xose 1200x230

"A poesía negra no Brasil" - 04.07.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Aqueles barcos negreiros cargados de africanos, escravizados polo colonialismo portugués e español nas minas e nos campos brasileiros, neles ían, tamén, as voces e as tradicións da África pura e auténtica que o colonialismo non puido dobregar. Voces auténticas e doridas resplandeceron en todo ese vasto continente e, con certeza, foron superiores a aqueloutras que predominaban nos salóns e en foros e que eran mimeticamente uns centros excluíntes nos que só tiñan acceso a aristocracia e a burguesía colonial.

Mais a autenticidade africana foi espallando os seus cantos e seus ritmos até que as súas raíces xerminaron nobres troncos e resplandecidas ramas e todas elas cantaron. A Editora Salamandra de São Paulo acaba de lanzar unha antoloxía, titulada: O negro en versos, propiciada polos antologadores, Luiz Carlos dos Santos, Maria Galas e Ulisses Tavares. Un compendio de duascentas páxinas que nos orienta, desde os clásicos ou precursores (século XVIII) até a actualidade. Mais en todas estas expresión tamén está a voz dos brancos, como é o caso de Machado de Assis ou de Castro Alves que respiraron solidariedade sen regatear en recoñecer esa expresión tan fundamentada no Brasil como é a cultura afro-brasileira.

Os autores desta antoloxía comezan por Domingos Caldas Barbosa, aquel mulato fillo de escrava angolana e dun facendado portugués residente no Brasil. O rapaz foi educado e ilustrado dentro duns canons estritamente burgueses. Foi enviado á metrópole e ordenouse sacerdote. Mais non foi un home que só ía ás igrexas tamén visitou os salóns de baile da aristocracia lisboeta e coimbrana. El introduciu neses salóns de danza os lundúns e as modiñas que na época do Marqués de Pondal tiveron unha arrogante preponderancia. Mais en todo isto, e, pese á educación recibida nun ambiente de brancos, os xenes africanos manifestaron orixinais e rimados sons en toda a acción poética e musical de Caldas Barbosa.

Xa nos finais do século XIX, resplandece o gran poeta, fillo de escravos, Cruz e Sousa (1861-1898). Considerado o pai da poesía simbolista brasileira. Un gran puntal da reafirmación negra no Brasil e nunha época en que foi vítima de non poucas persecucións racistas. Unha poesía, a súa, de enorme sensibilidade que aflora en moi diversos campos e pode que fose o grande autor iniciático da poesía negra brasileira. Quen rastrexe nos seus versos observará esa forza e esa incontinencia emerxente que flúe paixón e non delirio.

Do século XX e tamén do actual terceiro milenio mencionemos a Edimilson de Almeida Pereira (1963), doutor en varias disciplinas universitarias e investigador sobre as raíces africanas no Brasil. A Edimilson debémoslle un fecundo traballo de investigación de enorme longura e de vital fondura. Este poeta marca unha extraordinaria innovación en variadas expresións da súa poesía negra no Brasil. Nos seus versos ponse de manifesto a busca metafísica dun estilo saboroso e soberbio. Alén doutras concepcións que poidamos atopar na súa creación, xorde ese humanismo existencial que nos serve de ponte entre o presente e o pasado. Edimilsos de Almeida Pereira é unha das voces mais auténticas e destinguidas das que conta o Brasil na expresión poética afro-frasileira.

Estamos a falar dunha antoloxía que integra 43 voces de sublime autenticidade da que nos fai imposíbel falar de cada unha delas. Escollemos estas tres individualidades, desde un punto de vista moi persoal, por tratarse de tres voces que poden representar esas tres épocas emerxentes é, tamén, abranguer eses espazos tan orixinais que eles expresan. Todos estes poetas transbórdannos ás fontes orixinarias da África dos seus ancestros. Con eles, conmemoremos a grandeza desa exaltación que cada un destes autores manifestan o engrandecemento dese legado que levaron ao Brasil miles de escravos africanos.

martes, 04-07-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras