logoGrupoCorreoPantón, entrambasaugas - 29.08.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García.

Se tivésemos que escoller un dos concellos para conmemorar a nosa ampla Ribeira Sacra, este sería, sen dúbida, alén do de Chantada, o de Pantón. Pese á depredación que sofre Galiza, en tódolos ámbitos, o concello pantonés aínda está virxinal e suxeridor en aspectos de natureza, paisaxe, arte castrexa, prerrománica, románica, gótica, barroca e neoclásica. Formatos de casas que amosan unha arquitectura feita á medida da funcionalidade labrega. Estilos de hábitat que harmonizan unha terra de chaira e ribeira, tan particularizada e concentrada nese promontorio peninsular que conforman os tres ríos: Miño, Sil e Cabe. Pantón amósanos as súas dúas facianas máis impresionantes, a telúrica e mais a panteísta. Non podemos dicir cal das dúas nos impresiona máis, porque as dúas se combinan e complementan para adentrarnos nas súas raigañas. Por esas brutais fendas sísmicas transcorren os mencionados ríos e tantos outros regatos e riachos que converten esta terra do Sur da provincia de Lugo nun dos paraísos máis testemuñais do onte que perdura no hoxe para seguir sendo promesa de futuro.

Claro que eu coñecía un bo roteiro do románico de Pantón. As súas nobres igrexas de bieitas e cistercienses, cos seus mosteiros onde moitos nobres quixeron ter sartego propio onde a carne corrupta deixara que a alma fora para altos apousentos como desexou o líder irmandiño, Diego de Lemos, sepultado nas Bernardas de Ferreira. Así é como aínda os castelos, igrexas, brasóns nos remiten ao medievo para meditar e deleitarnos coas marabillosas sorpresas que esta terra exhibe.

Confeso que grazas a unha esgrevia guía, como é a profesora Flora Enríquez que me amosou esa outra faciana pantonesa que dá ao nacente e ten o río Cabe como lindeiro ou raia coas terras de Sober. Nesta banda un descobre topónimos antigos e esgrevios como Panfolía ou Budián da parroquia de Acedre, cos seus portentosos miradoiros para espreitar todos eses microespazos que congratulan as nosas olladas e perfeccionan os dons de poder conmemorar a nosa Terra.

A Flora é unha verdadeira panteísta que nos levou ao encontro coa Nosa Señora da Porta de Budián, naquela capeliña branca onde se fan os milagres de concibir, alén de coitos e orgasmos. Por iso é a padroeira das mulleres embarazadas que conciben milagrosamente. Pois nese Budián marabilloso e concentrado, no alto dunha minúscula chaira cunha auréola de carballos e castiñeiros druídicos custodiando ese oráculo cultual, fixéronse servir dese espazo sacralizado por pagáns e cristiáns.

Aínda nos confíns da parroquia de Acedre agárdanos a maior das sorpresas, como é o lugar do Cotillón, onde a antiga torre de Vilamiráns se erguía como garda e vixía da ribeira pantonesa. O Cotillón é unha aldea cunha longa rúa de casas de xisto ben medido na súa verticalidade, que asexan os arrechouchíos das fervenzas do Cabe e das sorprendentes olladas dos pasaxeiros que van polo ferrocarril cara a Monforte ou Ourense. Eu non sabía como se chamaba este lugar que tantas veces ollei desde as fiestras do tren, con prados e hortas; vides retortas, cerdeiras e nogueiras. A Flora introduciume nunha paseada nesa singular aldea, con moradores amábeis que nos mostraron as súas casas e súas pertenzas. A xente desa Galiza profunda, afastada das desconfianzas e das falcatruadas urbanas aínda continúa sendo acolledora, extravertida e dada aos forasteiros. Os do Cotillón falan da beleza desa terra dura de ribeira pero que sensibiliza a ánima magoada e así os fai orgullosos dun contorno feito á súa medida que eles amparan e cultivan.

Na parroquia de Frontón, onde o Cabe e o Sil toman perpetua irmandade, a estrada serpentea en viravoltas cara á estación de Santo Estevo, fronte ao lugar da Barca, onde o Cabe desauga seu furor polas fervenzas albas como se ofrendase oracións á raíña catalá Santa Isabel, padroeira de Portugal, nesa súa capeliña branca que os da Barca construíron con tenra solemnidade.

martes, 29-08-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía