xose 1200x230

Homenaxe a Primo Castro Vila - 08.08.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

En Galiza, as homenaxes multiplícanse co gallo do setenta aniversario do inicio da Guerra Civil de 1936 e coincidindo co ano da memoria. Así xorden múltiples actos dedicados aos mártires daquela incivilísima guerra provocada polo fascismo do que foron vítimas miles de galegos. Uns foron asasinados, como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño, sírvannos estes de mostra dese amor e tenrura que amosaron por Galiza e todos aqueles que padeceron persecución e recibiron daquel pobo silenciado e ameazado auxilio para fuxidos. Neste último apartado estaba Primo Castro Vila (1880-1950) un republicano que foi alcalde de Agolada durante o período republicano e que foi capaz de articular unha serie de infraestruturas e dándolle prioridade á construción de novas estradas, arranxo de camiños e construción de pontes. As súas preferencias de investimento estiveron viradas cara á construción de escolas rurais para superar aquel tradicional déficit de escolas e de escolantes con que a España monárquica marxinaba a Galiza.

Primo Castro Vila foi emigrante na Arxentina e alá foi onde se culturalizou e asimilou unha serie de avances que no seu regreso aplicou como eran aqueles artefactos eólicos que puxera no tellado da súa casa de Brántega e producían electricidade, ante a sorpresa e a incredulidade de seus veciños. Polos seus feitos a zona de Agolada foino coñecendo e as súas ideas avanzadas tiveron recompensa coa chegada da II República, elixíndoo por maioría absoluta. Ese enorme municipio pontevedrés como é o de Agolada viu durante o período 1931-36 un cambio cualitativo nas súas melloras. Na actualidade podemos ollar ese enorme piar de ponte no río Arnego, na parroquia de Carmoega, onde o alcalde Primo traballou manualmente cos demais obreiros.

Todas esas proxeccións do alcalde Primo son agora recoñecidas pola veciñanza de Agolada. Un alcalde humanista que soubo gañar o respecto por moitos de ideas contrarias ás del, menos pola facistada golpista que o perseguiu e estivo agochado pasando medoñas penurias despois de moitos anos agachado foi un dos poucos alcaldes que se salvaron da pena de morte.

O mentor desta homenaxe, sen dúbida, foi o escritor Xosé Vázquez Pintor que é o sabedor das múltiples ciencias, paciencias e confidencias de Primo Otero Vila que así amosou diante de súa campa sepulcral no cemiterio de Brántega nun discurso sentido e fervoroso en medio deses dous ramos de carballo e sobreira que depositaron os bisnetos de Primo. O carballo símbolo de fortaleza e a sobreira símbolo de renovación. Estas dúas árbores tan presentes na xeografía de Agolada e tan eficaces para a nosa labregancia serviron de contributo inapelábel para restituír a memoria de tanta heroicidade e civilidade que amosaron as vítimas do sanguinario Atila percorrendo Galiza.

Na casa onde Primo morou descubriuse unha placa e parlamentaron o incansábel galeguista, Avelino Pousa Antelo, os escritores David Otero, Ramón Caride e un veciño da Feira Nova de Brántega e Mero e Mini, do grupo musical A Quenlla, remataron os actos. Despois das manifestacións cívicas deuse paso aos actos lúdicos á beira do río Arnego, en Carmoega, debaixo dun enorme templo vexetal cuxos piares o conforman esas enormes toradas de carballo, castiñeiro e sobreira que de seus follatos saíron esas doces notas musicais de trobeiros antigos que ao son das fervenzas do Arnego nos confortaron con esas melodías de auga e vento. Despois as gaitas, en perpetua foliada e cantigas saídas de rexas gorxas de cantadeiras, e, Avelino Pousa Antelo a tocar pandeiro. Nunca imaxinara que o galeguista de Barcala tivera tanta audacia e sobresaínte proxección de ser un áxil tamborileiro. Así foi como se lle tributou unha merecida e sentida homenaxe ao alcalde de Agolada, Primo Castro Vila, un home para conmemorar cada día. Os da memoria histórica reivindicaremos en Saa, na parroquia de Meixide (Palas de Rei) o 14 dos correntes ás 11 da mañá, o fervoroso galeguista e home de ben, Camilo Díaz Baliño asasinado polos facciosos.

martes, 08.08.2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras