xose 1200x230

Terrorismo ecolóxico - 15.08.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Sen dúbida, o drama dos incendios polo que está pasando Galiza é consecuencia dun terrorismo organizado e vingativo que intenta erosionar os cambios de rumbo que o bipartito está poñendo en práctica desde hai un ano. Un terrorismo anónimo que cómpre investigar minuciosamente e poñer ante os tribunais eses sinistros persoeiros sen escrúpulos. Evidentemente, nun Estado democrático fan falla probas para acusalos e, tamén, como dicía hai poucos días Manolo Rivas coñecer a identidade e o perfil destes destrutores de tantos bens colectivos que se esconden en pérfidos labirintos. Partindo do hipotético, cos datos e conxecturas cos que se conta, debemos chegar a conclusións moi drásticas de sinalar eses terroristas como contrarios a toda convivencia, mais isto é materia de investigadores que deben esclarecer con tódolos medios estes feitos.

Mais, se damos unha ollada a dezaseis anos do goberno autonómico en mans do PP, decatámonos que en Galiza se erixiu unha serie de estereotipos propagandísticos irracionalmente críbeis que agora nos dan a medida de toda esa falta de concrecións para manter unha política correctamente posíbel onde os incendios non chegaran a este estado tan irracional que agora descubrimos. Realmente os incendios en Galiza non son novidade e eses dezaseis anos de autogoberno do PP tiñan que ser suficientes para crear infraestruturas, minimamente correctas para evitar esta drástica desfeita que padecemos dramaticamente.

Todos percibimos unha perfecta exhibición na estratexia destes pirómanos e, incluso, hai cerebros intelectuais na maneira de concibir unha estratificación calculada para causar os máis dramáticos e terroríficos estragos na Comunidade galega. Esa estratexia de concentrar o lume en zonas moi concretas onde os danos causados son reveladores e deles xorden as preguntas: ¿Por que os puntos neurálxicos deses incendios se concretan no frontal Atlántico, nas rías, onde se concentra o turismo e ao cal se intenta espantar? ¿Por que os incendios se producen en espazos onde predomina o voto de esquerdas? ¿Cuestións políticas, económicas, intereses pola madeira e apropiación de terreos forestais para construír zonas urbanizábeis, intereses laborábeis son os que fomentan este drama? Múltiples preguntas sen resposta que só aos investigadores lles corresponde esclarecer para que os autores reciban unha ilustrativa sanción.

De todo ese volume de incendios debe tomar boa nota o goberno autonómico para crear un inventario de tácticas co fin de frear incendios e desconcertos. Fai falta toda unha diversidade de infraestruturas innovadoras que o goberno do PP nunca se preocupou de planificar. Rematar con certos privilexios é prioritario no que se refire á protección de bens naturais e colectivos fronte a intereses privados. Toda unha revolución estratéxica e operativa, baseada en técnicos e nun servizo especializado de vixilancia para que dea resultados eficaces. Neste aspecto hai que ser valentes e decididos para estruturar cambios profundos e integrar a sensibilidade dos cidadáns.

Hai poucas semanas que visitei a vila mariñeira de Rianxo, estiven acompañado polo seu alcalde, Pedro Piñeiro, e polo vello amigo Manuel Dourado Deira. Un séntese feliz paseando por ese museo en vivo e evocador de ilustres rianxeiros por esa ribeira monumental e paisaxística. Comprobei as benquerencias das xentes de Rianxo co seu alcalde, este faloume de proxectos e notei na súa ollada o compracente que se sentía a evocar todo ese espazo de verdes fragrancias e de fermosas paraxes que se entronizan nesa arquitectura ben modelada e de atribucións mariñeiras. Despois disto ollei na televisión todo ese encanto calcinado e a Pedro Piñeiro, entrecortado e sen palabras. O rostro do alcalde evidenciaba a traxedia de Rianxo, extensiva a outros pobos da Galiza que padecen a extorsión deses pirómanos desalmados. Hai que extirpar este cancro e vitalizar unha nova inventiva para que Galiza supere o trauma que estamos soportando. Este problema non é exclusivo de quen goberna, é un tema de cidadanía.

martes, 15.08.2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras