logoGrupoCorreoNa morte de Marie Laffranque - 01.08.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Hai dous meses que coñecín en Toulouse a hispanista francesa e especialista na obra de Federico García Lorca, Marie Laffranque. Eu fora convidado polo Centro Galego de Toulouse e polo Instituto Cervantes a dar unha conferencia, titulada: "García Lorca e Galiza", no auditorio da entidade cervantina. Varios profesores galegos e franceses advertíronme que estaría unha das máximas autoridades da obra de Lorca. E cando se fala de autoridade e coñecemento sobre a obra dun autor determinado, neste caso a do poeta granadino, un tense que afianzar moito no que ten contemplado sobre diversas dimensións da magnitude desa obra. Nunha cadeira con rodas, empurrada pola profesora galega Fátima Rodríguez, viña un corpo fráxil e miúdo, mais ela emitía unha ollada resplandecente e nos seus beizos un sorriso de papoula. Durante a miña disertación cambiou o sorriso por unha solemnizada e imperturbábel fixación no que se dicía. Marie non viña a aprender nada, talvez a corrixir inexactitudes que alí se puideran dicir.

Gran parte da súa vida, xa de oitenta e cinco anos, consagrouna a un autor tan piramidal como foi García Lorca e centrouse en múltiples estudos observados do que se investigou e interpretou do poeta asasinado en Granada fai agora setenta anos. Coido que Marie Laffranque preservou na súa memoria toda esa dimensión lorquiana que ela foi tecendo e dinamizando en todo ese círculo de estudos e sondaxes de profunda elocuencia que ofreceu, en primeiro lugar, aos lectores en lingua francesa e, tamén, foi capaz de que un grande e basto público coñecera a obra de Lorca nas súas diversas fases e estadios literarios nos que se enxergou o autor de Cancionero Gitano.

Nese primeiro e último contacto que mantiven con ela, na capital de Occitania, falamos das relacións de Federico con Eduardo Blanco Amor. Cando falamos sobre o autor de A Esmorga notóuselle o gran cariño e aprezo que sentía por el. "Eduardo era un fermoso e elocuente cabaleiro de desbordante sabedoría", reiterou ela durante a conversa. Marie tivo ocasión de estar con Blanco Amor en moi diversas ocasións e saber das relacións entre el e o poeta granadino. Tamén falou de Guerra da Cal con menor entusiasmo e, por suposto, coñecía moi ben a transcendencia dos seis poemas lorquianos en galego e o que significan para a literatura galega contemporánea. Mais o entusiasmo de Marie Laffranque pola literatura galega móstrase nestes últimos anos que ela dedicou a varios autores e traduciu ao francés a Erótica de Xosé Luís Méndez Ferrín. Fagamos notar que durante moitos anos e, sobre todo, nestes últimos da súa vida estivo ao coidado da profesora galega Fátima Rodríguez e dunha irmá desta.

Mais aquela muller octoxenaria que coñecín no Instituto Cervantes de Toulouse o 19 de maio deste ano, de corpo miúdo e ollada doce e fulgurante que atraía e entusiasmaba, falecía o 13 de xullo. Toda unha vida dedicada ás letras ibéricas, especialista en García Lorca e autora de: Les idees esthétiques de Federico García Lorca e foi súa tradutora; amiga íntima de María Zambrano; tradutora de Vicente Aleixandre e de Gabriel Celaya, entre outros. Mantivo íntimas relacións coa familia de García Lorca e coa gran maioría dos especialistas de Lorca, levando ela esa primacía.

Marie Laffranque foi directora de investigacións filosóficas do Centre National de la Recherche Scientifique e membro do Centro Internacional de Estudios Gitanos de Granada entre outros centros de investigación. Digamos tamén que os seus coñecementos e a súa laboura intelectual estiveron á disposición e ao servizo de causas nobres. Como muller de esquerdas expresou sempre as súas adherencias e manifestacións a causas xustas como as de Danielle Mitterand e adherida ás accións de Ebe Bonafini, dirixente das Madres de la Plaza de Mayo. Teño a seguridade que algún día me atoparei con Marie nalgunha biblioteca ou mesmo no perfume dunha rosa que nunca se murcha.

martes, 01.08.2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía