitos deses lances narrativos que nos teñen acontecido de diferente maneira. Estamos ante un libro de varias materias e disciplinas que ilustran a vida dos moi diversos territorios galegos e sensibilidades que perpetúan a nosa idiosincrasia. Se é no campo antropolóxico, atopamos sorprendentes propostas e descubertas dun medio substancial que revela a autenticidade da nosa personalidade. Se é desde o lado etnolóxico zumega esa creatividade con que os labregos se forneceron para crear o seu propio universo con desvelada harmonía. Se é no eido cultural, o relato faise aínda máis revelador e sentimental.

É dicir, que estamos ante un libro de fecunda repercusión en todo o mundo, e isto patentízano as numerosas traducións que se teñen feito, obras de teatro e outras referencias emerxentes de Memorias dun neno labrego. Mais de todos estes condicionantes favorábeis, conta aínda cunha carencia imperdoábel, a de ser levado ao cine. Coido que a cinematografía está en débeda con todos os lectores destas "memorias". Hai tempo que oín rumores de que alguén intentaba introducir esta novela no cine. En Cuba, sempre que alá vou pregúntanme pola posta en escena cinematográfica. Até un coñecido intelectual cubano me deu datos concretos de que esta narración de Neira Vilas ía converterse en longametraxe. Até me confirmou que o director e produtor galego Ismael González ten realizado o guión e seica presentou un documental sobre esta obra, con unha hora de duración, en diversos festivais de cinema e outros eventos no que se aplaudiu este traballo. ¿Quen escatima esforzos para que este esforzo non se faga realidade e cumpra a función tan prioritaria de revelar en imaxes o perfil máis grato dese espazo narrativo co que nos fornece Pepe Neira?

É verdade que o noso cine está dando os seus primeiros pasos e para que sexa unha realidade non pode desprezar obras que xa teñen o seu guión montado e poden aproveitar os recursos máis interesantes da nosa identidade como a que se narra en Memorias dun neno labrego. Neste caso non podemos dicir que os cineastas galegos carezan de inventiva ou de atopar a coherencia dunha obra apta para ser levada ao cinema como é a que estamos comentando. Unha obra literaria, da magnitude desta de Neira Vilas, non pode quedar só no papel escrito, ten que ter repercusións no cinema e na televisión, nos grandes medios de masas partindo da configuración desta novela. Ninguén pode negarlle recursos a esta prioridade que pasa por reforzar a nosa propia realidade. Por tanto, faise necesario accionar o cinema galego con obras tan dignificadas como esta de Xosé Neira Vilas.

martes, 27-06-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía