logoGrupoCorreo¡Galiza nación! - 25.07.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

A Nación, en todas as súas realidades e compoñentes, nin se improvisa nin é capricho de iluminados ou de individualidades de intereses económicos. A Nación está forxada por unha serie de compoñentes que un colectivo determinado soubo crear, unha serie de correspondencias formativas nas que converxeron unha serie de atributos que a diferencian doutras por medio dun idioma, dunha psicoloxía propia, dunha xeografía e dunha historia. Estas son as claves definitorias dunha Nación.

As teses que Castelao consagra no inicio do seu Sempre en Galiza, coas que manifesta eses atributos que anteriormente outros manifestaran coherentemente. Castelao aínda nos achega máis ao tema no seu Alba de Gloria, cando engade unha serie de persoeiros de tódolos tempos que non ignoraron esa realidade e foron dignos, en diferente grao e medida, de manifestar a nosa realidade nacional. Pese a tantos séculos de silencio até o punto de crear os maiores obstáculos de esquecemento e de perda de conciencia nacional na cidadanía galega por medio de introducir a fala de Castela, de partillar a nosa xeografía e de espallarnos polo mundo como carne de mercado, de ocultar a nosa historia e a nosa identidade, ao final a dignidade dese colectivo aflorou en defensa da súa permanencia para seguir sendo diferente; nin máis bos nin máis indecentes cós outros, iso si, continuando sendo diferentes grazas ás moi diversas resistencias silenciosas.

A voz rompente e esclarecedora de Rosalía, salientadora do noso primeiro "Rexurdimento" nacional, distínguese nisto que dixo: "Pobre Galicia, non debes/ chamarte nunca española/ qu"España de ti s"olvida/ cando eres , ¡ay!, tan hermosa. (...) Naide porque te levantes/ ch"alarga á man bondadosa;/ naide os teus prantos enxuga/ y homilde choras e choras./ Galicia, ti non tes patria,/ ti vives no mundo soia,/ y á prole fecunda tua/ s" espalla en errantes hordas,/ mentras trist" e solitaria,/ tendida na verde alfombra/ ó mar esperanzas pides..." Mais outra voz poética, a de Eduardo Pondal, explicitou: "Os tempos son chegados", e os fillos da Nación de Breogán, resolutos e insubornábeis, comezaron a reivindicar e a reconstruír a patria dos celtas, dos suevos e dos trobadores do medievo dando esplendor á nosa literatura nacional. En todo isto, coincidimos con Castelao, ao dicir: "A nosa terra é nosa. Nada máis que nosa. Porque somos os únicos capaces de darlle luz á súa noite, pan ás súas demandas, dignidade á súa vida. Porque somos os únicos capaces de enxugar as súas bágoas de dor". Galiza non é unha Nación para os de mala fe e para os que tratan de ignorar os conceptos que converxen na nosa identidade nacional. Agora somos moitos, estritamente multitudes, os que agrandamos as referencias históricas da nosa nacionalidade e, tamén, afastamos ese colonialismo operativo que durante centos de anos foi usurpando e aliñando as nosas atribucións nacionais. Todo ese continxente non foi capaz de exterminar á Nación galega, por certo, segue viva e recuperándose de tantas agonías, grazas ós seus fillos, como se explicita no noso Himno Nacional: "Os bos e xenerosos/ a nosa voz entenden,/ e con arroubo atenden/ o noso rouco son,/ mais só os ignorantes,/ e feridos e duros,/ imbéciles e escuros/ non entenden, non".

Hoxe é o Día da nosa Patria; o da Nación galega, a de tódolos galegos, dos que a aman e dos que rexeitan dela, mais que aínda están a tempo de ratificar. A Galiza de hoxe intenta superar numerosos problemas infraestruturais tipificados na opresión centralista, e precisa dun novo Estatuto para ter novas competencias e para que sexa lícito que o que mantén a vaca ten dereito de muxila, como sempre corroborou Castelao. Non podemos prescindir da xestión dos nosos medios de produción, ¿quen mellor que os galegos coñece a súa propia realidade e pode ser capaz de concertar os mellores operativos para que Galiza sexa dona de si e solidaria coas demais comunidades? Somos unha Nación (en maiúscula), non porque o diga calquera senón porque o noso idioma a nosa antropoloxía e a nosa etnoloxía, desde os tempos máis antigos, resplandecen en tódolos paramentos da nosa vida e acotío manifestan: ¡somos Nación!.

martes, 25.07.2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía