logoGrupoCorreoNa morte de Antón Cañellas I Balcells 05.09.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García.

Coñecín a Antón Cañellas (1923-2006) en 1970, xusto naquela movida que nos trouxo o famoso Proceso de Burgos. Mesmo cando a política tiña interese por parte dunha mocidade que non consentía ao franquismo. Eu tiña vinte e cinco anos e acostumaba a visitar, pola miña militancia antifranquista, aqueles foros de maior actividade contra o réxime. A Associació d"Amics de les Nacións Unides era un dos maiores de Barcelona, creado polo urólogo Antoni Puigvert, cando este operou a U Thant, secretario xeral da ONU, pediulle unha delegación de amizade en Barcelona e este concedeulla e Puigvert converteuse no creador e primeiro presidente da asociación e o segundo foi Antón Cañellas. Os franquistas sabían ben que alí, no Carrer Fontanella, ao lado mesmo da neurálxica Praça de Catalunya se acubillaba un excelente grupo de opositores, mais sabían que era perigoso botarlles o dente e pecharlles o garito. Naquel recinto xuntábase unha grande e grata Santa Compaña de comunistas, socialistas, anarquistas, nacionalistas, socialdemócratas, liberais e demócratas cristiás. Desta última tendencia era Antón Cañellas e todos eramos aliados en prol dunha causa común: a derrota do franquismo. Antón Cañellas foi un dos poucos homes que nos deu unha gran lección de tolerancia e transixencia ante moitas posturas razoablemente valentes mais que carecían de sentido común para ser aplicadas naquel contexto político. Antón Cañellas era unha persoa conciliadora que delicadamente sabía ceder ante o contrario para que gañaramos todos.

Lembro moi ben cando en 1973 propuxen crear nesta Associació unha instancia cultural galega que non era máis que unha tapadeira nacionalista da Irmandade Democrática Galega (IDGA) unha instancia adherida á UPG, constituída por obreiros de SEAT e estudantes universitarios galegos. Houbo oposición por parte dalgúns asociados e Cañellas resolveu o asunto favorable ás pretensión dos galegos. O primeiro acto que tivemos foi o Día das Letras Galegas de 1974, dedicado a Xohan Vicente Viqueira. Veu Xosé Luís Méndez Ferrín a conferenciar na Universidade de Barcelona e na sala de Sant Felip Neri. Sei perfectamente que a Policía advertiu a Cañellas no que podía desembocar o acto de Ferrín. Naquel 17 de maio do mencionado ano, Antón Cañellas arroupou a Ferrín, sen fisuras, e pavoneouse ante a Policía levándonos a el e mais a min a comer a un dos restaurantes máis visitados pola burguesía catalá e por axentes da DGS. Foi aquel un xesto que sempre lle agradecín a Cañellas. Pola noite fixo un eloxio á figura de Méndez Ferrín moi valente e coraxoso.

Curiosamente, naquel ano de 1974 fun elixido vicepresidente da Associació d"Amics de las Nacións Unides de Barcelona e moitas das veces tocoume presidir a directiva pola súa ausencia. As miñas relacións con el eran fluídas e de mutuo respecto ante os nosos posicionamentos ideolóxicos que nunca os cuestionamos. Mais eu no meu concepto de transgresor usurpei espazos da boa xentileza e vontade de Antón Cañellas. A este avogado, non en exercicio, eu ía á súa xoiería que tiña na Av. General Godet (hoxe Av. Pau Casals) e desde unha fiestriña avisaba os vixiantes que me deixaran entrar e adiantábase a preguntarme: "vens a cobrar l"impost revolucionari?" Cañellas nunca fallou en protexer o patrimonio clandestino que IDGA tiña en Barcelona, dando diñeiro para publicar o voceiro: O Mallo e outra propaganda clandestina.

Aquel demócrata cristián que en xuño de 1975 encabezou a delegación d"Amics d"ONU de Barcelona para ser recibidos no Hotel Ritz de Madrid polo secretario xeral das Nacións Unidas, Kurt Waldheim, levaba un informe sobre a represión do réxime franquista e permitiume adxuntar outro informe sobre a represión na Galiza. Despois da morte do ditador, cada quen colleu o seu rumbo e vímonos pouco. A última vez que nos demos a última e efusiva aperta, sendo o Sindic de Greuges (Defensor do Pobo Catalán), foi na casa do Cónsul de Portugal en Barcelona, nunha recepción polo "Día de Camões e das Comunidades" un 10 de xuño. Naturalmente, a voz de Cañellas foi rigorosamente necesaria.

martes, 05-09-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía