logoGrupoCorreo"Albereda de Castelao" - 11.07.2006

XOSÉ LOIS GARCÍA.

O pasado domingo 2 de xullo inaugurouse na entrada principal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) a Albereda (Alameda) de Castelao, coa presenza das primeiras autoridades da cidade presididas polo alcalde, Enric Llorca, pola conselleira de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo e outros convidados vindos de Galicia. O sábado día 1, no Parque de Rosalía, ofrendáronselle flores á autora de Follas Novas no seu espazo monumental. Despois, na Biblioteca de Aigüastoses inaugurouse a exposición do Álbum Nós de Castelao e libros do autor de Sempre en Galiza e sobre el. Pode que aquí a cidadanía de Sant Andreu de la Barca descubrira o verdadeiro valor intelectual e creativo de Castelao.

Neste primeiro acto falou o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, que se mostrou en todo momento agradecido e emocionado de que o seu coterráneo teña un lugar de exaltación en Cataluña. Teresa García-Sabell, tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela, aflorou na figura do rianxeiro, e tanto Avelino Pousa Antelo como Isaac Díaz Pardo glosaron a figura e a proxección de Castelao. Pola noite, na grande Plaça de la Font, actuou A Quenlla, coas súas cancións cívicas e de protesta. Os catalán ficaron emocionados até o punto de que lle pediron ao alcalde que volvan de novo a Sant Andreu, petición que confirmou Enric Llorca ao grupo musical. A implacábel calor do día 2 non desmotivou a preto de trescentas persoas que presenciaron a inauguración desta Alameda que ten once elementos iconográficos de cerámicas Sargadelos e doados pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia. Todo un conxunto de dez debuxos de Cousas espallados entre árbores, que motiva e atrae os viandantes desta Alameda e que están concibidos para recrear e emocionar a atención dos nenos, con eses debuxos de animais que dialogan entre eles; para xente moza coas consabidas retrancas de Castelao e, tamén, para persoas adultas que poden reflexionar ante ese diálogo de tipo social e político entre os diversos persoeiros creados por Castelao. A icona principal desta Alameda é unha autocaricatura de Castelao, dunha altitude de metro e medio, situada no centro deste fermoso espazo. A xente respondeu admirada e emocionada, por parte dos santandreuencs e numerosos galegos vindos de Barcelona e doutros lugares de Cataluña. Cada un destes once monolitos estaban cubertos con paneis de pinturas alegóricas a Castelao e á súa obra da autoría do pintor galego, Anxo Baranga, que a multitude percorreu ao son das gaitas do Centro Galego de Barcelona xunto ás autoridades e ós convidados. De inmediato, a poeta galega Elvira Veloso leu o pé dos debuxos en galego, Juan Pablo Beas (xefe de prensa do Concello) fixo a lectura coa súa tradución en catalán e, Pepe de Requeixo leu as placas que cada monolito ten fragmentos do Sempre en Galiza. Houbo exhibición de castellets e danzas dos xigants de Sant Andreu de la Barca.

O primeiro parladoiro foi o de Luís Lamas, presidente do Centro Galego de Barcelona e presidente da Federación de Entidades Galegas en Cataluña que manifestou a súa satisfacción polo que ollaba. Isaac Díaz Pardo, o vello intelectual galeguista e de longas camiñadas, manifestou as súas emocións pola grata experiencia que estaba vivindo. Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, convidounos a todos a beber das augas ceibes e transparentes que nos legou Castelao. Teresa García-Sabell deu unha interpretación viva da figura de Castelao. Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo, tivo unha oratoria vibrante que exaltou a figura de Castelao como transcendente en Cataluña e agradeceu, efusivamente, o xesto das autoridades municipais en proclamar a Castelao nun dos espazos mais emotivos de Sant Andreu de la Barca. A intervención de Ánxela Bugallo tivo dous tempos: un dedicado a Castelao e outro á cultura galega que se fai en Cataluña. Falou de actos episódicos que hai que superar. Coido que a conselleira de Cultura está moi ben informada das capeliñas e dos capeláns que manifestan individualismo e desbordante narcisismo. En definitiva, hai que evitar a diáspora dos ananos, que referiu Celso Emilio. Pechou o acto o alcalde Enric Llorca estimulando os cataláns para que amen a figura de Castelao e a que os galegos visiten esta Albereda.

martes, 11.07. 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía